Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Que é o Internacionalismo?
A Revolución Proletaria e o renegado Kautsky (8)
24/09/2009


8. QUE É O INTERNACIONALISMO?

Kautsky, coa maior convicción, considérase e proclámase internacionalista. Aos Scheidemann cualifícaos de «socialistas gobernamentais». Ao defender aos menxeviques (Kautsky non manifesta abertamente estar do seu lado, mais aplica completamente as súas ideas), Kautsky revelou con extraordinaria evidencia como é o seu «internacionalismo». E como Kautsky non é un individuo illado, senón un representante dunha corrente que inevitabelmente naceu no ambiente da II Internacional (Lonquet na Francia, Turati na Italia, Nobs e Grimm, Graber e Naine na Suíza, Ramsay MacDonald na Inglaterra, etc.), é instrutivo detérmonos no «internacionalismo» de Kautsky.

Despois de subliñar que os menxeviques tamén estiveran en Zimmerwald (é un diploma, sen dúbida, mais... un diploma podre), Kautsky traza o seguinte cadro das ideas dos menxeviques, coas que está de acordo:

«... Os menxeviques querían unha paz xeral. Querían que todos os belixerantes aceptasen a consigna: sen anexións nin contribucións. Se isto non se conseguise, o exército ruso, segundo este punto de vista, debía manterse en disposición de combate. Os bolxevique, pola súa banda, esixían a paz inmediata a calquera custo, estaban dispostos a chegar a unha paz separada se fose necesario, esforzábanse por impoñela por medio da foza, aumentando a desorganización do exército, que sen iso xa era grande.»

Segundo Kautsky, os bolxeviques non debían tomar o poder, senón contentarse coa Constituínte.

Así, o internacionalismo de Kautsky e dos menxeviques consiste no seguinte: esixir reformas do goberno burgués imperialista, mais continuar a apoialo, continuar a apoiar a guerra dirixida por ese goberno até que todos os belixerantes aceiten a consigna: sen anexións nin contribucións. Esta idea expresouna moitas veces Turati, os kautskistas (Haase e outros) e Lonquet e compañía, que declararon que era pola «defensa da Patria».

Teoricamente, isto representa unha total incapacidade para afastarse dos socialchauvinistas e unha completa confusión na cuestión da defensa da patria. Politicamente, é substituír o internacionalismo polo nacionalismo pequenoburgués e pasarse ao bando do reformismo, renegar da revolución.

Recoñecer a «defensa da patria» é, do punto de vista do proletariado, xustificar esta guerra, recoñecer a súa lexitimidade. E como a guerra continúa a ser imperialista (tanto baixo a monarquía como baixo a república) –independentemente de onde se atopen as tropas inimigas nun determinado momento, no meu país ou en país estranxeiro- recoñecer a defensa da patria é de feito apoiar a burguesía imperialista e espoliadora, traizoar completamente ao socialismo. Na Rusia, mesmo baixo Kerenski, na república democrático burguesa, a guerra continuaba a ser imperialista, porque era feita pola burguesía como clase dominante (e a guerra é a «continuación da Política»); unha expresión particularmente patente do carácter imperialista da guerra eran os tratados secretos sobre o reparto do mundo e a pillaxe de países estranxeiros, concluídos polo ex tsar cos capitalistas da Inglaterra e da Francia.

Os menxeviques enganaban miserabelmente ao pobo chamado a esta guerra defensiva ou revolucionaria, e Kautsky, ao aprobar a política dos menxeviques, aproba que se engane ao pobo, aproba o papel dos pequenoburgueses, que serven ao capital enganando aos obreiros e amarrándoos ao carro dos imperialistas. Kautsky segue unha política tipicamente pequenoburguesa, filistea, imaxinando (e inculcando nas masas a idea absurda) que lanzar unha consigna modifica as cousas. Toda a historia da democracia burguesa desenmascara esta ilusión: para enganar ao pobo, os demócratas burgueses lanzaron e lanzan todas as «consignas» imaxinábeis. A cuestión está en comprobar a súa sinceridade, en comprobar as palabras cos feitos, en non contentarse con frases idealistas ou baleiras, senón en tentar atopar a realidade de clase. A guerra imperialista non deixa de ser imperialista cando os charlatáns ou os pequenoburgueses filisteos lanzan unha «consigna» dulcificadora, senón unicamente cando a clase que dirixe a guerra imperialista e está ligada a ela por millóns de fíos (incluso maromas) de carácter económico, é realmente derrubada e substituída no Poder pola clase verdadeiramente revolucionaria, o proletariado. Doutro xeito é imposíbel librarse dunha guerra imperialista, así como dunha paz imperialista, espoliadora.

Aprobando a política exterior dos menxeviques, declarándoa internacionalista e zimmerwaldiana, Kautsky, en primeiro lugar, demostra toda a podremia da maioría oportunista de Zimmerwald (non foi sen razón que nós, a esquerda de Zimmerwald(46), nos afastamos inmediatamente de tal maioría!), e en segundo lugar, e isto é o principal, Kautsky pasa da posición do proletariado á posición da pequenaburguesía, da posición revolucionaria á posición reformista.

O proletariado loita polo derrubamento revolucionario da burguesía imperialista, a pequenaburguesía polo «perfeccionamento» reformista do imperialismo, pola adaptación a el, someténdose a el. Cando Kautsky aínda era marxista, por exemplo en 1909, cando escribiu O Camiño ao Poder, defendía precisamente a idea de que a revolución era inevitábel en caso de guerra, falaba da proximidade dunha era de revolucións. O Manifesto de Basilea de 1912 fala directa e directamente da revolución proletaria en ligazón con esa mesma guerra imperialista entre os grupos alemán e inglés, que estoupou en 1914. E en 1918, cando comezaron as revolucións derivadas da guerra, no canto de explicar que eran inevitábeis, no canto de ponderar e examinar até o final a táctica revolucionaria, os procesos e medios de preparación da revolución, Kautsky ponse a chamar internacionalismo á táctica reformista dos menxeviques. Non é isto a forma de actuar dun renegado?

Kautsky eloxia aos menxeviques porque insistiran en que se mantivese o exército en disposición de combate. Censura aos bolxeviques facer medrar a «desorganización do exército», que sen iso xa era grande. Isto significa eloxiar o reformismo e someterse á burguesía imperialista, censurar a revolución e renegar dela. Porque baixo Kerenski, manter a disposición de combate significaba conservar o exército baixo o mando burgués (aínda que republicano). Todo o mundo sabe –e o curso dos acontecementos demostrouno con evidencia- que este exército republicano conservaba o espírito kornilovista, grazas aos seus cadros de mando kornilovistas. Os oficiais burgueses non podían deixar de ser kornilovistas, non podían deixar de apoiar o imperialismo, a represión violenta do proletariado. A táctica dos menxeviques reducíase de feito a conservar inalteradas todas as bases da guerra imperialista, todas as bases da ditadura burguesa, a resolver miudezas, a retocar pequeneces («reformas»).

Pola contra, ningunha grande revolución prescindiu nin pode prescindir da «desorganización do exército». Porque o exército é o instrumento máis empedernido de apoio ao vello réxime, o baluarte máis endurecido da disciplina burguesa e de apoio á dominación do capital, da manutención e da formación da submisión e da subordinación servís dos traballadores ao capital. A contrarrevolución nunca tolerou nin pode tolerar a existencia de obreiros armados ao lado do exército. En Francia –escribía Engels, os obreiros ficaron armados despois de cada revolución; «por iso, para os burgueses que se encontraban á cabeza do estado, o primeiro imperativo era desarmar aos obreiros(47)». Os obreiros armados era o xerme dun exército novo, a célula organizativa do novo réxime social. Esmagar esta célula, non deixala medrar, era o primeiro imperativo do burguesía. O primeiro imperativo de calquera revolución vitoriosa –Marx e Engels subliñárono moitas veces- foi destruír o vello exército, disolvelo e substituílo por un novo(48). A nova clase social que sobe ao poder nunca pode nin pode agora conseguir ese poder nin consolidalo sen descompoñer por completo o antigo exército («desorganización», claman a este respecto os pequenoburgueses reaccionarios ou simplemente covardes); sen pasar por un período moi difícil e doloroso, falto de todo exército (a gran revolución francesa pasou tamén por este terríbel período); sen formar pouco a pouco, en dura guerra civil, o novo exército, a nova disciplina, a nova organización militar dunha nova clase. O historiador Kautsky comprendía isto antigamente. O renegado Kautsky esqueceuno.

Que dereito ten Kautsky a chamar aos Scheidemann «socialistas gobernamentais», se el aproba a táctica dos menxeviques na revolución rusa? Os menxeviques, ao apoiaren a Kerenski, ao entraren no seu ministerio, eran igualmente socialistas gobernamentais. Kautsky non poderá de ningún xeito eludir esta conclusión, se sitúa a cuestión da clase dominante, a que fai a guerra imperialista. Mais Kautsky evitar formular a cuestión da clase dominante, cuestión obrigatoria para un marxista, porque abondaría situar tal cuestión para desenmascarar ao renegado.

Os kautskistas na Alemaña, os longuetistas(49) na Francia, Turati e compañía en Italia, razoan así: o socialismo presupón a igualdade e a liberdade das nacións, a súa autodeterminación; polo tanto, cando o noso país é atacado ou cando tropas inimigas invaden o noso territorio, os socialistas teñen o dereito e o deber de defender a patria. Mais este razoamento é, do punto de vista teórico, ou un escarnio completo en relación ao socialismo ou un subterfuxio fraudulento, e, do punto de vista político e práctico, esta razoamento coincide co dun homiño completamente ignorante que nin sequera sabe pensar no carácter social, de clase, da guerra nin nas tarefas do Partido revolucionario durante a guerra reaccionaria.

O socialismo está contra a violencia sobre as nacións. Isto é indiscutíbel. Mais o socialismo está en xeral contra a violencia sobre os homes. Porén, agás os anarquistas cristiáns e os tolstoiáns, ninguén aínda deduciu disto que o socialismo está contra a violencia revolucionaria. Xa que logo, falar de «violencia» en xeral, sen examinar as condicións que diferencian a violencia reaccionaria da revolucionaria, é ser un filisteo que renega da revolución, ou simplemente enganarse ou enganar aos demais con sofismas.

Outro tanto podemos dicir da violencia sobre as nacións. Toda a guerra consiste en violencia sobre as nacións, mais iso non impide aos socialistas estaren a prol da guerra revolucionaria. O carácter de clase dunha guerra: esa é a cuestión fundamental que se formula un socialista (se non é un renegado). A guerra imperialista de 1914-1918 é unha guerra entre os dous grupos da burguesía imperialista polo reparto do mundo, polo reparto do botín, pola pillaxe e estrangulamento das nacións pequenas e febles. Foi esta a apreciación da guerra feita polo Manifesto de Basilea de 1912, foi esta a apreciación que os feitos confirmaron. Quen se afaste deste punto de vista sobre a guerra non é socialista.

Se un alemán baixo Guillerme ou un francés baixo Clemenceau di: teño o dereito e o deber, como socialista, de defender a patria se o inimigo a invade –este razoamento non é dun socialista, dun internacionalista, dun proletario revolucionario, senón dun filisteo nacionalista. Porque neste razoamento desaparece a loita revolucionaria de clase do obreiro contra o capital, desaparece a apreciación de toda a guerra no seu conxunto, do punto de vista da burguesía mundial e do proletariado mundial, isto é, desaparece o internacionalismo e fica un nacionalismo miserábel e inveterado. Ofenden ao meu país, o resto non me importa: eis ao que se reduce ese razoamento, eis onde reside a súa estreiteza nacionalista e filistea. É como se alguén razoase así en relación á violencia individual contra unha persoa: o socialismo está contra a violencia, por iso prefiro cometer unha traizón a ir parar á cadea.

O francés, o alemán ou o italiano que di: o socialismo esta contra a violencia sobre as nacións, por iso deféndome cando o inimigo invade o meu país –traizoa o socialismo e o internacionalismo. Pois ese home só ve o seu «país», sitúa por riba de todo á «súa»... burguesía, sen pensar nas ligazóns internacionais que fan imperialista a guerra, que fan da súa burguesía un elo na cadea da rapina imperialista.

Todos os filisteos e todos os homiños obtusos e ignorantes razoan exactamente como razoan os renegados kautskistas, longuetistas, Turati e demais, a saber: o inimigo está no meu país, o resto non me importa.

O socialista, o proletario revolucionario, o internacionalista, razoa de xeito diferente: o carácter da guerra (sexa reaccionaria ou revolucionaria) non depende de que atacou nin do país no que se encontre o «inimigo», senón de cal é a clase que conduce a guerra, de cal é a política da que esa guerra é a continuación. Se esa guerra é unha guerra imperialista reaccionaria, isto é, conducida por dous grupos mundiais da burguesía imperialista, opresora, espoliadora e reaccionaria, calquera burguesía (mesmo a dun pequeno país) se torna cómplice da rapina, e a miña tarefa, a tarefa dun representante do proletariado revolucionario, é preparar a revolución proletaria mundial como única salvación dos horrores da matanza mundial. Non é do punto de vista do «meu» país como debo razoar (porque ese é o razoamento dun estúpido miserábel, dun filisteo nacionalista, que non comprende que é un xoguete nas mans da burguesía imperialista), senón do punto de vista da miña participación na preparación, na propaganda, na aproximación da revolución proletaria mundial.

Isto é o internacionalismo, esta é a tarefa do internacionalista, do obreiro revolucionario, do verdadeiro socialista. Este é o abecé que o renegado Kautsky «esqueceu». E a súa traizón tórnase aínda máis evidente cando el, despois de aprobar a táctica dos nacionalistas pequenoburgueses (menxeviques na Rusia, longuetistas na Francia, Turati en Italia, Haase e compaña na Alemaña), pasa á crítica da táctica bolxevique. Esta é esa crítica:

«A revolución bolxevique baseábase na hipótese de que serviría de punto de partida para a revolución europea xeral; de que a iniciativa audaz da Rusia incitaría aos proletarios de toda Europa a erguerse.

Partindo desta hipótese, pouco importaban, naturalmente, as formas que puidera tomar a paz separada rusa, que sacrificios e perdas territoriais (literalmente: mutilacións, Verstürnmelungen) trouxera ao pobo ruso, que interpretación daría á autodeterminación das nación. Polo tanto, era tamén indiferente se Rusia era ou non capaz de defenderse. Desde esta perspectiva, a revolución europea era a mellor defensa da revolución rusa, debía conducir a todos os pobos do antigo territorio ruso a unha verdadeira e completa autodeterminación.

A revolución en Europa, que traería o socialismo e o consolidaría, debía tamén tornarse nun medio para eliminar as eivas que o atraso económico do país puña á realización da produción socialista na Rusia.

Todo isto era moi lóxico e estaba ben fundado se se admitía unha hipótese fundamental: que a revolución rusa debía desencadear infalibelmente a europea. Mais, e se non acontece así?

Até agora non se confirmou esta hipótese. E agora acusan aos proletarios de Europa de abandonar e traizoar a revolución rusa. É unha acusación contra descoñecidos, pois a quen se pode responsabilizar da conduta do proletariado europeo?»

E Kautsky mastiga adicionalmente que Marx, Engels e Bebel se enganaron moitas veces a respecto da eclosión da revolución que agardaban, mais que nunca basearan a súa táctica na espera da revolución «nunha data determinada», mentres que, segundo el, os bolxeviques «xogaron todo a unha soa carta, a da revolución europea xeral».

Reproducimos deliberadamente unha cita tan extensa para amosar ao lector de xeito evidente con que «habilidade» Kautsky falsifica o marxismo, substituíndoo por unha concepción filistea vulgar e reaccionaria.

En primeiro lugar, atribuír ao adversario unha estupidez manifesta e despois refutala é un procedemento de persoas non moi intelixentes. Se os bolxeviques baseaban as súas tácticas na espera da revolución noutros países nunha data determinada, isto sería unha estupidez indiscutíbel. Mais o partido bolxevique non cometeu esta estupidez: na miña carta aos obreiros americanos (20/VIII/1918) rexeito abertamente esta estupidez, dicindo que contamos coa revolución americana, mais non nunha data determinada. Na miña polémica contra os socialistas revolucionarios de esquerda(50) e os «comunistas de esquerda(51)» (xaneiro-marzo de 1918), desenvolvín repetidas veces a mesma idea. Kautsky fixo unha pequena... pequeniña falsificación, baseando nela a súa crítica ao bolxevismo. Kautsky mete nun mesmo saco a táctica que conta coa revolución europea para unha data mías ou menos próxima, mais non determinada, e a táctica que conta coa revolución europea nunha data determinada. Unha pequena, pequeniña fraude!

A segunda táctica é unha estupidez. A primeira é obrigatoria para un marxista, para todo o proletario revolucionario e internacionalista; obrigatoria, porque só ela ten en conta correctamente, ao xeito marxista, a situación obxectiva creada pola guerra en todos os países europeos, só ela responde ás tarefas internacionais do proletariado.

Substituíndo a grande cuestión dos fundamentos da táctica revolucionaria en xeral pola pequena cuestión do erro que os revolucionarios bolxeviques poderían ter cometido, mais que non cometeron, Kautsky renunciou alegremente á táctica revolucionaria en xeral!

Renegado en política, en teoría el non sabe sequera formular a cuestión das premisas obxectivas da táctica revolucionaria. E aquí chegamos ao segundo punto.

En segundo lugar, é obrigatorio para un marxista contar coa revolución europea, se existe unha situación revolucionaria. É unha verdade elemental do marxismo que a táctica do proletariado socialista non pode ser a mesma cando existe unha situación revolucionaria e cando non existe.

Se Kautsky formulara esta cuestión, obrigatoria para un marxista, vería que a resposta era absolutamente contraria a súa tese. Moito antes da guerra, todos os marxistas, todos os socialistas estaban de acordo en que a guerra europea crearía unha situación revolucionaria. Kautsky recoñecía isto clara e terminantemente cando aínda non era un renegado, tanto en 1902 (A Revolución Social) como en 1909 (O Camiño ao Poder). O Manifesto de Basilea recoñeceu isto no nome de toda a II Internacional: non é casual que os socialchauvinistas e os kautskistas (os «centristas», persoas que vacilan entre os revolucionarios e os oportunistas) de todos os países temen como o lume as correspondentes declaracións do Manifesto de Basilea!

Polo tanto, a espera dunha situación revolucionaria en Europa non era un teimosía dos bolxeviques, senón a opinión xeral de todos os marxistas.

Se Kautsky elude esta verdade indiscutíbel con frases acerca de que os bolxeviques «sempre acreditaron na omnipotencia da violencia e da vontade», isto non é máis que unha frase baleira que agocha a fuga –a vergoñenta fuga- de Kautsky á formulación da cuestión da situación revolucionaria.

Continuemos. Comezou de feito unha situación revolucionaria ou no? Kautsky tampouco soubo formular esta cuestión. A resposta dada polo feitos económicos, a fame a e ruína que a guerra criou en todas partes, representa unha situación revolucionaria. Responden a esta cuestión tamén feitos políticos: xa desde 1915 se manifesta claramente en todos os países un proceso de escisión nos vellos e podres partidos socialistas, un proceso de afastamento das masas proletarias dos xefes socialchauvinistas á esquerda, ás ideas e o estado de espírito revolucionarios, aos xefes revolucionarios.

O 5 de agosto de 1918, cando Kautsky escribía a súa folla, só un home que temese a revolución e a traizoase podía deixar de ver eses feitos. E agora, a finais de outubro de 1918, a revolución medra diante dos nosos ollos, e con grande rapidez, nunha serie de países europeos. O «revolucionario» Kautsky, que quere que o consideren marxista como antes, revelouse un filisteo miope que –como os filisteos de 1847, ridiculizados por Marx- non viu a revolución que se achega!! Chegamos ao terceiro punto.

En terceiro lugar, cales son as particularidade da táctica revolucionaria, se aceptamos que existe unha situación revolucionaria europea? Kautsky, ao volverse un renegado, ten medo de formular esta cuestión, obrigatoria para un marxista. Kautsky razoa como o típico filisteo pequenoburgués ou como o campesiño ignorante: comezou a «revolución europea xeral» ou non? Se comezou, tamén el está disposto a volverse revolucionario! Mais logo –observamos nós- calquera canalla (como os miserábeis que ás veces se xuntan agora cos bolxeviques vitoriosos) se declarará revolucionario!

Pola contra, Kautsky daralle as costas á revolución se non é así. Kautsky non posúe nin sombra de comprensión da verdade de que aquilo que distingue ao marxista revolucionario do pequenoburgués e do filisteo é saber predicar ás masas ignorantes a necesidade da revolución que madura, demostrar a súa inevitabilidade, explicar a súa utilidade para o pobo, preparar ao proletariado e a todas as masas traballadoras explotadas.

Kautsky atribúe aos bolxeviques o absurdo de teren xogado a unha soa carta, contando con que a revolución europea comezaría nunha data determinada. Este absurdo volveuse contra Kautsky, porque resulta que a táctica dos bolxeviques sería correcta se a revolución europea tivese comezado o 5 de agosto de 1918! É precisamente esta a data que Kautsky pon á súa folla. E cando algunhas semanas despois dese 5 de agosto foi claro que a revolución se aveciñaba nunha serie de países europeos, todo o carácter renegado de Kautsky, toda a súa falsificación do marxismo, toda a súa incapacidade para razoar revolucionariamente e mesmo de formular as cuestión do punto de vista revolucionarios apareceron en todo o seu esplendor!

Cando se acusa de traizón aos proletarios de Europa - escribe Kautsky-, é unha acusación contra descoñecidos.

Engánase, Sr. Kautsky! Óllese no espello e verá aos «descoñecidos» contra os cales vai dirixida esta acusación. Kautsky faise o inxenuo, finxe non comprender quen lanzou tal acusación e cal é o sentido que ten. Mais na realidade, Kautsky sabe moi ben que esta acusación foi e é formulada polas «esquerdas» alemás, os espartaquistas , Liebknecht e os seus amigos. Esta acusación expresa a clara consciencia de que o proletariado alemán cometeu unha traizón contra a revolución rusa (e internacional) cando estrangulou a Finlandia, a Ucraína, a Letonia e a Estonia. Esta acusación é dirixido, ante todo e sobre todo, non contra a masa, sempre oprimida, senón contra os xefes que, como os Scheidemann e os Kautsky, non cumpriron o seu deber de axitación revolucionaria, de propaganda revolucionaria, de traballo revolucionario entre as masas contra a súa inercia, xefes que actuaron de feito para cortar o camiño aos instintos e aspiracións revolucionarias sempre latentes no interior da masa dunha clase oprimida. Os Scheidemann traizoaron aberta, groseiramente e cinicamente ao proletariado, a maior parte das veces por motivos egoístas, e pasaron ao lado da burguesía. Os kautskistas e os longuetistas fixeron outro tanto, vacilando, dubidando, ollando covardemente para os que naquel momento eran fortes. Durante a guerra, Kautsky, con todos os seus escritos, tentou extinguir o espírito revolucionario, no canto de apoialo e fomentalo.

Ficará como un momento simplemente histórico da idiotez filistea dun xefe «medio» da socialdemocracia oficial alemá o feito de que Kautsky non comprendera nin sequera a xigantesca importancia teórica e a importancia aínda maior para a axitación e a propaganda desta «acusación» aos proletarios de Europa de que traizoaran a revolución rusa! Kautsky non comprende que esta «acusación» é –baixo a censura do «Imperio» alemán- case o único xeito de poder, os socialistas alemáns que non traizoaron o socialismo, Liebknecht e os seus amigos, expresar o seu apelo aos obreiros alemáns para se libraren dos Scheidemann e dos Kautsky, para rexeitar tales xefes, para se liberar das súa prédicas embrutecedoras e vulgares, para erguerse a pesar deles, sen eles e por riba deles, rumbo á revolución, para a revolución! Kautsky non o comprende. Como pode comprender logo táctica dos bolxeviques? Como se pode agardar que un home que renuncia á revolución en xeral, sopese a aprecie as condicións do desenvolvemento da revolución nun dos casos máis «difíciles»?

A táctica dos bolxeviques era correcta, era a única táctica internacionalista, porque non se baseaba no receo covarde da revolución mundial, nunha «incredulidade» filistea en relación a ela, nun desexo nacionalista estreito de defender a «súa» patria (a patria da súa burguesía), «cuspindo» sobre todo o demais; baseábase nun cálculo correcto (recoñecido por todos antes da guerra, antes da apostasía dos socialchauvinistas e socialpacifistas) da situación revolucionaria europea. Esta táctica era a única internacionalista, pois facía o máximo daquelo que era realizábel nun só país para desenvolver, apoiar e espertar a revolución en todos os países. Esta táctica foi xustificada por un éxito enorme, pois o bolxevismo (e non grazas aos méritos dos bolxeviques rusos, senón por mor da profunda simpatía que por todas pares as masas senten por unha táctica verdadeiramente revolucionaria) converteuse bolxevismo mundial, deu unha idea, unha teoría, un programa, unha táctica, que se distinguen concretamente, na práctica, do socialchauvinismo e do socialpacisfismo. O bolxevismo aplicou o golpe de misericordia na vella e podre Internacional dos Scheidemann e dos Kautsky, dos Renaudel e dos Longuet, dos Henderson e dos Mac-Donald, que agora se atropelaron uns aos outros, soñando coa «unidade» e tentando resucitar un cadáver. O bolxevismo creou as bases ideolóxicas e tácticas da III Internacional, verdadeiramente proletaria e comunista, que ten en conta tanto as conquistas da época de paz como a experiencia da época de revolucións que comezou.

O bolxevismo popularizou en todo o mundo a idea da «ditadura do proletariado», traduciu estas verbas primeiro do latín ao ruso e despois a todas as linguas do mundo, amosando co exemplo do Poder Soviético que os obreiros e os campesiños pobres, mesmo nun país atrasado, mesmo os menos experimentados, instruídos e habituados á organización, foron capaces durante un ano enteiro, no medio de xigantescas dificultades, en loita contra os explotadores (que eran apoiados pola burguesía de todo o mundo), de conservar o poder dos traballadores, de crear unha democracia infinitamente máis elevada e máis ampla do que todas as democracias anteriores no mundo, de encetar o traballo creador de decenas de millóns de obreiros e campesiños para a realización práctica do socialismo.

O bolxevismo axudou de feito tan poderosamente ao desenvolvemento da revolución proletaria en Europa e na América como ningún outro partido en ningún outro país conseguiu facelo até agora. Ao tempo que para os obreiros de todo o mundo é cada día máis claro que a táctica dos Scheidemann e dos Kautsky non os librou da guerra imperialista nin da escravitude asalariada baixo a burguesía imperialista, que esta táctica non serve de modelo para todos os países – é cada día máis claro para as masas proletarias de todos os países que o bolxevismo iniciou o camiño seguro para a salvación dos horrores da guerra e do imperialismo, que o bolxevismo serve de modelo de táctica para todos.

A revolución proletaria, non só europea, senón mundial, madurou á vista de todos, e a vitoria do proletariado na Rusia axudouna, acelerouna e apoiouna. Todo isto é pouco para a vitoria completa do socialismo? Naturalmente que é pouco. Un único país non pode facer máis. Mais este único país, grazas ao Poder Soviético, fixo, porén, tanto que, se mañá o Poder Soviético ruso fose esmagado polo imperialismo mundial, supoñamos, por medio dun entendemento entre o imperialismo alemán e o anglo-francés, mesmo neste caos, o peor dos peores, a táctica bolxevique tería prestado un enorme servizo ao socialismo e tería apoiado o crecemento da invencíbel revolución mundial.


Notas:

(46) O grupo da esquerda de Zimmerwald foi constituído por iniciativa de Lenin na Conferencia Socialista Internacional en Zimmerwald, realizada en setembro de 1915. O grupo reuniu 8 delegados –representantes do Comité Central do POSDR e dos socialdemócratas de esquerda da Suecia, Noruega, Suíza, Alemaña, da oposición socialdemócrata polaca e dos socialdemócratas do Territorio de Letonia. O grupo da esquerda de Zimmerwald, dirixido por Lenin, loitou contra a maioría centrista na conferencia. A Esquerda de Zimmerwald declarou que, permanecendo na Unión de Zimmerwald, realizaría unha actividade independente a escala internacional e divulgaría os seus puntos de vista. A súa forza dirixente eran os bolxeviques, os únicos que adoptaron unha posición internacionalista consecuente.

(47) F. Engels, Introducción á obra de K. Marx A Guerra Civil en Francia.

(48) K. Marx, A Guerra Civil en Francia.

(49) Longuetistas: partidarios da minoría centrista do Partido Socialista Francés, liderados por Jean Longuet. Durante a guerra imperialismo mundial de 1914-1918, os longuetistas practicaron unha política de colaboración cos socialchauvinistas, rexeitaron a loita revolucionaria e defenderon posicións de «defensa da patria» na guerra imperialista. Despois da vitoria da Revolución Socialista de Outubro, os longuetistas declaráronse de palabra partidarios da ditadura do proletariado, mais na realidade continuaban a ser os seu adversarios. En decembro de 1920, os longuetistas, xunto cos reformistas declarados, separáronse do partido para adherirse á chamada Internacional II e Media.

(50) Socialistas revolucionarios de esquerda: membros do Partido Socialista Revolucionario de Esquerda, creado como organización no seu I Congreso de toda a Rusia realizado entre o 19 e o 28 de novembro (2-11 de decembro) de 1917. Antes desa data, os socialistas revolucionarios de esquerda existían como facción esquerda do Partido Socialista Revolucionario, No II Congreso dos Soviets de toda a Rusia, os socialistas revolucionarios de esquerda votaron nas cuestión máis importantes da orde do día xunto cos bolxeviques, negándose, asemade, a formar parte do Goberno Soviético, o que lles foi proposto polos bolxeviques. Despois de moitas vacilacións, os socialistas revolucionarios de esquerda, co gallo de conservar a súa influencia entre as masas campesiñas, estabeleceron un acordo cos bolxeviques e foron admitidos nunha serie de órganos dos Comisariados do Pobo. Malia todo, os socialistas revolucionarios de esquerda discordaban cos bolxeviques nas principais cuestión referentes á construción do socialismo e estaban contra da ditadura do proletariado. En xaneiro e febreiro de 1918, o Comité Central do partido dos socialistas revolucionarios de esquerda encetou unha campaña contra o tratado de Paz de Brest e, cando este foi aprobado polo IV Congreso dos Soviets, en marzo de 1918, os socialistas revolucionarios de esquerda abandonaron o Consello dos Comisarios do Pobo, permanecendo, porén, nos órganos dos Comisariados do Pobo e nos órganos locais do poder. Co desenvolvemento da revolución socialista no campo, os socialistas revolucionarios de esquerda entraron en oposición ao Poder Soviético. En xullo de 1918, o Comité Central dos socialistas revolucionarios de esquerda organizou en Moscova o asasinato do embaixador alemán, agardando provocar así unha guerra entre a Rusia Soviética e Alemaña, e iniciou un levantamento armado contra o Poder Soviético. O V Congreso dos Soviets de toda a Rusia, considerando esta situación, resolveu, após o esmagamento do levantamento, expulsar dos Soviets aos socialistas revolucionarios de esquerda que compartían os puntos de vista dos dirixentes do seu partido.

(51) «Comunistas de esquerda»: grupo antipartido que xurdiu no comezo de 1918, durante os debates sobre o tratado de paz con Alemaña. O grupo dos «comunistas de esquerda», agochándose nunha fraseoloxía esquerdista sobre a guerra revolucionaria, defendían unha política aventureira que pretendía unha guerra entre a República Soviética, que aínda non posuía exército, e a Alemaña imperialista, poñendo así en perigo a propia existencia do Poder Soviético.
Alén diso, os «comunistas de esquerda,» pronunciábanse contra a introdución da dirección unipersoal e da disciplina de traballo, así como contra a utilización de especialistas burgueses na industria. O Partido, liderado por Lenin, rexeitou decididamente a política dos «comunistas de esquerda».

(52) Espartaquistas .membros da organización revolucionaria dos socialdemócratas alemáns de esquerda, constituída por Karl Liebknecht, Rosa Luxemburgo, Franz Mehring e Clara Zetkin, etc., creada no comezo da Primeira Guerra Mundial. Os espartaquistas facían propaganda revolucionaria entre as masas, organizaban manifestacións antimilitaristas, dirixían folgas, desenmascaraban o carácter imperialista da guerra mundial e a traizón dos xefes oportunistas da socialdemocracia. En novembro de 1918, no curso da revolución na Alemaña, os espartaquistas uníronse na «Liga Espartaco», e no Congreso Constitutivo, que tivo lugar do 30 de decembro de 1918 ao 1 de xaneiro de 1919, fundaron o Partido Comunista da Alemaña.

Ler máis

Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com