Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Que os Soviets non ousen transformarse en organizacións estatais
A Revolución Proletaria e o renegado Kautsky (5)
12/09/2009


5. QUE OS SOVIETS NON OUSEN TRANSFORMARSE EN ORGANIZACIÓNS ESTATAIS


Os Soviets san a forma rusa da ditadura proletaria. Se o teórico marxista que escribe un traballo sobre a ditadura do proletariado tivese estudado realmente este fenómeno (no canto de repetir as lamentacións pequenoburguesas contra a ditadura, como fai Kautsky, repetindo as melodías menxeviques), tal teórico daría unha definición xeral de ditadura, e despois examinaría a súa forma particular, nacional, os Soviets, criticándoos como unha das formas da ditadura do proletariado.

Compréndese que nada serio se pode agardar de Kautsky despois da súa «adaptación» liberal da doutrina de Marx sobre a ditadura. Mais é moi característico ver como el aborda a cuestión do que son os Soviets e como resolve a cuestión.


Os Soviets, escribe lembrando o seu nacemento en 1905, criaran «unha forma de organización proletaria que era a máis ampla (umfassendste) de todas, porque comprendía todos os obreiros asalariados». En 1905 eles eran apenas corporacións locais, en 1917 transformáronse nunha organización de toda Rusia.

«A organización soviética ten tras de si –prosegue Kautsky- unha historia grande e gloriosa. E perante ela hai aínda unha historia máis poderosa, e non só na Rusia. Verifícase en todas partes que os antigos métodos de loita política e económica do proletariado son insuficientes» (versagen; esta verba alemán é un pouco máis forte que «insuficientes» e un pouco máis feble que «impotentes») «contra as xigantescas forzas das que dispón o capital financeiro nos aspectos económico e político Non é posíbel renunciar a eles, continúan a ser necesarios en tempos normais, mais de cando en vez se lles esixen tarefas cuxa resolución non está ao seu alcance, tarefas nas que o éxito só se consegue coa unión de todos os instrumentos políticos e económicos da forza da clase obreira».

Segue un razoamento sobre a folga de masas e sobre que «a burocracia dos sindicatos», tan necesaria como os sindicatos, «non é quen de dirixir batallas de masas tan poderosas que son cada vez máis características dos noso tempos ...»

«Así –conclúe Kautsky-, a organización soviética é un dos fenómenos máis importantes do noso tempo. Promete adquirir unha importancia decisiva nas grandes batallas decisivas entre o capital e o traballo, ás que nos diriximos.

Mais, temos o dereito de esixir aínda máis aos Soviets? Os bolxeviques, que despois da Revolución de Novembro (segundo o novo calendario, isto é, de Outubro segundo o noso calendario) de 1917, xuntamente cos socialistas revolucionarios de esquerda, obtiveron a maioría nos Soviets rusos de deputados obreiros, despois da disolución da Asemblea Constituínte transformaron o Soviet, que até entón era organización de combate dunha clase, unha organización estatal. Suprimiron a democracia, que o pobo ruso tiña conquistado na Revolución de Marzo (segundo o novo calendario, de Febreiro segundo o noso calendario). Consecuentemente, os bolxeviques deixaron de chamarse a si mesmos socialdemócratas. Chámanse a si mesmos comunistas» (subliñado de Kautsky).

Quen coñeza a literatura menxevique rusa verá inmediatamente de que xeito servil Kautsky copia a Martov, Axelrod, Stein e compañía. Precisamente «servil», pois Kautsky deforma até o ridículo os feitos en proveito dos preconceptos menxeviques. Kautsky, por exemplo, non se molestou en preguntar aos seus informadores, como ao Stein de Berlín e ao Axelrod de Estocolmo, cando se formulou a cuestión da mudanza de nome dos bolxeviques para comunistas e da importancia dos Soviets como organizacións estatais. Se Kautsky pedira esta simple información non escribiría estas liñas que provocan riso, pois estas cuestións foron formuladas polos bolxeviques en abril de 1917, por exemplo nas miñas «teses» do 4 de abril de 1917, isto é, moito antes da Revolución de Outubro de 1917 (por non falar da disolución da Constituínte o 5 de xaneiro de 1918).

Mais o razoamento de Kautsky, que reprodución enteiramente, é o cerne de todo o problema dos Soviets. O cerne está precisamente en saber se os Soviets deben aspirar a se converter en organizacións estatais (os bolxeviques lanzaran en abril de 1917 a consigna «todo o poder aos Soviets», e na conferencia do partido dos bolxeviques do mesmo mes de abril de 1917 os bolxeviques declararon a súa insatisfacción cunha república parlamentar burguesa, senón que esixían unha república obreira e campesiña do estilo da comuna ou do estilo dos Soviets), ou se os Soviets non deben aspirar a iso, non deben tomar o poder nas súas mans, non deber transformarse en organizacións estatais, senón que deben continuar a ser «organizacións de combate» dunha «clase» (como di Martov, embelecendo co seu desexo inocente o feito de que, baixo a dirección menxevique, os Soviets non eran máis que un instrumento de subordinación dos obreiros á burguesía). Kautsky repetiu servilmente as verbas de Martov, collendo fragmentos da discusión teórica dos bolxeviques cos menxeviques e transplantando eses fragmentos, sen crítica e sen sentido, ao terreo teórico xeral, europeo xeral. O resultado é un embrollo que provocaría un riso homérico en calquera obreiro ruso consciente que tivese coñecemento do citado razoamento de Kautsky.

Todos os obreiros europeos (coa excepción dun feixe de empedernidos social-imperialistas) acollerán a Kautsky como mesmo riso cando lles expliquemos de que se trata.

Levando ao absurdo, con extraordinaria evidencia, o erro de Martov, Kautsky prestou a Martov un gran servizo. Vexamos ao que chegou Kautsky.

Os Soviets agrupan a todos os obreiros asalariados. Contra o capital financeiro, os antigos métodos de loita política e económica do proletariado son insuficientes. Os Soviets teñen un grande papel non só na Rusia. Desempeñarán un papel crucial nas grandes batallas decisivas entre o capital e o traballo en Europa. Así fala Kautsky.

Moi ben. As «batallas decisivas entre o capital e o traballo» non decidirán a cuestión de cal destas clases se apoderará do poder de Estado?

Nada diso. Deus nos libre.

Nas batallas «decisivas», os Soviets, que agrupan a todos os obreiros asalariado, non deben transformarse en organizacións estatais!

Mais, que é o Estado?

O Estado non é mais que unha máquina para a represión dunha clase por outra.

Así, a clase oprimida, a vangarda de todos os traballadores e explotados na sociedade contemporánea, debe aspirar ás «batallas decisivas entre o capital e o traballo», mais non debe tocar a máquina por medio da cal o capital reprime ao traballo! –Non debe quebrar esta máquina! – Non debe empregar a súa organización ampla para reprimir aos explotadores!

Magnífico, admirábel, señor Kautsky! «Nós» recoñecemos a loita de clases como a recoñecen todos os liberais, isto é, sen o derrubamento da burguesía...

E faise aquí evidente a total ruptura de Kautsky tanto co marxismo como co socialismo. Isto é, de feito, pasar para o lado da burguesía, que está disposta a admitir todo o que se queira, menos a transformacións das organizacións da clase que ela oprime en organizacións estatais. Aquí xa non hai maneira de que Kautsky salve a súa oposición, a de conciliar todo e eludir con frases todas as contradicións profundas.

Ou Kautsky renuncia a calquera paso do poder de Estado para as mans da clase obreira, ou que admite que a clase obreira tome nas súas mans a vella máquina de Estado, burguesa, mais de ningún xeito que a quebre e destrúa substituíndoa por unha nova, proletaria. Que se «interprete» ou se «explique» dun ou doutro xeito o razoamento de Kautsky, no dous casos é evidente a ruptura co marxismo e o seu paso ao lado da burguesía.

Xa no Manifesto Comunista, ao falar do Estado necesario á clase obreira vitoriosa, Marx escribiu: «o Estado, isto é, o proletariado organizado como clase dominante». E agora, un home coa pretensión de continuar a ser marxista, declara que o proletariado totalmente organizado e que conduce unha «loita decisiva» contra o capital non debe facer da súa organización de clase unha organización estatal. «Fe supersticiosa no Estado», que, como escribía Engels en 1891, «se transplantou na Alemaña á consciencia xeral da burguesía e mesmo de moitos obreiros»(25) -isto é o que Kautsky revelou aquí. Loitade, obreiros -«concede» o noso filisteo (o burgués tamén o «concede», porque de calquera xeito os obreiros loitan e é preciso tan só pensar en como amosegar o gume da súa espada) -, loitade, mais non ousedes vencer! Non destruades a máquina do Estado da burguesía, non poñades no lugar da «organización estatal» burguesa a «organización estatal» proletaria!

Quen comparta seriamente a concepción marxista de que o Estado non é máis que unha máquina para a represión dunha clase por outra, quen reflexionase minimamente nesta verdade, nunca podería chegar ao absurdo de que as organizacións proletarias, capaces de vencer ao capital financeiro, non deben transformarse en organizacións estatais. Precisamente así se manifesta o pequenoburgués, para quen o Estado é, «a pesar de todo», algo fóra das clases ou por riba das clases. En efecto, porque se permitiría ao proletariado, «unha soa clase», conducir unha guerra decisiva contra o capital, que exerce a súa dominación non só sobre o proletariado senón sobre todo o pobo, sobre toda a pequenaburguesía, sobre todo o campesiñado, mais non se permitiría ao proletariado, «unha soa clase», transformar a súa organización en organización estatal? Porque o pequenoburgués teme a loita de clases e non a leva até as últimas consecuencias, até o principal.

Kautsky meteuse nun completo embrollo e desenmascarouse. Notade que el mesmo recoñeceu que Europa se dirixe a batallas decisivas entre o capital e o traballo e que os antigos métodos de loita política e económica do proletariado son insuficientes. Mais eses métodos consistían, precisamente, en utilizar a democracia burguesa. Polo tanto?...

Kautsky tivo medo de rematar o razoamento e chegar á conclusión que del se deduce.

... Polo tanto, só un reaccionario, un inimigo da clase obreira, un lacaio da burguesía, pode pintar agora os encantos da democracia burguesa e parolar verbo da democracia pura, volvendo a un pasado xa caduco. A democracia burguesa foi progresiva en relación á Idade Media, e era preciso utilizala. Mais agora é insuficiente para a clase obreira, Agora é preciso ollar non para atrás, senón para diante, para a substitución da democracia burguesa pola democracia proletaria. E se o traballo preparatorio da revolución proletaria, a educación e a formación do exército proletario foi posíbel (e necesario) no marco do Estado democrático burgués, limitar ao proletariado a este marco unha que se chegou ás «batallas decisivas» é traizoar a causa proletaria, é ser un renegado.

Kautsky caeu nunha situación particularmente ridículo, pois repetiu o argumento de Martov sen notar que en Martov este argumento se apoia noutro que en Kautsky non existe! Martov di (e Kautsky repite detrás) que Rusia aínda non está madura para o socialismo, do que se deduce naturalmente que polo de agora é cedo para transformar os Soviets, de órganos de loita, en organizacións estatais (léase: o que é oportuno é transformar os Soviets, coa axuda dos xefes menxeviques, en órganos de subordinación dos obreiros á burguesía imperialista). Agora ben, Kautsky non pode dicir abertamente que Europa non está madura para o socialismo. En 1909, cando aínda non era un renegado, Kautsky escribiu que entón non había que ter medo dunha revolución prematura, que quen renunciase á revolución por medo da derrota sería un traidor. Kautsky non se atreve a retractase explicitamente. Disto resulta un absurdo que desenmascara por completo toda a estupidez e covardía do pequenoburgués: por un lago, Europa está madura para o socialismo e camiña cara ás batallas decisivas entre o traballo e o capital; mais, por outro lado, a organización de combate (isto é, que se está a formar, a crecer e a fortalecer na loita), a organización do proletariado, vangarda e organizador, guía dos oprimidos, non pode transformarse en organización estatal!

No aspecto político práctico, a idea de que os Soviets son necesarios como organización de combate, mais que non deben transformase en organizacións estatais, é aínda infinitamente máis absurda que no aspecto teórico. Mesmo en tempo de paz, cando non existe unha situación revolucionaria, a loita de masas dos obreiros contra os capitalistas, por exemplo a folga de masas, provoca nos dous bando unha exasperación terríbel, unha extraordinaria paixón na loita, constantes referencias da burguesía a que é e quere continuar a ser a «señora da súa casa», etc. E en tempo de revolución, cando a vida política está en efervescencia, unha organización como os Soviets, que agrupa a todos os obreiros de todos os sectores da industria, e tamén a todos os soldados e a toda a poboación traballadora e pobre do campo, é unha organización que de seu, polo marcha da loita, pola simple «lóxica» do ataque e da resposta, é necesariamente levada a situar a cuestión de forma decisiva. Tentar tomar unha posición intermedia, «conciliar» o proletariado e a burguesía, é unha estupidez condenada a un fracaso lamentábel: foi iso o que aconteceu na Rusia coa prédica de Martov e outros menxeviques, é iso é o que acontecerá inevitabelmente na Alemaña e noutros países se os Soviets se desenvolven con certa amplitude, se conseguen unirse e consolidarse. Dicir aos Soviets: loitade mais non tomedes todo o poder de Estado nas vosas mans, non vos transformedes en organizacións estatais, significa predicar a colaboración de clases e a «paz social» entre o proletariado e a burguesía. É ridículo sequera pensar que, nunha loita encarnizada, semellante posición poda conducir a outra cousa que non sexa unha derrota vergoñenta. O destino eterno de Kautsky é sentar entre dúas cadeiras. Finxe non estar de acordo en nada cos oportunistas na teoría, mais, de facto, está de acordo con eles na práctica en todas as cuestións esenciais (isto é, en todo o que di verbo da revolución).


Notas:

(25) Lenin fai referencia á Introdución de F. Engels á obra de K. Marx A Guerra Civil en Francia.

Ler máis

Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com