Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

A Revolución Proletaria e o Renegado Kautsky (I): Limiar
06/09/2009


Esta é a primeira entrega na que imos dividir a obra de Lenin A Revolución Proletaria e o renegado Kautsky. Nove capítulos, incluído este Limiar, xunto con dous anexos, forman o conxunto deste traballo fundamental na formación marxista-leninista. Por suposto, unha vez finalizadas as entregas, editaremos o conxunto da obra en formato PDF como temos por costume.

Lenin comezou a traballar no libro A Revolución Proletaria e o renegado Kautsky a comezo do outono de 1918, após coñecer o traballo de Kautsky A Ditadura do Proletariado, no cal o xefe ideolóxico da II Internacional deturpaba e vulgarizaba a teoría marxista da revolución proletaria e calumniaba o Estado Soviético. Outorgándolle unha vital importancia a desenmascarar as concepcións oportunistas de Kautsky no tocante á revolución socialista e a ditadura do proletariado, Lenin pediu a Voróvski, daquela representante da URSS nos países escandinavos, que lle remitise o traballo de Kautsky así como todos os seus traballos sobre os bolxeviques. Nas súas memorias, Bontch-Bruévitch escribiu que Lenin estaba obsesionado por traballar no libro A Revolución Proletaria e o renegado Kautsky, «ardía literalmente en cólera», «escribía durante todo o día, até ben entrada a noite, esta obra admirábel pola súa forza...». O libro foi publicado en 1919 en Inglaterra, Francia e Alemaña.



A REVOLUCIÓN PROLETARIA E O RENEGADO KAUTSKY

LENIN



1. LIMIAR


A folla de Kautsky A Ditadura do Proletariado, publicada hai pouco en Viena, constitúe un claro exemplo da máis completa e vergoñenta bancarrota da II Internacional, da que falan hai moito tempo todos os socialistas honestos de todos os países. A cuestións da revolución proletaria pasa agora na práctica á orde do día en toda unha serie de países. Por iso é necesaria a análise dos sofismas propios dun renegado e da completa abxuración do marxismo en Kautsky.

Mais primeiro é necesario subliñar que quen escribe estas liñas, desde o comezo da guerra, tivo en moitas ocasións que indicar a ruptura de Kautsky co marxismo. A isto foi consagrada toda unha serie de artigos, publicados entre 1914 e 1916 no estranxeiro polo Sotsial-Demokrat(1) e o Kommunist(2) . Eses artigos foron reunidos nunha edición do Soviet de Petrogrado: Zinoviev e Lenin, Contra a Corrente, Petrogrado, 1918 (550 páxinas). Nunha folla publicada en Xenebra en 1915, e tamén traducida daquela ao alemán e ao francés(3), escribía eu sobre o «kautskismo»:

«Kautsky, á maior autoridade da II Internacional, constitúe un exemplo extremadamente típico e claro de como o recoñecer o marxismo de palabra levou, de feito, a transformalo en ‘struvismo’ ou en ‘brentanismo’ (é dicir, na doutrina liberal burguesa que admite unha loita de ‘clase’ non revolucionaria do proletariado, o que expresaron con especial claridade o escritor ruso Struve e o economista alemán Brentano). Vémolo tamén no exemplo de Plekhanov. Con claros sofismas baléirase o marxismo da súa alma revolucionaria viva, recoñécese no marxismo todo menos os medios revolucionarios de loita, a súa propaganda e a preparación, a educación das masas precisamente nese sentido. Kautsky ‘concilia’ sen principios a idea fundamental do socialchauvinismo, o recoñecemento da defensa da patria na presente guerra, cunha concesión diplomática e simulada ás esquerdas baixo a forma de abstención na votación dos cretos, do recoñecemento verbal da súa oposición, etc. Kautsky, quen en 1909 escribiu todo un libro sobre a aproximación dunha época de revolucións e sobre a relación entre a guerra e a revolución, Kautsky, quen en 1912 asinou o Manifesto de Basilea(4) referido á utilización revolucionaria da futura guerra, xustifica e embeleza agora de todos os xeitos o socialchauvinismo, e, como Plekhanov, xúntase coa burguesía para ridiculizar toda idea de revolución, de toda acción dirixida a unha loita efectivamente revolucionaria.

«A clase obreira non pode realizar o seu obxectivo revolucionario mundial se non leva a cabo unha implacábel guerra contra esta negación, a esta falla de carácter, a esta actitude de servilismo perante o oportunismo, a esta vulgarización teórica sen precedentes do marxismo. O kautskismo non é casual, é o produto social das contradicións da II Internacional, da combinación da fidelidade ao marxismo en palabras coa subordinación de facto ao oportunismo» (Zinoviev e Lenin, O Socialismo e a Guerra, Xenebra, 1915, pp. 13-14).

Continuemos. No libro O Imperialismo, fase superior do Capitalismo, escrito en 1916 (publicado en Petrogrado en 1917), analicei polo miúdo a falsidade teórica de todos os raciocinios de Kautsky sobre o imperialismo. Citei a definición do imperialismo dada por Kautsky:

«O imperialismo é un produto do capitalismo industrial altamente desenvolvido. Consiste na tendencia de toda a nación capitalista industrial para someter ou anexar cada vez máis rexións agrarias (o subliñado é de Kautsky), calquera que sexan as nacións que as poboan.»

Mostrei que esta definición é absolutamente falsa, acaída para agachar as máis profundas contradicións do imperialismo, e, seguidamente, chegar á conciliación co oportunismo. Eu presentei a miña propia definición do imperialismo:

«O imperialismo é o capitalismo na fase na que gañou corpo a dominación dos monopolios e do capital financeiro, adquiriu marcada importancia a exportación de capitais, comezou a repartición do mundo polos trusts internacional e terminou a repartición de toda a Terra entre os países capitalistas máis importantes».

Mostrei que a crítica do imperialismo de Kautsky é mesmo máis feble que a crítica burguesa, filistea.

Finalmente, en agosto e setembro de 1917, isto é, antes da revolución proletaria na Rusia (25 de outubro – 7 de novembro de 1917), escribín o traballo O Estado e a Revolución. A Doutrina do Marxismo sobre o Estado e as Tarefas do Proletariado na Revolución, publicada en Petrogrado en principios de 1918. E aquí, no capítulo 6, sobre «A vulgarización do marxismo polos oportunistas», dediquei unha atención especial a Kautsky, demostrando que el deturpa por completa a doutrina de Marx, adaptouna ao oportunismo e «renegou cos feito da revolución ao tempo que a recoñecía en palabras».

No fondo, o erro teórico fundamental de Kautsky na súa obra sobre a ditadura do proletariado consiste precisamente nas deturpacións oportunistas da doutrina de Marx sobre o Estado, que revelei polo miúdo no meu traballo O Estado e a Revolución.

Estas observacións preliminares eran necesarias pois proban que acusei abertamente a Kautsky de ser un renegado moito antes de que o bolxeviques tomaran o poder de Estado e de ser, por iso, condenados por Kautsky.

NOTAS

[1] Sotsial-Demokrat (O Socialdemócrata): periódico ilegal, órgano central do POSDR; foi editado entre febreiro de 1908 e xaneiro de 1917. O primeiro número foi publicado na Rusia. Máis tarde, a edición do periódico foi transferida a París e Xenebra. Desde decembro de 1911, o Sotsial-Demokrat foi dirixido por Lenin.

[2] Kommunist (O Comunista): revista fundada por Lenin, editada pola redacción do periódico Sotsial-Demokrat en colaboración con Piatakov e E. B. Boch, que financiaban a súa edición (da redacción da revista facía tamén parte Bukharine). Publicouse só un número (dobre), en setembro de 1915. En 1916, por mor do comportamento antipartido do grupo de Bukharine, Piatakov e Boch, a redacción do periódico Sotsial-Demokrat, a proposta de Lenin, declarou que consideraba imposíbel a continuación da publicación da revista.

[3] Trátase do traballo O Socialismo e a Guerra (A Actitude do POSDR en relación á Guerra), concibido por Lenin en ligazón coa preparación da Primeira Conferencia Socialista Internacional. Zinoviev participou tamén na preparación do artigo; porén, foi fundamentalmente escrito por Lenin, quen fixo a redacción xeral de todo o artigo. A obra O Socialismo e a Guerra foi publicada nas vésperas da Conferencia de Zimmerwald, que se levou a cabo en setembro de 1915, baixo a forma dun pequeno caderno en ruso e alemán e que foi distribuído aos participantes da conferencia.

[4] Manifesto de Basilea: manifesto sobre a guerra adoptado polo Congreso Socialista Internacional Extraordinario, que se realizou en Basilea o 24 e 25 de novembro de 1912. O manifesto advertía aos pobos sobre a ameaza da guerra mundial imperialista que se achegaba, revelaba os obxectivos de pillaxe desta guerra e apelaba aos obreiros de todos os países para que levaran a cabo unha loita decidida pola paz, opoñendo «ao imperialismo capitalista a forza da solidariedade internacional do proletariado». No manifesto de Basilea foi incluído o punto, formulado por Lenin, da resolución do congreso de Stuttgart de 1907 de que no caso de que fose desencadeada a guerra imperialista, os socialistas deberían aproveitarse da crise económica e política provocada polo guerra para conducir a loita pola revolución socialista.

Ler máis

Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com