Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Servilismo ante a burguesía baixo a aparencia de «análise económica»
A Revolución Proletaria e o renegado Kautsky (9)
30/09/2009

9. SERVILISMO ANTE A BURGUESÍA BAIXO A APARENCIA DE «ANÁLISE ECONÓMICA»

Como xa se dixo, o libro de Kautsky debería chamarse, se o título traducise correctamente o contido, non A Ditadura do Proletariado, senón Repetición dos Ataques Burgueses contra os Bolxeviques.

O noso teórico volve agora a requecer as vellas «teorías» dos menxeviques sobre o carácter burgués da revolución rusa, isto é, a vella deturpación do marxismo polos menxeviques (repudiada en 1905 por Kautsky!). Por máis aborrecíbel que sexa esta cuestión para os marxistas rusos, teremos que deternos nela.

A revolución rusa é burguesa –dicían todos os marxistas da Rusia antes de 1905. Substituíndo o marxismo polo liberalismo, os menxeviques concluían disto: polo tanto, o proletariado non debe ir alén daquelo que é aceptábel para a burguesía, debe seguir unha política de conciliación con ela. Os bolxeviques dicían que isto era unha teoría liberal burguesa. A burguesía aspira a realizar a transformación do Estado á maneira burguesa, de modo reformista, e non revolucionariamente, conservando todo o posíbel a monarquía, a propiedade latifundista da terra, etc. O proletariado debe levar até a fin a revolución democrático-burguesa, sen se deixar «atar» polo reformismo da burguesía. Os bolxeviques formulaban así a correlación das forzas de clase na revolución burguesa: o proletariado, atraendo ao campesiñado, neutraliza a burguesía liberal e destrúe totalmente a monarquía, o medievalismo, a propiedade latifundista da terra.

É precisamente na alianza do proletariado co campesiñado en xeral onde se manifesta o carácter burgués da revolución, porque os campesiños en xeral son pequenos produtores, que existen na base da produción mercantil. Despois, engadían entón os bolxeviques, o proletariado, atraendo así a todo o semiproletariado (todos os explotados e traballadores), neutraliza ao campesiñado medio e derruba á burguesía: nisto consiste a revolución socialista, diferente da democrático-burguesa. (Ver a miña folla de 1905 Dúas Tácticas, reeditada na compilación En Doce Anos, Petersburgo, 1907).

Kautsky participou indirectamente nesta discusión en 1905 pronunciándose, cando foi interpelado polo entón menxevique Plekhanov, no fondo contra Plekhanov, o que provocou daquela moitas brincadeiras da prensa bolxevique. Actualmente Kautsky non lembra nin unha palabriña das discusión desa época (recea ser desenmascarado polas súas propias declaracións!), e priva así ao lector alemán de calquera posibilidade de comprender o cerne do problema. O señor Kautsky non podía dicir aos obreiros alemáns en 1918 que en 1905 estaba a favor da alianza dos obreiros cos campesiños, e non coa burguesía liberal, nin en que condicións defendía esta alianza, nin que programa proxecta para esta alianza.

Dando marcha atrás, Kautsky, baixo a aparencia de «análise económica», con frases pretensiosas sobre o «materialismo histórico», defende agora a subordinación dos obreiros á burguesía, mastigando, coa axuda de citas do menxevique Máslov, as vellas concepcións liberais dos menxeviques; estas citas sérvenlle para demostrar unha nova idea sobre o atraso da Rusia, mais desta nova idea retira a vella conclusión de que nunha revolución burguesa non se pode ir máis lonxe do que a burguesía! E isto malia todo o que dixeron Marx e Engels ao comparar a revolución burguesa de 1789-1793 en Francia coa revolución burguesa na Alemaña en 1848 !

Antes de pasar ao «argumento» principal e ao contido principal da «análise económica» en Kautsky, subliñemos como as primeiras frases revelan unha curiosa confusión de ideas ou unha lixeireza de ideas do Autor: WinuE
«A base económica da Rusia –proclama o ‘teórico’- é até agora a agricultura, e concretamente a pequena produción campesiña. Dela viven cerca de 4/5, quizais mesmo 5/6 da poboación.»

En primeiro lugar, querido teórico, xa pensou cantos explotadores pode haber ente esta masa de pequenos produtores? Naturalmente non mais dunha décima parte do total, e nas cidades menos aínda, porque aí a grande produción está máis desenvolvida. Poña mesmo un número incribelmente elevado, supoña que 1/5 dos pequenos produtores son explotadores que perden o dereito ao voto. E mesmo así verá que o 66% dos bolxeviques no V Congresos dos Soviets representaban á maioría da poboación. A iso debe acrecentarse aínda que unha considerábel parte dos socialistas revolucionarios de esquerda estiveron sempre co Poder Soviético, isto é, ao principio todos os socialistas revolucionarios de esquerda estaban polo Poder Soviético, e cando unha parte dos socialistas revolucionarios de esquerda se lanzou á aventura insurreccional de xullo de 1918, do seu antigo partido marcharon dous partidos novos, o dos «comunistas populistas» e o dos «comunistas revolucionarios» (entre eles destacados socialistas-revolucionarios de esquerda, que xa o antigo partido nomeara para importantísimos cargos estatais; ao primeiro pertence, por exemplo, Zas; ao segundo, Kolegáev). Polo tanto, o propio Kautsky refutou –sen querer!- a ridícula lenda de que os bolxeviques representan a minoría da poboación.

En segundo lugar, querido teórico, xa pensou que o pequeno produtor campesiño vacila inevitabelmente entre o proletariado e a burguesía? Esta verdade marxista confirmada por toda a historia moderna europea foi «esquecida» por Kautsky moi oportunamente, pois reduce a po toda a «teoría» menxevique que el repite! Se Kautsky non a «esquecera», non podería negar a necesidade da ditadura proletaria nun país no que predominan os pequenos produtores campesiños.

Examinemos o contido principal da «análise económica» do noso teórico.

Que o Poder Soviético é unha ditadura, iso é indiscutíbel, di Kautsky. «Mais será unha ditadura do proletariado?»

«Segundo a Constitución soviética, os campesiños constitúen a maioría da poboación con dereito a participar na lexislación e na administración. Aquilo que nos presentan como ditadura do proletariado, sería, se se realizase dun xeito consecuente e se unha soa clase, falando en xeral, puidese exercer directamente a ditadura, cousa que só pode facer un partido, sería unha ditadura do campesiñado».

E, extraordinariamente satisfeito con tan profundo e espirituoso razoamento, o bo de Kautsky tenta ironizar:

«Resultaría que a realización menos dolorosa do socialismo estaría asegurada cando fose entregada ás mans dos campesiños».

De maneira pormenorizada, cunha serie de citas extraordinariamente doutas do semiliberal Máslov, o noso teórico procura demostrar a nova idea de que os campesiños están interesados no alto prezo dos cereais, nos baixos salarios dos obreiros das cidades, etc., etc. Estas ideas novas, dígase de paso, están expostas de maneira tanto máis aborrecíbel canto menos atención se pon nos fenómenos verdadeiramente novos da posguerra, por exemplo, ao feito de que os campesiños esixiron polos cereais mercadorías e non diñeiro, de que os campesiños non teñen utensilios suficientes e non poden conseguilos na cantidade necesaria a ningún prezo. Volveremos a falar disto máis adiante.

Así, Kautsky acusa aos bolxeviques, o partido do proletariado, de entregar a ditadura, entregar a causa da realización do socialismo, ás mans do campesiñado pequenoburgués. Moi ben, señor Kautsky! Cal debería ser, segundo a súa luminosa opinión, a actitude do partido obreiro no tocante ao campesiñado pequenoburgués?

O noso teórico prefire clara sobre isto –quizais lembrando o proverbio: «a palabra é de prata, o silencio é de ouro». Mais Kautsky vese traizoado polo seguinte razoamento:

«Ao comezo da República Soviética, os Soviets campesiños constituína organizacións do campesiñado en xeral. Agora esta República proclama que os Soviets constitúen organizacións dos proletarios e campesiños pobres. Os acomodados perden o dereito ao voto para os Soviets. O campesiño pobre é considerado aquí un produto constante e masivo da reforma agraria socialista baixo a ‘ditadura do proletariado’».

Que ironía tan mordaz! Na Rusia pódese oíla a calquera burgués: todos eles se felicitan con malicia e rin do feito de que a República Soviética recoñeza abertamente a existencia de campesiños pobres. Rinse do socialismo. Están no seu dereito. Mais o «socialista» que se ri do feito de que, despois dunha guerra de catro anos extremadamente ruinosa, continúen a existir no noso país –e continuarán a existir por moito tempo- campesiños pobres, tal «socialista» só podía nacer nun ambiente masivo de renegados.

Lede o seguinte:

«... A República Soviética interfire nas relacións entre campesiños ricos e pobres, mais non mediante unha nova distribución da terra. Para remediar a escaseza de pan dos habitantes das cidades, envíanse ao campo destacamentos de obreiros armados que arrincan aos campesiños ricos os excedentes de cereais. Unha parte deses cereais entrégase á poboación das cidades e outra aos campesiños pobres».

Naturalmente, o socialista e marxista Kautsky indígnase profundamente perante a idea de que tal medida poda estenderse alén dos arredores das grandes cidades (e na Rusia esténdese a todo o país). O socialista e marxista Kautsky observa sentenciosamente, con inimitábel, con incomparábel, con admirábel sangue frío (ou estupidez) de filisteo:

«... Elas (as expropiacións aos campesiños acomodados) introducen un novo elemento de perturbación e de guerra civil no proceso de produción...» (a guerra civil introducida no «proceso de produción» é xa algo sobrenatural!) «... que para o seu saneamento precisa con urxencia tranquilidade e seguridade».

Si, si, a tranquilidade e a seguridade para os explotadores e os especuladores de cereais, que agochan os seus excedentes, sabotan a lei do monopolio dos cereais, reducen á fame á poboación das cidades, debe, naturalmente, arrincar suspiros e bagoas ao marxista e socialista Kautsky. Todos nós somos socialistas e marxistas e internacionalistas –berran a coro os señores Kautsky, Heinrich Weber (Viena), Longuet (París), MacDonald (Londres), etc. -, todos estamos pola revolución da clase obreira, sempre que... sempre que non perturbe a tranquilidade nin a seguridade dos especuladores de cereais! E este inmundo servilismo perante os capitalistas agochámolo con referencias «marxistas» ao «proceso de produción»... Se isto é marxismo, que será o servilismo perante a burguesía?

Vede até onde chega o noso teórico. Acusa aos bolxeviques de faceren pasar a ditadura do campesiñado pola ditadura do proletariado. E, asemade, acúsanos de introducirmos a guerra civil no campo (nós consideramos isto un mérito noso), de enviarmos ao campo destacamentos de obreiros armados, que proclaman abertamente que exercen «a ditadura do proletariado e do campesiñado pobre», axudan a este último, expropian aos especuladores, aos campesiños ricos, os excedentes de cereais que estes agochan en violación da lei do monopolio dos cereais.

Por un lado, o noso teórico marxista está pola democracia pura, pola subordinación da clase revolucionaria, dirixente dos traballadores e explotados, á maioría da poboación (incluíndo, por conseguinte, tamén aos explotadores). Por outro lado, explica contra nós a inevitabilidade do carácter burgués da revolución, burgués porque o campesiñado no seu conxunto se mantén no terreo das relacións sociais burguesas, e ao mesmo tempo ten a pretensión de defender o punto de vista proletario, de clase, marxista!

No canto dunha «análise económica», isto é un embrollo e unha confusión de primeira orde. No canto de marxismo, isto son retallos de doutrinas liberais e prédicas de servilismo perante a burguesía e os kulaks.

Xa en 1905 os bolxeviques esclareceron completamente a cuestión embrollada por Kautsky. Si, a nosa revolución é burguesa, se marchamos xuntamente co campesiñado no seu conxunto. Tiñamos clara consciencia disto, dixémolo centos e milleiros de veces desde 1905, nunca tentamos saltar por riba deste grao necesario do proceso histórico nin tentamos abolilo con decretos. Os vans esforzos de Kautsky para nos «acusar» neste punto tan só demostrar a confusión das súas concepcións e o seu receo por lembrar o que escribiu en 1905, cando aínda non era un renegado.

Mais en 1917, desde o mes de abril, moito antes da Revolución de Outubro, antes da toma do poder por nós, dixemos abertamente e explicamos ao pobo: agora a revolución non pode deterse nisto, pois o país avanzou, o capitalismo deu pasos á fronte, a ruína atinxiu proporcións nunca vistas, o que esixirá (quéirase ou non), esixirá pasos adiante, cara ao socialismo. Pois doutro xeito non é posíbel avantar, salvar o país esgotado pola guerra, aliviar os sufrimentos dos traballadores e explotados.

As cousas pasaron exactamente como dixemos. O curso da revolución confirmou a xusteza do noso razoamento. No comezo, xuntamente con «todo» o campesiñado contra a monarquía, contra os latifundistas, contra o medievalismo (e nesta medida a revolución continúa a ser burguesa, democrático burguesa). Despois, xuntamente co campesiñado pobre, xustamente co semiproletariado, xuntamente con todos os explotados, contra o capitalismo, incluíndo os campesiños ricos, os kulaks, os especuladores, e nesta medida a revolución vólvese socialista. Tentar erguer unha muralla da China, artificial, entre unha e outra, afastar unha da outra doutro xeito que non sexa polo grao de preparación do proletariado e o grao da súa unión cos campesiños pobres, é a maior deturpación do marxismo, a súa vulgarización, a súa substitución polo liberalismo. Isto significa pasar de contrabando, mediante referencias pseudocientíficas sobre o carácter progresista da burguesía fronte ao medievalismo, a defensa reaccionaria da burguesía fronte ao proletariado socialista.

Os Soviets, dígase de paso, constitúen precisamente unha forma e un tipo de democracia infinitamente superior porque, unindo e arrastrando á política á masa dos obreiros e dos campesiños, son o barómetro máis próximo do «pobo» (no sentido no que Marx falaba en 1871 de verdadeira revolución popular) , o barómetro máis sensíbel do desenvolvemento e do crecemento da madurez política, de clase, das masas. A Constitución soviética non foi escrita segundo un «plano» calquera, non foi composta por gabinetes, non foi imposta aos traballadores polos xuristas da burguesía. Non, esta Constitución naceu do curso do desenvolvemento da loita de clases, na medida que maduraban as contradicións de clase. Así o demostran precisamente os feitos que Kautsky se ve obrigado a recoñecer.

Ao principio, os Soviets agrupaban ao campesiñado no seu conxunto. A falta de desenvolvemento, o atraso, a ignorancia dos campesiños pobres colocaron a dirección nas mans dos kulaks, dos ricos, dos capitalistas e dos intelectuais pequenoburgueses. Foi a época da dominación da pequena burguesía, dos menxeviques e dos socialistas-revolucionarios (só estúpidos ou renegados como Kautsky poden considerar a algún deles como socialistas). A pequena burguesía vacilaba necesaria e inevitabelmente entre a ditadura da burguesía (Kerenski, Kornilov, Savinkov) e a ditadura do proletariado, pois a pequena burguesía non é quen de calquera tipo de independencia, como consecuencia das características fundamentais da súa situación económica. Kautsky repudia totalmente o marxismo, limitándose na análise da revolución rusa ao concepto xurídico e formal da «democracia», do que a burguesía se serve para agochar a súa dominación e enganar ás masas, esquecendo que «democracia» espreme unhas veces a ditadura da burguesía e outras o reformismo impotente da pequena burguesía que se somete a esa ditadura. Segundo Kautsky, nun país capitalista había partidos burgueses, había un partido proletario (os bolxeviques) seguido pola maioría do proletariado, mais non había partidos pequeno burgueses! Os menxeviques e os socialistas-revolucionarios non tiñan raíces de clase, raíces pequenoburguesas!

As vacilacións da pequena burguesía, dos menxeviques e socialistas-revolucionarios, esclareceron ás masas e afastaron de tais «xefes» á súa inmensa maioría, todas as «camadas inferiores», todos os proletarios e semiproletarios. Os bolxeviques obtiveron o predominio nos Soviets (en outubro de 1917 en Petrogrado e Moscova), e entre os socialistas-revolucionarios e os menxeviques acentuouse a escisión.

A revolución bolxevique vitoriosa significaba a fin das vacilacións, significaba a completa destrución da monarquía e da propiedade latifundista da terra (que non fora destruída antes da Revolución de Outubro). Nós levamos até a fin a revolución burguesa. O campesiñado seguiunos no seu conxunto. O seu antagonismo en relación ao proletariado socialista non podía manifestarse dunha soa vez. Os Soviets agrupaban ao campesiñado en xeral. A división de clase dentro do campesiñado aínda non estaba madura, aínda non se manifestara exteriormente.

Este proceso desenvolveuse no verán e no outono de 1918. A insurrección contrarrevolucionaria dos checoslovacos espertou aos kulaks. Atravesou Rusia unha onda de insurreccións de kulaks. Non foi nos libros, non foi nos xornais, senón na vida onde o campesiñado pobre aprendeu a incompatibilidade dos seus intereses cos intereses dos kulaks, dos ricos, da burguesía rural. Os socialistas-revolucionarios de esquerda, como calquera partido burgués, reflectían as vacilacións das masas, e foi precisamente no verán de 1918 cando eles se escindiron: unha parte xuntouse aos checoslovacos (insurrección en Moscova, cando Prochian, apoderándose –durante unha hora- do telégrafo anunciou á Rusia o derrubamento dos bolxeviques; despois a traizón de Muraviov, comandante en xefe do exército lanzado contra os checoslovacos , etc.); outra parte, que mencionamos antes, continuou cos bolxeviques.

A intensificación da escaseza de víveres nas cidades impuña cada vez con máis forza o problema do monopolio dos cereais (algo que o teórico Kautsky «esqueceu» na súa análise económica, que repite cousas máis que sabidas lidas hai dez anos en Máslov!).

O vello Estado, latifundista e burgués, e mesmo o democrático republicano, enviaba ao campo destacamentos armados que se encontraban de feito a disposición da burguesía. O señor Kautsky non o sabe! Non ve niso a «ditadura da burguesía», Deus nos libre! Isto é «democracia pura», sobre todo se é aprobada polo parlamento burgués! Sobre o feito de que Avxentiev e Máslov, na compaña de Kerenski, Tsereteli e outros elementos socialistas-revolucionarios e menxeviques prenderan no verán e no outono de 1917 a membros dos comités agrarios, sobre isto Kautsky «non ouviu falar», sobre isto cala!

Todo se reduce a que o Estado burgués, que exerce a ditadura da burguesía por medio da república democrática, non pode recoñecer diante do pobo que serve á burguesía, non pode dicir a verdade, está obrigado a ser hipócrita. Mais o Estado do tipo da Comuna, o Estado soviético, di aberta e francamente a verdade ao pobo, declarando que é a ditadura do proletariado e do campesiñado pobre, achegando a el, precisamente con esta verdade, a decenas e decenas de millóns de novos cidadáns, embrutecidos baixo calquera república democrática, que son arrastrados cara á política, cara á democracia, cara á administración do Estado, polos Soviets. A República Soviética envía ao campo destacamentos de obreiros armados, en primeiro lugar aos máis avanzados, das capitais. Estes obreiros levan o socialismo ao campo, atraen para o seu lado aos pores, organízannos e esclarécennos, axúdannos a reprimir a resistencia da burguesía.

Todos os que coñecen a situación e que estiveron no campo din que só no verán e no outono de 1918, o noso campo viviu de seu a revolución «de Outubro» (isto é, proletaria). Prodúcese unha viraxe. A vaga de insurreccións de kulaks cede o lugar ao ascenso dos campesiños pobres, ao medre dos «comités de campesiños pobres» . No exército crece o número de comisarios provenientes dos obreiros, o número de oficiais provenientes dos obreiros, de comandantes de división e de exército provenientes dos obreiros. No momento no que o parvo Kautsky, asustado coa crise de xullo (de 1918) e os berros da burguesía, corre tras dela servilmente e escribe todo o seu artigo penetrado pola convicción de que os bolxeviques están nas vésperas de seren derrubados polo campesiñado, no momento no que este parvo ve na defección dos socialistas-revolucionarios de esquerda un «estreitamento» do círculo dos que apoian aos bolxeviques, nese mesmo momento medra inmensamente o círculo real dos partidarios do bolxevismo, pois decenas e decenas de millóns de campesiños pobres espertan a unha vida política independente, emancipándose da tutela e da influencia dos kulaks e da burguesía rural.

Perdemos centos de socialistas-revolucionarios de esquerda, de intelectuais sen carácter e de campesiños kulaks, mais conquistamos millóns de representantes dos campesiños pobres.

Un ano despois da revolución proletaria nas capitais comezou, baixo a súa influencia e con a súa axuda, a revolución proletaria nos lugares máis remotos do campo, consolidando definitivamente o Poder Soviético e o bolxevismo, demostrando definitivamente que dentro do país non hai forzas capaces de se lle opoñer.

Despois de levar a cabo a revolución democrático burguesa xuntamente co campesiñado en xeral, o proletariado da Rusia pasou definitivamente á revolución socialista, cando conseguiu dividir o campo, atraer aos proletarios e semiproletarios, unilos contra os kulaks e a burguesía, incluíndo a burguesía campesiña.

Se o proletariado bolxevique das capitais e dos grandes centros industriais non soubera unir ao ser redor aos campesiños pobres contra o campesiñado rico, demostraríase así que a Rusia «non estaba madura» para a revolución socialista, entón o campesiñado continuaría a ser «un todo», quere dicir, continuaría baixo a dirección económica, política e espiritual dos kulaks, dos ricos, da burguesía, entón a revolución non sairía dos límites da revolución democrático burguesa. (Mais incluso isto, dígase entre parénteses, non demostraría que o proletariado non debía tomar o poder, pois só o proletariado levou efectivamente até a fin a revolución democrático burguesa, só o proletariado fixo algo serio para achegar a revolución proletaria mundial, só o proletariado creou o Estado soviético, o segundo paso, despois da Comuna, na dirección do Estado socialista).

Por outra lado, se o proletariado bolxevique tentara inmediatamente, en outubro-novembro de 1917, ser saber agardar a diferenciación de clases no campo, sen saber preparala e realizala, tentara «decretar» a guerra civil ou a «introdución do socialismo» no campo, se tentara pasar sen o bloque (alianza) temporal co campesiñado en xeral, sen unha serie de concesións ao campesiñado medio, etc., isto sería unha deturpación blanquista do marxismo, iso sería unha tentativa dunha minoría de impoñer a súa vontade á maioría, iso sería un absurdo teórico, unha incomprensión de que a revolución campesiña xeral é aínda unha revolución burguesa e de que sen unha serie de transicións, de graos transitorios, non se pode facer dela unha revolución socialista nun país atrasado.

Nunha importantísima cuestión teórica e política, Kautsky confundiu todo, e na práctica revelouse un simple servidor da burguesía, que berra contra a ditadura do proletariado.

Igual, ou incluso maior, é a confusión introducida por Kautsky noutra cuestión do maior interese e importancia, a saber: formulouse correctamente no comezo, e despois racionalmente aplicada, a actividade lexislativa da República Soviética no tocante a transformación agraria, esta dificilísima e ao mesmo tempo importantísima transformación socialista? Ficariamos infinitamente agradecidos a calquera marxista europeo occidental se el, despois de coñecer polo menos os documentos máis importantes, fixese a crítica da nosa política, pois así nos axudaría extraordinariamente e axudaría tamén á revolución para que madurase en todo o mundo. Mais no canto de crítica, Kautsky fai unha incríbel confusión teórica e transforma o marxismo en liberalismo e que, na práctica, non é máis que un conxunto de disparates filisteos, baleiros e rabiosos contra os bolxeviques.

Que o lector xulgue:

«A grande propiedade agraria non se podía manter. Ese feito debeuse á revolución. Isto foi claro inmediatamente. Non se podía deixar de entregala á poboación campesiña...» (Non é exacto, señor Kautsky: vostede sitúa aquilo que é «claro» para vostede no lugar da actitude das diversas clases en relación ao problema; a historia da revolución demostrou que o goberno de coalición de burgueses con pequeno burgueses, menxeviques e socialistas-revolucionarios, defendía unha política de mantemento da grande propiedade agraria. Demostrouno particularmente a lei de Máslov e os encarceramentos de membros dos comités agrarios . Sen a ditadura do proletariado a «poboación campesiña» non vencería ao latifundista aliado ao capitalista).

«... Mais non existía unidade no tocante ás formas nas que isto se debía facer. Eran concibidas diversas solucións ...» (Kautsky preocúpase sobre todo pola «unidade» dos «socialistas», sexan quen sexan os que así se chamen a si mesmos. El esquece que as clases fundamentais da sociedade capitalista deben chegar a solucións diferentes.) «... Do punto de vista socialista, o máis racional sería transformar as grandes empresas en propiedade do Estado e ceder aos campesiños, que até entón estaban ocupados nelas como obreiros asalariados, o cultivo dos grandes dominios baixo a forma de cooperativas. Mais esta solución presupón un tipo de obreiros agrícolas que non existe na Rusia. Outra solución puido ser a transformación da grande propiedade agraria en propiedade do Estado, coa súa división en pequenas parcelas entregadas en arrendamento aos campesiños con pouca terra. Deste xeito realizaríase algo de socialismo ...»

Kautsky limítase, como sempre, ao famoso: por un lado non se pode deixar de confesar, polo outro, é preciso recoñecer. Sitúa xuntas solucións diferentes, sen se deter na idea –a única idea real, a única marxista- de saber cales deben ser as fases de transición do capitalismo ao comunismo nunhas ou noutras condicións particulares. Na Rusia hai obreiros agrícolas asalariados, mais son poucos, e Kautsky nin sequera toca a cuestión formulada polo Poder Soviético de como pasar ao cultivo da terra en comunas e cooperativas. Aínda que o máis curioso é que Kautsky quere ver «algo de socialismo» na entrega de parcelas de terra aos campesiños en arrendamento. De feito, isto é unha consigna pequeno burguesa e non ten nada «de socialismo». Se o «Estado» que dá terras en arrendamento non fora un Estado do tipo da Comuna, senón que fora unha república democrático burguesa parlamentar (tal é precisamente a hipótese constante de Kautsky), a entrega da terra en pequenas parcelas sería unha reforma liberal típica.

Kautsky silencia como o Poder Soviético aboliu toda a propiedade da terra. Aínda peor: agocha e cita decretos do Poder Soviético omitindo o esencial.

Despois de declarar que «a pequena produción aspira á propiedade privada total dos medios de produción»,que a Constituínte sería «a única autoridade» capaz de impedir o reparte (afirmación que provocará gargalladas na Rusia, pois todo o mundo sabe que os obreiros e campesiños só recoñecen a autoridade dos Soviets, mentres que a Constituínte se converteu nunha consigna dos checoslovacos e dos latifundistas), Kautsky continúa:

«Un dos primeiros decretos do Goberno Soviético estabelece: 1. A propiedade latifundista é inmediatamente abolida sen ningún tipo de indemnización. 2. Os dominios dos latifundistas, así como todas as terras da familia imperial, dos mosteiros, da Igrexa, con todo o seu gando e maquinaria, os seus edificios e todas as súas dependencias, pasan a ficar a disposición dos comités agrarios comarcais e dos Soviets de deputados campesiños de distrito até que a Asemblea Constituínte resolva a cuestión da terra.»

Despois de citar apenas estes dous puntos, Kautsky conclúe:

«A referencia á Asemblea Constituínte foi letra morta. De feito, os campesiños en determinadas comarcas puideron facer coa terra aquilo que quixeron».

Aí tedes exemplos da «crítica» de Kautsky! Aí tedes un traballo «científico» que máis semella unha falsificación! Insinúase ao lector alemán que os bolxeviques capitularon perante o campesiñado na cuestión da propiedade privada da terra! Que deixaron aos campesiños facer («en determinadas comarcas») aquilo que cada un quería!

Mais, na realidade, o decreto citado por Kautsky –o primeiro decreto, promulgado o 26 de outubro de 1917 (calendario antigo), está composto non por 2 senón por 5 artigos, sen contar os oito artigos do «Mandato» , do que se di que «debe servir de norma de conduta».

No 3º artigo do decreto dise que as explotacións pasan «ao Pobo», que é obrigatorio estabelecer «un rexistro preciso de todos os bens confiscados» e «protexelo co maior rigor revolucionario». E no mandato dise que se «abole para sempre o dereito de propiedade privada sobre a terra», que «as terras con explotacións altamente desenvolvidas» non serán sometidas a reparto, que «todo o gando e maquinaria das terras confiscas pasan sen indemnización ao usufruto exclusivo do Estado ou das comunidades, segundo as súas proporcións e importancia», que «toda a terra pasa ao fondo agrario de todo o pobo».

Despois, simultaneamente á disolución da Asemblea Constituínte (5/01/1918), o Terceiro Congreso dos Soviets adoptou a Declaración dos Dereitos do Pobo Traballador e Explotado, incluída agora na Lei Fundamental da República Soviética. Nesta declaración, o artigo 2º di que:

«é abolida a propiedade privada da terra» e que «as herdades e empresas agrícolas modelo son declaradas patrimonio nacional».

Xa que logo, a referencia á Asemblea Constituinte non permaneceu como letra morta, pois outra institución nacional representativa, con infinitamente máis autoridade aos ollos dos campesiños, foi a encargada de resolver a cuestión agraria.

Despois, o 6 (19) de febreiro de 1918, foi promulgada a lei da socialización da terra, que confirma unha vez máis a abolición de toda a propiedade da terra, deixando tanto a terra como todo o gando e apeiros de traballo privados a disposición das autoridades soviéticas, baixo o control do Poder Soviético federal; entre as tarefas desa disposición da terra figuran

«o desenvolvemento da explotación colectiva na agricultura, por ser máis vantaxosa no sentido da economía do traballo e dos produtos, a costa das explotacións individuais, co obxectivo de pasar á explotación socialista» (artigo 11, punto e).

Introducindo o usufruto igualitario da terra, esta lei, á pregunta fundamental: «quen ten dereito a usufrutuar a terra?», responde:

(Art. 20). «Dentro da República Federativa Soviética da Rusia poden usufrutuar da superficie de parcelas de terra para satisfacer necesidades públicas e persoais: A) Con fins educativos e culturais: 1) O Estado, na persoa dos órganos do Poder Soviético (federal, rexional, provincial, comarcal, de distrito e de aldea). 2) As organizacións sociais (baixo o control e coa autorización do Poder Soviético Local). B) Para traballos agrícolas: 3) As comunas agrícolas. 4) As cooperativas agrícolas. 5) As comunidades rurais. 6) Familias e persoas individuais ...»

O lector ve que Kautsky deturpou completamente as cousas e presentou ao lector alemán baixo unha forma completamente falsa a política agraria e a lexislación agraria do Estado proletario na Rusia.

Kautsky nin sequera soubo formular as cuestións teoricamente importantes, fundamentais!

Estas cuestións son as seguintes:

1. usufruto igualitario da terra e
2. nacionalización da terra: relación dunha ou doutra desas medidas co socialismo en xeral e co paso do capitalismo ao comunismo en particular.
3. cultivo da terra en común como transición da pequena explotación fragmentaria á grande explotación colectiva; a forma de formularse esta cuestión na lexislación soviética satisfará as esixencias do socialismo?

Sobre a primeira cuestión é necesario estabelecer, antes de nada, os dous feitos fundamentais seguintes: (a) tendo en conta a experiencia de 1905 (refírome, por exemplo, ao meu traballo acerca da cuestión agraria na primeira revolución rusa) os bolxeviques subliñaron a importancia do punto de vista democrático-progresista, democrático-revolucionario, da consigna do igualitarismo, e en 1917, antes da Revolución de Outubro, falaron diso de modo absolutamente definido. (b) Ao aprobar a lei de socialización da terra –lei cuxa «alma» é a consigna do usufruto igualitario da terra-, os bolxeviques declararon de xeito máis preciso e definido: esta idea non é nosa, nos non estamos de acordo con esta consigna, mais consideramos o noso deber aprobala, pois é unha reivindicación da esmagadora maioría dos campesiños. E a idea e as reivindicacións da maioría dos traballadores deben ser superadas por eles mesmos; non é posíbel «abolir» tais reivindicacións nin «saltar» por riba delas. Nós, bolxeviques, axudaremos ao campesiñado a superar as consignas pequenoburguesas, a pasar o máis rápida e facilmente posíbel desas consignas ás socialistas.

Un teórico marxista que quixese axudar á revolución obreira pola súa análise científica debería responder, en primeiro lugar, se é certo que a idea do usufruto igualitario da terra ten unha importancia democrático-revolucionaria, importancia no sentido de levar até a fin a revolución democrático burguesa. En segundo lugar, se os bolxeviques proceden correctamente ao facer aprobar cos seus votos (e a observar coa maior lealdade) a lei pequenoburguesa do igualitarismo.

Kautsky non sabe sequera percibir en que consiste, teoricamente, o cerne da cuestión!

Kautsky nunca conseguiría refutar que a idea do igualitarismo ten unha importancia progresista e revolucionaria nunha revolución democrático-burguesa. Esta revolución non pode ir máis alén. Ela revela diante das masas con claridade, rapidez e facilidade a insuficiencia das solucións democrático-burguesas, a necesidade de saír do seu cadro, de pasar ao socialismo.

O campesiñado que derrubou o tsarismo e os latifundistas soña co igualitarismo, e non hai forza que poda deter aos campesiños liberados tanto dos latifundistas como do Estado parlamentar burgués, republicano. Os proletarios dinlle aos campesiños: nós axudarémosvos a chegar ao capitalismo «ideal», pois o usufruto igualitario da terra é a idealización do capitalismo do punto de vista do pequeno produtor. Mais ao mesmo tempo, indicarémosvos a súa insuficiencia, a necesidade de pasar ao traballo colectivo da terra.

Sería interesante ver como tentaría Kautsky refutar a xusteza desta dirección da loita campesiña por parte do proletariado! Kautsky preferiu evitar a cuestión...

Despois, Kautsky enganou abertamente aos lectores alemáns, agochándolles que a lei sobre a terra do Poder Soviético deu claramente a preferencia ás comunas e ás cooperativas, situándoas en primeiro lugar.

Co campesiñado até a fin da revolución democrática burguesa; co campesiñado pobre, a parte proletaria e semiproletaria do campesiñado, avante cara á revolución socialista! Tal foi a política dos bolxeviques, e esta era a única política marxista.

Mais Kautsky non fai outra cousa que embrollarse, non é quen de formular unha única cuestión! Por un lado, non ousa dicir que os proletarios debían terse afastado do campesiñado na cuestión do igualitarismo, pois el coida absurda semellante diverxencia (e alén diso, en 1905, Kautsky, cando aínda non era un renegado, defendía clara e directamente a alianza dos obreiros e dos campesiños, como condicións para a vitoria da revolución). Por outra lado, Kautsky cita con simpatía as vulgaridades liberais do menxevique Máslov, que «demostra» o carácter utópico e reaccionario da igualdade pequenoburguesa do punto de vista e silencia o carácter progresista e revolucionario da loita pequenoburguesa pola igualdade, polo igualitarismo, do punto de vista da revolución democrático burguesa.

Kautsky meteuse nunha confusión sen fin: notade que Kautsky (en 19189 insiste no carácter burgués da revolución rusa. Kautsky (en 1918) esixe: non saían dese marco! E este mesmo Kautsky ve «algo de socialismo» (para a revolución burguesa) na reforma pequenoburguesa do arrendamento aos campesiños pobres de pequenas parcelas de terra (isto é, na aproximación do igualitarismo)!! Que o entenda quen poida!

Kautsky, alén diso, revela unha incapacidade filistea para ter en conta a política real dun partido determinado. Cita frases do menxevique Máslov, sen querer ver a política real do partido menxevique en 1917, cando, en «coalición» cos latifundistas e os demócrata-constitucionalistas, defendía de feito unha reforma agraria liberal e a conciliación cos latifundistas (proba: as prisión de membros dos comités agrarios e o proxecto de lei de Máslov).

Kautsky non notou que as frases de Máslov, verbo do carácter reaccionario e utópico da igualdade pequenoburguesa, agochan de feito a política menxevique de conciliación dos campesiños cos latifundistas (isto é, o engano dos campesiños polos latifundistas), no canto do derrubamento revolucionario dos latifundistas polos campesiños. Un grande «marxistas», este Kautsky!

Os bolxeviques souberon precisamente distinguir con rigor a revolución democrático burguesa da socialista: levando até o final a primeira, abriran a porta para a pasaxe á segunda. Esta é a única política revolucionaria, a única política marxista.

En van repite Kautsky as sutilezas insípidas dos liberais:

«Nunca e en ningures os pequenos campesiños pasaron á produción colectiva por influencia da persuasión teórica».

Moi sutil!

Nunca e en ningures os pequenos campesiños dun grande país estiveron baixo a influencia dun Estado proletario.

Nunca e en ningures os pequenos campesiños chegaron a unha loita de clase aberta dos campesiños pobres contra os ricos, até á guerra civil entre eles, nunha situación na que os campesiños pobres tivesen o apoio propagandístico, político, económico e militar do poder do Estado proletario.

Nunca e en ningures houbo un tan grande enriquecemento dos especuladores e dos ricos como consecuencia da guerra, como unha tan grande ruína da masa dos campesiños.

Kautsky repite antigallas, rumia o xa mastigado, receando mesmo pensar nas novas tarefas da ditadura proletaria.

E se os campesiños, querido Kautsky, non teñen instrumentos para a pequena produción e é o Estado proletario quen os axuda a conseguir máquinas para o traballo colectivo da terra, será isto «persuasión teórica»?

Pasemos á cuestión da nacionalización da terra. Os nosos populistas, incluíndo todos os socialistas-revolucionarios de esquerda, negan que a medida aplicada no noso país sexa a nacionalización da terra. Están teoricamente errados. Na medida na que permanezamos no marco da produción mercantil e do capitalismo, a abolición da propiedade privada da terra é a nacionalización da terra. A verba «socialización» expresa apenas unha tendencia, un desexo, unha preparación da transición ao socialismo.

Cal debe ser entón a actitude dos marxistas respecto da nacionalización da terra?

Tamén aquí Kautsky non saber sequera situar a cuestión teórica, ou –o que é peor- elude intencionadamente a cuestión, aínda que se saiba pola literatura rusa que Kautsky coñece as antigas discusións entre os marxistas rusos sobre a cuestión da nacionalización da terra, sobre a municipalización da terra (entrega dos grandes dominios ás administracións locais), sobre o reparto.

É unha clara deturpación do marxismo a afirmación de Kautsky de que a entrega dos grandes dominios ao Estado e o seu arrendamento en pequenas parcelas aos campesiños con pouca terra realizaría «algo de socialismo». Xa apuntamos que aquí nada hai de socialismo. Aínda máis: aquí non hai sequera revolución democrático burguesa levada até o final. Kautsky tivo o grande erro de se fiar dos menxeviques. Diso naceu un feito curioso: Kautsky, que defende o carácter burgués da nosa revolución, que censura aos bolxeviques porque tiveron a idea de avanzar cara ao socialismo, presenta el mesmo unha reforma liberal como socialismo, sen levar esta reforma até a limpeza completa de todos os elementos medievais nas relacións de propiedade agraria! En Kautsky, como nos seus conselleiros menxeviques, verifícase a defensa da burguesía liberal, que teme á revolución, no canto de defender unha revolución democrático burguesa consecuente.

En efecto, por que transformar en propiedade do Estado só os grandes dominios e non todas as terras? A burguesía liberal consegue así a máxima conservación do que é vello (isto é, unha revolución con consecuencias mínimas) e a máxima facilidade para o regreso do vello. A burguesía radical, isto é, a que leva até o final a revolución burguesa, presenta a consigna da nacionalización da terra.

Kautsky, que en tempos moi remotos, hai case vinte anos, escribiu un magnífico traballo marxista sobre a cuestión agraria, non pode descoñecer as indicacións de Marx de que a nacionalización da terra é precisamente unha consigna consecuentemente burguesa. Kautsky non pode descoñecer a polémica entre Marx e Rodbertus e as notábeis explicacións de Marx nas Teorías da Plusvalía, onde amosa con particular evidencia a importancia revolucionaria, no sentido democrático-burgués, da nacionalización da terra.

O menxevique Máslov, que Kautsky tan infelizmente escolleu como conselleiro, negaba que os campesiños rusos puidesen aceptar a nacionalización de toda a terra (incluíndo a terra dos campesiños). Este punto de vista de Máslov podía até certo punto estar ligado á súa «orixinal» teoría (que repiten os críticos burgueses de Marx), que é: a negación da renda absoluta e o recoñecemento da «lei» (ou do «feito», como di Máslov) «da fertilidade decrecente do chan».

De feito, na revolución de 1905 revelouse xa que a inmensa maioría dos campesiños da Rusia, tanto membros da comunidades como propietarios das súas parcelas, estaba pola nacionalización de toda a terra. A revolución de 1917 confirmouno e, despois do paso do poder ao proletariado, realizouno. Os bolxeviques permaneceron fieis ao marxismo, non procurando (malia que Kautsky nos acuse diso sen sombra de probas) «saltar» por riba da revolución democrático burguesa. Os bolxeviques axudaron, en primeiro lugar, aos ideólogos democrático burgueses do campesiñado que eran máis radicais, máis revolucionarios, que estaban máis achegados ao proletariado, isto é, os socialistas-revolucionarios de esquerda, a realizar aquilo que era de feito a nacionalización da terra. A propiedade privada sobre a terra foi abolida na Rusia o 26 de outubro de 1917, isto é, no primeiro día da revolución proletaria, socialista.

Deste xeito foron creados os fundamentos, os máis perfectos do punto de vista do desenvolvemento do capitalismo (Kautsky non pode negalo sen rachar con Marx), e ao mesmo tempo foi creado o réxime agrario máis flexíbel no sentido do paso ao socialismo. Do punto de vista democrático burgués, o campesiñado revolucionario da Rusia non pode ir máis alá: deste punto de vista non pode haber nada «máis ideal» que a nacionalización da terra e a igualdade do usufruto da terra, nada «máis radical» (do mesmo punto de vista). Foron precisamente os bolxeviques!, só os bolxeviques, quen, só consecuentemente coa vitoria da revolución proletaria, axudaron aos campesiños a levar verdadeiramente até o final a revolución democrático burguesa. E só así fixeron o máximo posíbel para facilitar e acelerar o paso á revolución socialista.

Por iso pode xulgarse a incríbel confusión que Kautsky ofrece ao lector cando acusa aos bolxeviques de non comprender o carácter burgués da revolución e revela el mesmo tal deturpación do marxismo que pasa en silencio a nacionalización da terra, e presenta a reforma agraria libera, a menos revolucionaria (do punto de vista burgués), como «algo de socialismo»!

Chegamos aquí a terceira das cuestión formuladas anteriormente, a cuestión de até que punto a ditadura do proletariado na Rusia tivo en conta a necesidade de pasar ao traballo colectivo da terra. Kautsky volve cometer aquí algo moi semellante á falsificación: limítase a citar as «teses» dun bolxevique, que falan da tarefa do paso ao traballo colectivo da terra! Despois de citar unha desas teses, o noso «teórico» exclama vitoriosamente:

«O feito de declarar unha cousa como un problema non resolve, infelizmente, o problema. A agricultura colectiva na Rusia está por agora condenada a fican no papel. Nunca e en ningures os pequenos campesiños pasaron á produción colectiva por influencia da persuasión teórica».

Nunca e en ningures houbo unha fraude tan grande como da que bota man Kautsky. Citas as «teses», mais nada di da lei do Poder Soviético. Fala de «persuasión teórica» e nada di do poder do Estado proletario que ten nas súas mans as fábricas de mercadorías! Todo cando o marxista Kautsky escribía en 1899 en A Cuestión Agraria sobre os medios dos que dispón o Estado proletario para levar gradualmente aos pequenos campesiños ao socialismo é esquecido polo renegado Kautsky en 1918.

Claro que uns centos de comunas e de explotacións apoiadas polo Estado (isto é, de grande explotación traballadas por cooperativas de obreiros por conta do Estado), representan moi pouco. Mais podemos chamar «crítica» á actitude de Kautsky eludindo este feito?

A nacionalización da terra aplicada na Rusia pola ditadura proletaria garantiu do xeito máis completo a realización da revolución democrático burguesa até o final, mesmo no caso de que unha vitoria da contrarrevolución fixera retroceder da nacionalización ao reparto (analicei especialmente este caso no meu libro sobre o programa agrario dos marxistas na revolución de 1905). Alén diso, a nacionalización da terra deu ao Estado proletario as máximas posibilidades para pasar ao socialismo na agricultura.

En resume: Kautsky deunos, na teoría, unha incríbel confusión, afastándose por completo do marxismo, e na práctica, o servilismo ante a burguesía e o seu reformismo. Grande crítica!

Kautsky enceta a súa «análise económica» da industria co magnífico razoamento seguinte:

Rusia ten unha grande industria capitalista. Non se podería edificar sobre esa base a produción socialista? «Poderíase pensar así se o socialismo consistise no feito de que os obreiros das diferentes fábricas e minas as tomen en propiedade» (literalmente: aprópiense delas) «levando a cabo a produción en cada unha das fábricas por separado». «Hoxe precisamente, 5 de agosto, cando escribo estas liñas –engade Kautsky-, chegan de Moscova novas sobre un discurso de Lenin o 2 de agosto, no cal, segundo informan, di: ‘Os obreiros teñen firmemente as fábricas nas súas mans, os campesiños non devolveron a terra aos latifundistas’. A consigna: a fábrica aos obreiros, a terra aos campesiños, non foi até agora socialdemócrata, senón anarco-sindicalista».

Citamos integramente este razoamento para que os obreiros rusos, que anteriormente respectaban a Kautsky, e o facían con razón, vexan eles mesmos os métodos deste tránsfuga que se pasou á burguesía.

Imaxinen: o 5 de agosto, cando xa existía unha cantidade de decretos sobre a nacionalización das fábricas na Rusia, e nin unha soa fábrica fora «apropiada» polos obreiros, senón que todas pasaran a ser propiedade da República, o 5 de agosto Kautsky, baseándose nunha interpretación manifestamente fraudulenta dunha frase dun discurso meu, procura inculcar nos lectores alemáns a idea de que na Rusia se entregan as fábricas aos obreiros por separado. E despois disto, Kautsky, en decenas e decenas de liñas, rumia que non se debe entregar as fábricas individualmente aos obreiros!

Isto non é crítica, senón un método dun lacaio da burguesía, a soldo dos capitalistas, para calumniar á revolución obreira.

As fábricas teñen que pasar ao Estado, ou para as comunidades ou para as cooperativas de consumo, repite Kautsky unha e outra vez, e por fin engade:

«Este é o camiño que agora se tentou seguir na Rusia...»

Agora!! Que quere dicir isto? En agosto? Kautsky non podería encomendar aos seus Stein, Axelrod ou outros amigos da burguesía rusa que lle traducisen, cando menos, unh decreto sobre as fábricas?

«... Aínda non se ve até onde chegou isto. En calquera caso, este aspecto da República Soviética presenta para nós o máximo interese, mais continúa completamente nas tebras. Non faltan decretos ...» (Por iso Kautsky ignora o seu contido ou quere agochalo aos seus lectores!), «senón que falta información de confianza sobre o efectos deses decretos. A produción socialista e imposíbel sen unha estatística completa, pormenorizada, de confianza e de información rápida. Até agora a República Soviética non conseguiu creala. O que sabemos da súas actividades económicas é extremadamente contraditorio e é imposíbel confirmalo. Este é tamén un dos resultados da ditadura e do esmagamento da democracia. Non hai liberdade de prensa nin de palabra ...»

Así se escribe a historia! Da «libre» prensa dos capitalistas e dos partidarios de Dutov obtería Kautsky datos sobre as fábricas transferidas aos obreiros... É magnífico este «serio letrado» que se sitúa por riba das clases! Kautsky elude a numerosa cantidade de feitos demostrativa de que as fábricas son transferidas unicamente á República, de que son xestionadas por un órgano do Poder Soviético, o Consello Superior da Economía Nacional, composto maioritariamente por delegados dos sindicatos obreiros – Kautsky nin menciona un só destes feitos. Co obstinación do home máis pechado, repite teimosamente: déanme unha democracia pacífica, sen guerra civil, sen ditadura, cunha boa estatística (a República Soviética creou un servizo de estatística, levando para el aos mellores estatísticos da Rusia, mais é evidente que non se pode conseguir inmediatamente unha estatística ideal). Nunha palabra, aquilo que Kautsky esixe é a revolución sen a revolución, sen loita encarnizada, sen violencia. Isto é como esixir folgas sen apaixonada loita entre obreiros e patróns. A ver quen pode distinguir entre semellante «socialista» e un vulgar burócrata liberal!

E baseándose en semellantes «datos», isto é, eludindo, con todo o desprezo, os numerosísimos feitos, Kautsky «conclúe»:

«É dubidoso que, no tocante a verdadeiras conquistas prácticas, e non a decretos, o proletariado ruso conseguira coa República Soviética mais do que conseguiría coa Asemblea Constituínte, na cal, igual que nos Soviets, predominaban os socialistas, aínda que doutro matiz».

Unha perla, non é? Aconsellamos aos admiradores de Kautsky a que difundan amplamente entre os obreiros rusos esta máxima, porque Kautsky non podería dar mellor material para apreciar a súa decadencia política. Kerenski tamén era «socialista», camaradas obreiros, só que «doutro matiz»! O historiador Kautsky conténtase cun apelido, cun nome, do que se «apropiaron» os socialistas-revolucionarios de dereita e os menxeviques! O historiador Kautsky non quere nin ouvir falar dos feitos, que din que baixo Kerensky os menxeviques e socialistas-revolucionarios de dereita apoiaban a política imperialista e a pillaxe da burguesía, e pasa discretamente en silencio o feito de que a Asemblea Constituínte daba a maioría precisamente a eses heroes da guerra imperialista e da ditadura burguesa. E a isto chámase «análise económica»!...

Para rematar, unha mostra máis da «análise económica»:

«... Despois de nove meses de existencia, a República Soviética, no canto de ampliar o benestar xeral, viuse obrigada a explicar a que se debe a miseria xeral».

Os demócrata-constitucionalistas habituáronse a este tipo de razoamentos. Todos os lacaios da burguesía razoan así na Rusia: déannos, din eles, após nove meses o benestar xeral, despois de catro anos de guerra destrutora, coa axuda múltipla do capital estranxeiro á sabotaxe e ás insurreccións da burguesía rusa. De feito non existe absolutamente ningunha diferenza, nin sombra de diferenza, entre Kautsky e o burgués contrarrevolucionario. Os discursos dulcificados, disfrazados de «socialismo», repiten aquilo que din brutalmente, sen rodeo nin adornos, os partidarios de Kornilov, Dutov e Krasnov na Rusia.
***

As liñas precedentes foron escritas o 9 de novembro de 1918. Na noite do 9 para o 10 recibimos da Alemaña novas sobre o inicio vitorioso da revolución, primeiro en Kiel e noutras cidades do norte e do litoral, onde o poder pasou aos Consellos de deputados obreiros e soldados, e despois en Berlín, onde o poder tamén pasou ás mans dun Consello .

Convértese en superflua a conclusión que me restaba por escribir para a folla sobre Kautsky e sobre a revolución proletaria.


10 de novembro de 1918.

Lenin



Notas:

(53) Trátase do artigo de Kautsky As Forzas Motoras e as Perspectivas da Revolución Rusa. Foi editado en ruso en decembro de 1906, baixo a redacción e con prefacio de Lenin.

(54) Ver o artigo de K. Marx Burguesía e Contrarrevolución.

(55) Dous novos partidos, o dos «comunistas populistas» e o dos «comunistas revolucionarios» sepáranse do Partido Socialista-Revolucionario de Esquerda despois do asasinato provocador do embaixador alemán Mirbach e do levantamento dos socialistas-revolucionarios de esquerda o 6 e 7 de xullo de 1918, organizado co obxectivo de frustrar o tratado de Paz de Brest e de levar ao País dos Soviets a unha guerra contra Alemaña. Os comunistas-revolucionarios condenaron a actividade antisoviética dos socialistas-revolucionarios de esquerda e, nunha conferencia que se realizou en setembro de 1918, constituíron o seu partido. O 6 de novembro de 1918, o Congreso Extraordinario do partido decidiu por unanimidade a disolución do partido e a súa fusión co PCR(b).
O Partido do Comunismo Revolucionario formouse como organización nun congreso realizado entre o 25 e o 30 de setembro de 1918, en Moscova. O Partido do Comunismo Revolucionario, como grupo pouco numeroso, existiu até 1920. No VI Congreso, realizado en setembro de 1920, este partido decidiu fundirse co PCR(b). En outubro de 1920, o Comité Central do Partido Comunista da Rusia (bolxevique) autorizou ás súas organizacións admitiren nas súas fileiras aos membros do antigo partido dos «comunistas revolucionarios».

(56) Ver a carta de Karl Marx a Ludwig Kugelmann, de 12 de abril de 1871.

(57) A traizón do comandante das tropas soviéticas na Fronte Oriental, M. A. Muraviov, estaba estreitamente ligada ao levantamento dos socialistas-revolucionarios de esquerda en xullo de 1918. O 10 de xullo, Muraviov, en Simbirsk, afirmou que non recoñecía a Paz de Brest e declarou a guerra a Alemaña. A través dun radiograma, Muraviov apelou aos gardas brancos e intervencionistas desde Sarnara até Vladivostoc para encetaren a ofensiva sobre Moscova. O Goberno Soviético tomou medidas urxentes para liquidar a aventura de Muraviov. Ente tentou resistir e foi morto, e os seus cómplices presos.

(58) Os Comités dos Campesiños Pobres foron creados en xuño de 1918. Por decreto do CECR foron encargados da tarefa de inventariar as reservas de víveres nas explotacións campesiñas, descubrir os recursos e excedentes de víveres dos kulaks, axudar aos órganos soviéticos do abastecemento na confiscación deses excedentes; abastecer aos campesiños pobres con víveres das explotacións dos kulaks; distribuír a maquinaria agrícola e artigos industriais, etc. Mais, na realidade, a actividade dos comités de campesiños pobres abrangueu todos os aspectos do traballo no campo. Eles convertéronse en puntos de apoio e órganos da ditadura do proletariado no campo. A fins de 1918, os comités de campesiños pobres, cumpridas as súas tarefas, fundíronse cos Soviets de vólost e aldea.

(59) Crise de Xullo: Lenin refírese aquí aos levantamentos contrarrevolucionarios dos kulaks nas provincias centrais da Rusia, na rexión do Volga, nos Urais e na Siberia no verán de 1918, levantamentos estes que foron organizados polos menxevique e os socialistas-revolucionarios, co apoio dos intervencionistas estranxeiros.

(60) Blanquismo: corrente do movemento socialista francés, dirixida polo destacado revolucionario Louis-August Blanqui (1805-1881), unha das grandes figuras do comunismo utópico francés. O punto fraco dos blanquistas era a convicción de que a revolución podía realizarse por un pequeno grupo de conspiradores. Os blanquistas non comprendían a necesidade de levar ás masas obreiras ao movemento revolucionario.

(61) Trátase do proxecto de lei dos socialistas-revolucionarios, presentado polo ministro de agricultura Máslov ao Goberno Provisional uns días antes da Revolución Socialista de Outubro. O proxecto prevía a creación dun fondo especial de arrendamento xunto dos comités agrarios, ao cal serían entregadas as terras do Estado e dos mosteiros. A propiedade latifundista da terra mantíñase. Os latifundistas entregaban ao fondo provisional de arrendamento só as terras que xa deran en arrendamento antes. Alén diso, o diñeiro que os campesiños pagaban pola terra arrendada era recibido polos propios latifundistas. O Goberno Provisional prendía aos membros dos comités agrarios en resposta ás insurreccións campesiñas e as súas tomas das terras pertencentes aos latifundistas.

(62) Trátase do «Mandato campesiño sobre a terra», baseado en 242 mandatos campesiños locais, que fan parte do Decreto sobre a Terra, aprobado polo II Congreso dos Soviets de toda a Rusia o 26 de outubro (8 de novembro) de 1917. O Decreto aboliu a propiedade latifundista da terra e entregou a terra aos campesiños.

(63) Lenin refírese á Revolución de Novembro de 1918 na Alemaña, cuxas causas inmediatas foron a derrota alemá na guerra mundial, a ruína da economía do pais, a miseria das masas populares e das tropas, que esixían a fin da guerra. A Revolución Socialista de Outubro na Rusia exerceu unha grande influencia nos acontecementos revolucionarios na Alemaña. O comezo da Revolución tivo lugar o 3 de novembro de 1918en Kiel coa insurrección dos mariñeiros da mariña de guerra. As cidades do litoral xuntáronse unha após outra á insurrección. Nos navíos, nos cuarteis e nas fábricas comezaron a crearse os primeiros consellos de obreiros e soldados. Espallándose por todo o norte da Alemaña, a revolución estendeuse nun curto prazo á rexións do centro e do sur do país. O 9 de novembro, cun chamamento dos espartaquistas, comezou unha folga xeral en Berlín, que se transformou de contado nunha insurrección armada. Como resultado da insurrección popular, a monarquía burguesa-latifundista de Guillerme II foi derrubada e el mesmo obrigado a abdicar do trono. O goberno provisional, creado o 10 de novembro na reunión plenaria dos Consello de Berlín, estaba composto por socialdemócratas de dereita (F. Ebert, F. Scheidemann, O. Landsbert) e por socialdemócratas «independentes» (H. Haase e outros), que máis tarde saíron do goberno. O programa do goberno non foi alén de reformas sociais no marco do réxime burgués. No I Congreso dos consellos de toda Alemaña, realizado entre o 16 e o 21 de decembro de 1918 en Berlín, os dirixentes socialdemócratas de dereita conseguiron aprobar unha resolución sobre a entrega dos poderes executivo e lexislativo ao goberno e sobre a realización de eleccións para a Asemblea Constituínte. Isto significou de feito a liquidación dos consellos. Co gallo de decapitar o Partido Comunista e de destruír a vangarda da clase obreira, a burguesía alemá decidiu provocar aos obreiros para unha insurrección armada inoportuna. A dirección da insurrección, que encetou o 6 de xaneiro en Berlín, caeu nas mans dos «independentes», que non organizaron desde o inicio unha ofensiva rápida e decisiva contra o inimigo, e despois iniciaron traizoeiramente negociacións co goberno. Os destacamentos contrarrevolucionarios liderados polo ministro da Guerra, H. Noske, socialdemócrata de dereita, reprimiron con extrema crueldade a acción do proletariado de Berlín. O 15 de xaneiro foron apresados por grupos armados e ferozmente asasinados os xefes da clase obreira alemán Karl Liebknecht e Rosa Luxemburgo. Derrotando a insurrección de xaneiro e liquidando aos mellores xefes dos obreiros alemáns, a burguesía alemá conseguiu asegurar a vitoria dos partidos burgueses nas eleccións para a Asemblea Constituínte o 19 de xaneiro de 1919. A revolución democrática burguesa de novembro tivo un grande significado progresista. Na Alemaña foi derrubada a monarquía e formada unha república democrático burguesa que asegurou as liberdades democrático burguesas elementais e legalizou a xornada de traballo de 8 horas. A revolución burguesa na Alemaña prestou unha axuda substancial á Rusia Soviética, dando a posibilidade de liquidar o espoliador tratado de Paz de Brest.

Ler máis
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com