Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Anexo II. Un novo libro de Vandervelde sobre o Estado
A Revolución Proletaria e o renegado Kautsky (11)
03/10/2009


ANEXO II. UN NOVO LIBRO DE VANDERVELDE SOBRE O ESTADO

Só despois de ler o libro de Kautsky tiven a oportunidade de coñecer o de Vandervelde O Socialismo contra o Estado (París, 1918). A comparación entre ambos os dous libros imponse. Kautsky é o xefe ideolóxico da II Internacional (1889-1914). Vandervelde é o seu representante formal, como presidente da Oficina Socialista Internacional. Os dous simbolizan a completa morte da II Internacional, os dous agochan «habilmente», con toda a destreza dos xornalistas experimentados, con fraseoloxía marxista, esa morte, o seu propio fracaso e o seu paso ao bando da burguesía. Un amósanos con particular evidencia o que hai de típico no oportunismo alemán, que, pesado e teorizante, falsifica groseiramente o marxismo amputando del todo aquilo que é inaceptábel para a burguesía. O outro é típico da variedade románica –até certo punto poderíase dicir da variedade europea occidental (no sentido da Europa situado ao oeste da Alemaña)- do oportunismo dominante, variedade máis flexíbel, menos pesada, que falsifica o marxismo dun xeito máis sutil, servíndose do mesmo proceso esencial.

Os dous deturpan completamente tanto a doutrina de Marx sobre o Estado como a súa doutrina sobre a ditadura do proletariado, dedicándose Vandervelde principalmente á primeira cuestión e Kautsky á segunda. Os dous disimulan a ligazón estreita e indisolúbel que existe entre as dúas cuestións. Os dous son revolucionarios e marxistas só en palabras, e nos feitos renegados que dirixen todos os esforzos para zafarse da revolución. Nin un nin outro teñen nin sombra daquilo que impregna completamente todas as obras de Marx e Engels, daquilo que distingue o socialismo de feito da súa caricatura burguesa: o esclarecemento das tarefas da revolución diferenciándoas das tarefas da reforma, o esclarecemento da táctica revolucionaria da reformista, o esclarecemento do papel do proletariado na destrución do sistema, orde ou réxime da escravitude asalariada, diferenciándoo do papel do proletariado das «grandes» potencias, que se reparte coa burguesía unha pequena parte dos seus lucros e botíns imperialistas.

Citemos algúns razoamentos fundamentais de Vandervelde que confirman esta apreciación.

Vandervelde cita a Marx e Engels con extraordinario celo, igual que Kautsky. E igual que Kautsky, cita de Marx e Engels todo o que sexa menos aquilo que a burguesía de ningún xeito pode aceptar, aquilo que distingue ao revolucionario do reformista. Todo o que se queira sobre a conquista do poder político polo proletariado, porque iso xa o circunscribe na práctica a un marco exclusivamente parlamentar. Mais sobre o feito de que Marx e Engels, despois da experiencia da Comuna, xulgaran necesario completar o Manifesto Comunista, parcialmente obsoleto, coa explicación da verdade de que a clase obreira non pode simplemente apoderarse da máquina de Estado existente, de que debe destruíla –sobre isto nin unha soa palabra!-, Vandervelde, igual que Kautsky, como se o falaran entre os dous, elude cun completo silencia exactamente o mais esencia da experiencia da revolución proletaria, exactamente aquilo que distingue a revolución proletaria das reformas burguesas.

Tal como Kautsky, Vandervelde fala da ditadura do proletariado para zafase dela. Kautsky faino por medio de falsificacións groseiras. Vandervelde fai o mesmo aínda que con maior sutileza. No parágrafo correspondente, o parágrafo catro, sobre «a conquista do poder político polo proletariado», dedica o punto «b» á cuestión da «ditadura do proletariado», «cita» a Marx e Engels (repito: omitindo exactamente aquilo que se refire ao máis importante, á destrución da vella maquinaria estatal democrático-burguesa) e conclúe:

«... Tal é habitualmente a idea que se ten da revolución social nos círculos socialistas: unha nova comuna, desta vez vitoriosa e non só nun lugar, senón nos principais centros do mundo capitalista.

Hipótese, mais hipótese que nada ten de improbábel nestes tempos nos que se torna xa visíbel que o período de posguerra verá en moitos países antagonismo de clase e convulsións sociais xamais vistos.

Só que, se o fracaso da Comuna de París –sen falar das dificultades da revolución rusa- proba algunha cousa, é precisamente a imposibilidade de acabar co réxime capitalista mentres o proletariado non estea suficientemente preparado para exercer o poder que as circunstancias podan colocar nas súas mans.»

E nin unha palabra sobre o fondo da cuestión!

Estes son os xefes da II Internacional! En 1912 subscriben o Manifesto de Basilea, no cal defenden abertamente a relación precisamente entre a guerra que estoupou en 1914 e a revolución proletaria e ameazan abertamente con esta. Mais cando a guerra chegou e xa se creou unha situación revolucionaria, eses Kautsky e Vandervelde comezaron a zafarse da revolución. Imaxinen, a revolución do tipo da comuna non é máis que unha hipótese que nada ten de improbábel! Isto é absolutamente análogo ao razoamento de Kautsky sobre o posíbel papel dos Soviets en Europa.

Mais é así como razoa calquera liberal culto, que indubidabelmente concordará agora en que unha nova comuna «nada ten de improbábel», que se lles presenta un grande papel aos Soviets, etc. O revolucionario proletario distínguese do liberal porque, como teórico, analiza precisamente o novo significado estatal da comuna e dos Soviets. Vandervelde pasa en silencia por riba de todo o que Marx e Engels expoñen polo miúdo sobre este tema ao analizaren a experiencia da Comuna.

Como práctico, como político, un marxista debería esclarecer que só traidores ao socialismo poderían agora esquivar a tarefa de explicar a necesidade da revolución proletaria (do tipo da Comuna, do tipo dos Soviets, ou, admitamos, dun outro terceiro tipo), explicar a necesidade de se preparar para ela, facer propaganda entre as masas para a revolución, refutar os preconceptos pequenoburgueses contra a revolución, etc.

Nada semellante fan Kautsky e Vandervelde, precisamente porque eles mesmos son traidores ao socialismo, que queren conservar entre os obreiros a reputación de socialistas e de marxistas.

Vexamos a formulación teórica da cuestión.

Mesmo nunha república democrática, o Estado non é máis que unha máquina para a represión dunha clase sobre outra. Kautsky coñece esta verdade, recoñécea, compártea, mais... mais elude a cuestión fundamental: cal é a clase á que o proletariado debe reprimir, por que e con que medios, cando conquiste o Estado proletario.

Vandervelde saber, recoñece, comparte e cita esta tese fundamental do marxismo, mais... nin unha verba sobre un tema tan «desagradábel» (para os señores capitalistas) como a represión da resistencia dos explotadores!!

Vandervelde, igual que Kautsky, elude totalmente este tema «desagradábel». Nisto precisamente consiste o seu carácter de renegados.

Como Kautsky, Vandervelde é unha grande mestre na arte de substituír a dialéctica polo eclectismo. Por un lado, non se pode deixar de confesar, por outro é preciso recoñecer. Por un lado, pode entenderse por Estado o «conxunto dunha nación» (ver o dicionario de Littre –obra científica, non hai nada que dicir-), por outro lado, pode entenderse por Estado o «goberno» (ibidem). Esta douta banalidade cópiaa Vandervelde, aprobándoa, ao carón das citas de Marx.

O sentido marxista da palabra «Estado» distínguese do habitual –escribe Vandervelde. En virtude diso, son posíbeis os «malentendidos». «O Estado, en Marx e Engels, non é o Estado no sentido amplo, non é o Estado como órgano de dirección, representante dos intereses xerais da sociedade (intérêts généraux de la société).» É o Estado-poder, o Estado-órgano de autoridade, o Estado-instrumento de dominio dunha clase sobre outra».

Marx e Engels falan da destrución do Estado apenas no segundo sentido. «... Afirmación demasiado absolutas correrían o risco de se revelaren inexactas. Entre o Estado dos capitalistas, baseado na dominación exclusiva dunha clase, e o Estado proletario, que persegue o obxectivo da destrución das clases, hai moitos graos transitorios».

Aí tede a «maneira» de Vandervelde, que pouco se distingue da maneira de Kautsky e que no fondo é idéntica a ela. A dialéctica nega as verdades absolutas, explicando a sucesión dos contrarios e o significado das crises na historia. O ecléctico non quere afirmacións «demasiado absolutas», para introducir o seu desexo pequenoburgués e filisteo de substituír a revolución polos «graos transitorios».

Que o grao transitorio entre o Estado, órgano de dominación da clase dos capitalistas, e o Estado, órgano de dominación do proletariado, é precisamente a revolución, que consiste en derrubar a burguesía e quebrar, destruír a súa maquina de Estado, sobre isto os Kautsky e os Vandervelde nada din. Que a ditadura da burguesía debe ser substituída pola ditadura dunha clase, do proletariado, que aos «graos transitorios» da revolución seguirán os «graos transitorios» da extinción gradual do Estado proletario, os Kautsky e os Vandervelde nada din.

É precisamente nisto o que delata o seu carácter de renegados. É precisamente nisto no que consiste, teórica, filosoficamente, a substitución da dialéctica polo ecléctismo e pola sofística. A dialéctica é concreta e revolucionaria, distingue a «transición» da ditadura dunha clase á ditadura doutra clase, da «transición» do Estado proletario democrático ao non-Estado («extinción do Estado»). O eclectismo e a sofística dos Kautsky e dos Vandervelde, para agradar á burguesía, eluden todo o que hai de concreto e preciso na loita de clases, substituíndoo polo concepto xeral de «transición», no cal se pode agochar (e onde nove décimas partes dos socialdemócratas oficiais da nosa época agochan) a negación da revolución! Vandervelde, como ecléctico e sofista, ten máis arte e máis sutileza que Kautsky, porque coa frase «transición do Estado en sentido estrito ao Estado en sentido amplo» pode eludir toda diferenza entre revolución e reforma, até a diferenza entre un marxista e un liberal. Pois, quen é o burgués culto de Europa que se lembrará de negar «en xeral» os «graos transitorios» neste sentido «xeral»?

«Concordo con Guesde –escribe Vandervelde- en que é imposíbel socializar os medios de produción e de cambio sen que se cumpriran previamente as dúas condicións seguintes:

1. A transformación do Estado actual, órgano de dominación dunha clase sobre outra, naquilo ao que Menger chama Estado popular do traballo, mediante a conquista do poder político polo proletariado.
2. A separación do Estado, órgano de autoridade, do Estado, órgano de dirección, ou, empregando a expresión de Saint-Simon, do goberno dos homes da administración das cousas».

Isto escríbeo Vandervelde en cursiva, subliñando especialmente a importancia destas teses. Mais isto é un auténtico caos ecléctico, unha ruptura completa co marxismo! Porque o «Estado popular do traballo» non é máis que unha paráfrase do vello «Estado popular libre» que exhibían os socialdemócratas alemáns nos anos 70 e que Engels estigmatizou como un absurdo . A expresión «Estado popular do traballo» é unha frase digan dun demócrata pequenoburgués (á semellanza do noso socialista-revolucionario de esquerda), unha frase que substitúe os conceptos de clase por conceptos fóra das clases. Vandervelde sitúa xuntos a conquista do poder de Estado polo proletariado (por unha clase) e o Estado «popular», sen notar o embrollo que diso resulta. En Kautsky, coa súa «democracia pura», resulta o mesmo embrollo, o mesmo menosprezo antirrevolucionario e pequenoburgués das tarefas da revolución de clase, da ditadura de clase, obreira, do Estado de clase (proletario).

Continuemos. O goberno dos homes só desaparecerá e cederá o seu lugar á administración das cousas cando se extinga todo o Estado. Con este futuro relativamente distante Vandervelde oculta, deixa na sombra, a tarefa de hoxe: o derrubamento da burguesía.

Este método equivale igualmente ao servilismo perante a burguesía liberal. O liberal está de acordo en falar daquilo que acontecerá cando non fora necesario gobernar aos homes. Porque non ocuparse con tan inofensivos soños? Mais non digamos nada verbo da represión do proletariado da resistencia da burguesía, que resiste á súa expropiación. Así o esixe o interese de clase da burguesía.

«O socialismo contra o Estado». Isto é unha reverencia de Vandervelde ao proletariado. Non é difícil facer unha reverencia, calquera político «demócrata» sabe facer unha reverencia perante os seus electores. Mais baixo a capa da «reverencia» está o contido antirrevolucionario e antiproletario.

Vandervelde parafrasea polo miúdo a Ostrogorsky acerca de cantos enganos, violencia, subornos, mentiras, hipocrisías e opresión dos pobres se agochan baixo a aparencia civilizada, pulida e vernizada da democracia burguesa contemporánea. Mais Vandervelde non tira ningunha conclusión. Non nota que a democracia burguesa reprime á masa traballadora e explotada, e a democracia proletaria terá que reprimir á burguesía. Kautsky e Vandervelde están cegos nisto. O interese de clase da burguesía, detrás do cal se arrastran estes pequenoburgueses traidores ao marxismo, esixe que se eluda esta cuestión, que se silencia ou se negue abertamente a necesidade desa represión.

Eclectismo pequenoburgués contra marxismo, sofística contra dialéctica, reformismo filisteo contra revolución proletaria, así debería titularse o libro de Vandervelde.


Notas:

(65) Ver a carta de Engels a Bebel de 18-28 de marzo de 1875.

(66) Alusión ao libro de M. Ostrogorsky La Démocratie et les partis politiques, cuxa primeira edición foi publicada en París en 1903. O libro contén moitos feitos históricos da Inglaterra e dos EUA que desenmascaran a falsidade da democracia burguesa.

Ler máis

Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com