Á nova lei antiinmigrante de Arizona, cuxo exemplo ameazan con seguir outros estados como Nebraska, súmase, indica Notimex, a decisión dos conservadores republicanos, que dominan a Xunta Estatal de Educación en Texas, de daren un xiro ultradereitista ao programa de estudo nas escolas de ensinanza secundaria e preparatoria.
Segundo esta fonte, os cinco millóns de alumnos texanos non poderán ler palabras como escravo e capitalismo nos textos que tratan a historia dos Estados Unidos, alén de se eliminar outros vocábulos como imperialismo, que tan mal lles soa á industria da desinformación e lavado de cerebro de Washington, porque, para eles, “dá má imaxe ao país”.
Para os elementos conservadores da Xunta, o escravismo non é tal, senón un “Comercio Triangular do Atlántico” e o capitalismo tampouco, senón “un sistema de libre empresa”.
Nese boato enxalzan entes retrógrados como Jefferson Davis, o líder da escravista confederación durante a Guerra Civil ou de Secesión estadounidense, ao que se sinala como responsábel das mortes de 620 mil persoas; en detrimento de Abraham Lincoln e John F. Kennedy, presidentes asasinados pola reacción.
Toda unha burla dos sectores máis retrógrados da sociedade norteamericana, expresada abertamente polo presidente da ultradereitista Xunta Estatal de Educación de Texas, Don McLeroy, quen cualifica a aprobación das normas como un grande paso, o que é certo, mais cara atrás na historia.
é unha verdadeira vergonza isto que fan en Estados Unidos. Realmente parece surrealista. É certa esa frase que di que a realidade supera á ficción.
Vaia collóns que teñen.