Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Propostas do KKE de solución á crise
24/06/2010
Aleka Papariga
Secretaria Xeral do KKE



O KKE sempre afirmou, especialmente logo de 1991, que era un engano acreditar no desenvolvemento incesante do capitalismo, da súa competitividade e produtividade, en suposto beneficio común dos traballadores e dos capitalistas. O Partido falaba da inevitábel crise económica en todas as economías capitalistas. Preveu a crise, a inminencia insalvábel dun profundo e repentino agravamento de todas as contradicións sociais e intra-imperialistas. Os apoloxistas do sistema capitalista, entre eles os auto-proclamados defensores do vello PASOK(1), ou os revisionistas dese partido, ao reduciren a causa da crise económica a un problema de xestión, negan ou agochan a verdadeira orixe na que esta afunde as súas raíces: o propio sistema capitalista.

As condicións de hoxe esixen que o proceso de toma de consciencia social e política se acelere e, sobre todo, se exprese na organización e na loita planificada con perspectivas de continuidade no futuro. É o nivel de vida do pobo, dos traballadores e das familias de baixos rendementos o que nos preocupa e non o lucro dos capitalistas.

A nosa estratexia é a de impedir na medida das nosas posibilidades a imposición de medidas bárbaras sobre as condicións de hoxe, para evitar a lexitimación desas medidas na consciencia popular, para que os traballadores se desliguen do PASOK, da ND(2) e das súas políticas, para reagrupar e facer avanzar o movemento de masas nun contra-ataque que inverta a actual relación de forzas no camiño do poder popular. Nós non somos observadores indiferentes e neutros; porén, na medida en que a relación política de forzas non nos permite unha intervención máis eficaz a prol do pobo, dámoslle prioridade ao movemento social, fóra do Parlamento.
Chegou a hora dunha fronte social e popular para que a acción política e de masas tome forma; unha forma diferente, desenvolvida a partir das forzas militantes existentes, que deben ser multiplicadas, isto é; as forzas militantes dos traballadores dos sectores privado e público; dos traballadores independentes pobres, con pequenos negocios, como os artesáns e os pequenos comerciantes; dos campesiños pobres, cun reforzo da participación da mocidade, dos fillos da clase traballadora e das familias de baixos rendementos, especialmente daqueles que estudan e traballan ou están en programas de aprendizaxe; das mulleres e dos inmigrantes e dos que se baten nos campos da ciencia, da arte e da cultura.
Por esta razón, é indispensábel acumular forzas co KKE, independentemente de que os traballadores concorden co KKE en todo, ou pola contra teñan dúbidas ou diferentes puntos de vista sobre o socialismo.

Os indicios da posibilidade de construción desa fronte existen actualmente, como o demostran a Fronte Militante de Todos Traballadores (PAME), a Unión Grega Antimonopolista de Traballadores Independentes e Pequenos Comerciantes (PASEVE), a Unión Militante de todos os Labregos (PASY), a Fronte Militante de Estudantes (MAS) e outras formacións do movemento de masas. Outras organización xurdiron neste proceso, ora arredor dos movementos de masas contra a guerra imperialista, pola defensa de dereitos individuais e colectivos, democráticos e sindicais, ora como formación afíns na área do poder local.

O corazón das loitas está nos centros de traballo, nas rúas con pequenas tendas, nas zonas rurais, nas escolas, nas universidades, nos barrios periféricos populares. Impedir a aplicación das novas medidas anti-traballadores, en especial a abolición dos acordos colectivos de traballo e a promoción de acordos individuais, a redución da xornada de traballo(3), a flexibilización das relacións laborais etc., debe ser un obxectivo perseguido sen descanso en cada centro de traballo.

Os traballadores deben alterar a relación de forzas desde abaixo, e isto tense que expresar tamén cando a loita se desenvolve a nivel político. O pobo non pode tolerar máis que sexa sempre el, someténdose a sacrificios indescritíbeis, que teña que pagar o lucro dos industriais, dos armadores, dos grandes comerciantes, dos monopolios en xeral.

Esa fronte popular e social debe ter dous obxectivos interrelacionados. O primeiro é a loita, que inclúe a resistencia, as loitas parcelares de desgaste e unha labor de embate contra as medidas bárbaras que o goberno e os seus aliados procuran aprobar. unha loita, xa que logo, contra a complexa maquinación do sistema político burgués e da plutocracia.

Mais as loitas de desgaste tamén non son suficientes; temos que acadar algunhas vitorias, pequenas ou grandes. No entanto, a máis importante tarefa da fronte debe ser creativa, para facer xurdir un punto de vista popular e militante, unha dignidade e optimismo militantes, un patriotismo e internacionalismo de clase e unha acción e iniciativa populares que poidan transformar a fronte nunha corrente de profunda mudanza e de inversión da relación de forzas.

Esta fronte ten un vieiro demarcado creativo e realista: reforzar a proposta alternativa dun poder popular e dunha economía para o pobo tendo como palabra de orde central a socialización dos monopolios, a formación de cooperativas populares nos sectores onde a socialización non é posíbel e unha planificación nacional que se basee no control popular e dos traballadores, de abaixo para arriba.

O obxectivo é probar e demostrar as posibilidades actuais de desenvolvemento do país, que aínda existen, sen perder máis tempo a minalas e a destruílas.

O KKE está a intensificar esforzos para difundir as súas propostas políticas, ao tempo que aumenta a súa presenza nas loitas do día a día. O 15 de maio, organizamos un encontro de ámbito nacional que tornará as nosas propostas, a nosa iniciativa, a nosa total oposición ás actuais políticas e ao actual sistema, aínda máis amplamente coñecidas.

Nada de ilusións.

A adhesión aos mecanismos do sistema non impedirá que a recuperación sexa feble, nin o abrollar dunha nova crise cíclica aínda máis intensa da que estamos a vivir. De agora en diante o pobo debe estar pronto para criar unha ruptura no sistema e non se tornar nunha ‘Ifixénia’(4). Nós non adoptamos o punto de vista de que os sacrificios do pobo serán en balde; serán utilizados en proveito do capital – irán directamente para o bolso dos capitalistas.

A recuperación da economía capitalista grega tórnase cada vez mais difícil, mesmo que vire estábel dentro da zona do euro. A recesión na produción manufactureira e no conxunto da industria só pode ser invertida con grandes dificultades.

A xestión da crise, sexa pola UE ou polo FMI, non conseguirá superar as contradicións da produción capitalista, cuxo obxectivo e motivación é o lucro. Todo o que aparece como un medio para resolver un problema, como por exemplo a débeda de Grecia, pode agravar fortemente outros problemas. O abandono da UE e a desobediencia son indispensábeis para a mellora das condicións de vida do pobo. Calquera medio de resistencia ten valor sempre que teña en perspectiva unha alternativa no poder. Pola contra, as reaccións ou negociacións desordenadas só serven para fortalecer o proceso de extorsión.

O goberno, despois de crear as condicións que comprometeron os pagamentos e conduciron á bancarrota, tirou para diante co seu plan previamente decidido de apoiar unha maquinación que a UE e o FMI artellaran, seguindo unha serie de inconsistencias, que lle permitiron ao FMI penetrar aínda máis profundamente en Europa como o autoproclamado “salvador dos pobos”.

As expectativas alarmantes dunha ruína inminente esaxeran a situación e serven como forma de extorsión. Desde os primeiros momentos, nós fomos conscientes e chamamos a atención sobre que a adhesión a aqueles mecanismos sería unha realidade e que o goberno conseguiría un préstamo de capital, porque ningún goberno burgués ou contra o pobo deixaría desamparada a súa clase burguesa e a patronal do país. O goberno grego quería crear o marco ideal para a extorsión, a atmosfera perfecta na cal o ataque de pánico do pobo grego o levase a aceitar, de boa vontade, medidas que xa foran decididas hai vinte anos.

Claro que o desacougo do goberno sobre as condicións do préstamo se resolveu con contradicións e conflitos reais que nada tiveron que ver co pobo. Grecia atopouse no ollo do furacán, porque a súa enorme débeda foi utilizada polos países capitalistas concorrentes dentro da UE e tamén polos EUA, Rusia e China. Grecia centrou entón a atención debido ás súas posicións e ligazóns coa parte oriental da UE, a Eurasia e mesmo o Extremo Oriente.

Grecia converteuse na ovella negra da zona euro, para os intereses do capital europeo e mesmo para alén del, porque a través de Grecia os países en concorrencia, liderados polo grande capital, poden establecer lazos coa Europa Occidental peninsular.

Non se trata dunha cuestión de diferentes intereses entre os respectivos pobos. Estes conflitos deberían conducir á promoción da unidade e de accións conxuntas dos pobos, porque independentemente de cal sexa o país ou a moeda a que primeiro afectan, o pobo perderá e continuará a perder de se perpetuar esta situación en vez de gañar e conquistar novos dereitos.

No que se refire á negociación da débeda pública, mediante préstamos articulados co Pacto de Estabilidade e Crecemento ou, supostamente, mediante unha renegociación interna, é unha falacia, unha desorientación, unha utopía.

Para comezar, a débeda non é apenas un asunto de Grecia. Moitos países capitalistas, incluíndo os desenvolvidos, amosan unha débeda pública en crecemento continuo. Non se trata pois dun problema de capacidades de xestión, como lles convén presentala aos partidos burgueses e oportunistas. É o resultado da decadencia gradual e de longo prazo da produción doméstica industrial e agrícola, coa intensificación dos antagonismos, a nivel internacional e da UE.

Debido ás súas pequenas dimensións, os ramos industriais que se desenvolveron en Grecia no sector da enerxía, nas telecomunicacións e noutras áreas específicas da industria, non foron capaces de compensar a recesión desta no seu conxunto.
A débeda resulta das enormes exencións fiscais que se lles concederon ás empresas, do financiamento público do grande capital, das despensas inmensurábeis con programas de armamento da NATO, da competición capitalista baixo as condicións da UE, das despensas contra-produtivas cos xogos Olímpicos.

As consecuencias da concorrencia e das contradicións intra-imperialistas levaron á agudización da crise. O dólar pretende recuperar a posición de que gozaba como moeda de reserva mundial. A desvalorización do euro beneficia a Alemaña, que é a maior potencia exportadora de Europa, nun momento en que está a perder a súa posición de líder mundial de exportacións para a China.

Isto ten que ver cos fluxos de capitais que levan a aumentos de lucros aleatorios, a través dos chamados produtos financeiros de alto risco, isto é, os premios de seguro en participacións e bonos do Estado. Estes fluxos son importantes, inda así non son especulativos no sentido estrito do termo, pois fan parte da lóxica do sistema.
Está tamén a presión dos capitalistas, que queren facer investimentos directos en Grecia, mais primeiro queren facer pasar medidas contra o mundo do traballo xa aplicadas no resto de Europa e que, en Grecia, foron retardadas debido, principalmente, ás loitas populares que o KKE impulsou e apoiou. Estes capitalistas queren acabar coa práctica das actividades profesionais pechadas, creando as condicións necesarias para tomaren posesión de novas esferas de actividade en detrimento das clases medias, en sectores que os poderosos monopolios aínda non foron capaces de dominar como a industria da construción, os transportes, as actividades farmacéuticas etc. As contradicións tamén se expresan entre capital americano, árabe, chinés e ruso, que tomaron posicións na economía de Grecia, en canto país intermediario e lanzadeira para a súa entrada no mercado mundial.

AS PROPOSTAS DO KKE

A Fronte Anti-imperialista, Anti-monopolista e Democrática – Poder e Economía Populares

O pobo grego ten que escoller entre dúas vías de desenvolvemento para a sociedade grega: a vía actualmente proseguida e aquela pola cal o pobo debe loitar.
Nós sustentamos, con feitos e probas, que a Grecia, malia aos danos serios e destrutivos sufridos en determinados sectores debido ao dominio do capital e á concorrencia monopolista, ten os requisitos previos necesarios para criar e desenvolver unha economía popular autónoma.

A evolución negativa dos últimos 20 anos en certos ramos da produción industrial e na economía agrícola pode ser tratada baixo condicións políticas, económicas e sociais diferentes. Aínda non é tarde. Grecia ten un nivel satisfactorio de concentración da produción, de medios de produción, de comercio en rede e dun nivel específico de desenvolvemento nas tecnoloxías modernas. Ten unha grande e experimentada forza de traballo, cun alto nivel educativo e de
especialización, en comparación co pasado, e unha grande man de obra no eido da ciencia. Posúe valiosos recursos naturais xeradores de riqueza e importantes reservas de riquezas minerais que constitúen unha vantaxe na produción industrial e de bens de consumo.

Ten a grande vantaxe de poder asegurar o fornecemento de alimentos suficientes, tanto para as necesidades do pobo como para o comercio externo. Posúe capacidades para producir produtos modernos, máquinas, ferramentas e equipamentos.
Para que poida existir unha economía popular para todos, temos que encontrar unha solución para o problema da propiedade, mirando sempre de satisfacer as necesidades do pobo e non as do lucro.

A escolla é única: unha mudanza nas relacións sociais de propiedade, historicamente ultrapasadas, que determinan tamén o sistema político e afectan aos medios de produción básicos e concentrados, nas seguintes áreas: enerxía, telecomunicacións, recursos minerais, minas, industria, abastecemento de água, transportes. A socialización do sistema bancario, do sistema extractivo, dos transportes e da xestión dos recursos naturais; do comercio externo, dunha rede centralizada de comercio interno; de casas para o pobo, da investigación e da difusión democrática da información para o pobo.

Un sistema de educación, saúde, benestar e seguranza social exclusivamente público, universal e gratuíto.

Consideramos que pode haber sectores que non serán incluídos nunha socialización completa, nacional e universal. En complemento do sector socializado, poderá ser formado un sector de cooperativas de produción nas pequenas explotacións agrícolas, e de pequeno comercio en ramos onde a concentración é baixa. A participación nas cooperativas deberá ser entendida como unha escolla vantaxosa, baseada na experiencia adquirida na rede dos monopolios.

O sector socializado, así como os sectores cooperativos, da produción e da distribución, deben ser incluídos como un todo nun sistema económico centralizado e nacional de planificación e administración, de xeito que todos os medios de produción e de man de obra poidan ser mobilizados, e que todas as formas posíbeis de cooperación económica internacional poidan ser utilizadas, na base da reciprocidade de beneficios. A produción nacional será protexida e os intereses dos traballadores serán asegurados fronte a calquera repercusión que poida xurdir das necesidades do comercio exterior.

A planificación central é necesaria para formular os obxectivos e as opcións estratéxicas, priorizar ramos e sectores, determinar onde deberán ser concentrados os maiores medios e forzas. A materialización desta programación precisa dunha distribución por ramo e área e, antes de nada, do control da xestión por parte dos traballadores en cada unidade e servizo de produción e en cada órgano administrativo.
O goberno, como un órgano do poder popular, estará obrigado a asegurar a participación do pobo nesta tarefa completamente nova e totalmente descoñecida, que é a de apoiar o movemento popular, apoialo e ser controlado por el dentro das novas institucións de control social dos traballadores.

O desenvolvemento da sociedade, a través dunha planificación centralizada, é unha necesidade que deriva das esixencias de noso tempo, e antes de todo das esixencias dos seres humanos, que son a primeira forza produtiva. A necesidade de satisfacer as diversas necesidades modernas dos traballadores, a necesidade de desenvolver os medios de produción, a ciencia e a tecnoloxía en beneficio das persoas fan da planificación central unha necesidade vital.

O poder popular incentiva os acordos e intercambios comerciais entre estados, os acordos para a utilización do saber tecnolóxico, con base no interese mutuo. A débeda pública será reexaminada, baixo o poder popular, tendo como criterio principal os intereses do pobo. Así que nun primeiro momento, o poder popular terase que confrontar cunha reacción organizada interna e externa. A UE e a OTAN, así como os acordos cos EUA, non lles deixan moita marxe de manobra aos países membros da UE.
A resolución deste problema, coa saída da UE, é inevitábel, e ten como obxectivo un desenvolvemento autónomo, popular, e unha cooperación no interese do pobo.

É necesario intensificar a nosa actividade na base da loita contra os problemas.
Loitamos incesantemente, e continuaremos a loitar, por avances inmediatos a prol dos traballadores, até que o poder do movemento de masas impoña medidas que diminúan osn problemas máis agudos e alivien o pobo.

Temos desenvolvido posicións e reivindicacións para cada un dos problemas e cuestións que foron xurdindo. No entanto hoxe isto non é suficiente; é necesaria unha proposta alternativa de progreso para que a loita teña un obxectivo, unha meta, un sentido e, finalmente, para que poida exercer unha presión suplementar en cada fase da loita.


NOTAS

1. Sigla do partido Movemento Socialista Pan-helénico, no goberno – NT
2. Sigla do partido Nova Democracia – NT
3. Con redución de salario; tamén se utiliza o estranxeirismo ‘lay off’ – NT
4. Personaxe da mitoloxía grega, que debería ser sacrificada na procura de bos ventos para conducir os exércitos gregos na guerra contra Troia – NT

---------------------------
Tirado da páxina web de ADIANTE


Ler máis
2 Comments:
  • At 6/25/2010 01:08:00 da manhã, Anonymous Anónimo said…

    Iso si que son propostas desde a esquerda e non os deses que queren refundar o cutreprogresismo.

     
  • At 6/29/2010 12:16:00 da manhã, Anonymous Anónimo said…

    Antón.

    Cada día estou máis asombrado coa capacidade do KKE para trazar unha estratexia a curto, medio e longo prazo. O traballo teórico e de análise da realidade son dúas facetas necesarias para realizar un traballo práctico óptimo.
    Penso que non minto se afirmo que os economistas militantes do KKE son os que están na vangarda da análise da crise sistémica do capitalismo.

     

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.

<< Início
 
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com