O pasado sábado 28 de agosto celebrouse en Ferrol unha homenaxe ao loitador antifranquista Segundo Vilaboy Martínez. Pasadas ás cinco da tarde, no cemiterio municipal de Catabois fíxose unha ofrenda floral diante do cadro número 352 onde está soterrado este militante comunista. Máis de 80 persoas participaron neste sinxelo acto presentado polo baixista de Mencer Vermello, Fran. Procedeuse a lectura dun poema do escritor Méndez Ferrín escollido persoalmente polo historiador Bernardo Máiz Vázquez para, a seguir, dar lectura á carta que o propio Segundo Vilaboy Martínez escribiu e enviou días antes de morrer á dirección do Partido Comunista. Rematouse o acto, de intensa carga emotiva, co canto da Internacional e a interpretación, por parte do gaiteiro Agulló, do Himno Galego. Entre os presentes estaban dúas sobriñas de Segundo Vilaboy e dous sobriños-netos, os dous compoñentes do grupo RPG7, así como tamén algunha persoa que coñeceu persoalmente a Segundo Vilaboy.

Máis tarde, contra as seis e media da tarde e no bar Chimarrão, realizouse unha charla sobre o antifranquismo galego. O historiador Bernardo Máiz Vázquez non puido asistir como estaba previsto por problemas de saúde. Fran, de Mencer Vermello, deu lectura a unha carta do propio historiador onde explicaba a súa situación persoal. A charla comezou coa proxección dunha película-documental titulada: "Xan de Xenaro: memoria de 32 anos", sobre a vida deste guerrilleiro da comarca de Ferrol. Este documental foi realizado por Agustín Fernández Paz e o propio Bernardo Máiz Vazquez en 1985. Despois, o historiador Joam Lôpes, en substitución de Bernardor Máiz, falou, acompañado por material visual, sobre a propaganda guerrilleira e sobre combatentes da época, como O Curruxas, O Piloto, María Blazquez, Foucellas, ou o Gafas, até rematar cunha pequena exposición sobre Segundo Vilaboy. O acto pechouse coa audición da canción “Segundos na memoria” do grupo A Quenlla. Á entrada do acto repartiuse un caderno coa documentación achegada polo historiador Bernardo Máiz a cada un dos asistentes. Este caderno podédelo descargar no apartado Material da web feita para esta ocasión, www.homenaxeasegundovilaboy.blogspot.com

A xornada rematou cun concerto a cargo dos grupos Mossin Nagant, RPG 7 e Mencer Vermello no bar Chimarrão. Unha faixa coa cara de Segundo Vilaboy, a fouce e o martelo e o titulo da homenaxe, Memoria, Dignidade e Loita presidía o escenario. Abriu o concerto o grupo ferrolán Mencer Vermello, repasando o seu repertorio. Puideronse escoitar alusións á folga xeral do vindeiro 29 de setembro, aos presos e presas, aos exiliados e emigrados, … O grupo dedicoulle o tema Resistir ao historiador Bernardo Máiz Remataron coa versión "Gora Euskal Herria" cantada en conxunto co Rufo, cantante de Mossin Nagant. Posteriormente saltaron ao escenario os vascos Mossin Nagant presentando o que vai ser o seu segundo CD en estudio, sen deixaren de lado os xa clásicos temas do seu primeiro traballo. Por último, colleron o relevo os vallecanos RPG7, presentado a súa primeira maqueta. Lembrar que dous dos compoñentes deste grupo son sobriños-netos de Segundo Vilaboy. As últimas cancións arreguizaron o corpo dos asistentes, non en van, unha delas versa sobre a vida do propio Segundo Vilaboy. Por varias veces escoitáronse berros en alusión a Segundo Vilaboy. Para rematar o concerto e así a xornada, os máis de cen asistentes,puño en alto, cantaron a Internacional.
Parabéns a todas as persoas involucradas na organización deste evento, especialmente a Mencer Vermello, ben sabemos que sen eles en Ferrol non habería este tipo de actos, e tamén aos netos do camarada Vilaboy que tocan en RPG7.
Os comunistas estamos aquí, está a chegar o momento en que tomemos de novo as rúas e as fábricas para deixar ben claro que só hai unha
solución posible á situación actual: SOCIALISMO.
Recordemos aos héroes do proletariado, manteñamos viva a chama da memoria historica, aprendamos do pasado e loitemos con conciencia no presente para conseguir un futuro digno para a nosa clase.
¡Viva Segundo Vilaboy e todolos guerrilleiros antifranquistas!
¡Viva o comunismo!
¡29 de setembro FOLGA XERAL!