
Granma
Aos Parlamentos e Pobos do mundo:
Este 12 de setembro de 2010 cúmprense 12 anos do inxusto encarceramento en prisións norteamericanas de Gerardo Hernández Nordelo, Ramón Labañino Salazar, Antonio Guerreo Rodríguez, Fernando González Llort e René González Sehwerert.
Desde o seu arresto e durante todo o extenso e amañado proceso xudicial, no cal se lles impuxeron desmesuradas condenas, incluíndo cadea perpetua para dous deles e dúas cadeas perpetuas para outro, estes Cinco cubanos enfrontaron as maiores eivas para exerceren os seus dereitos e foron sometidos a crueis castigos, incluíndo amplos períodos de confinamento solitario e a prohibición de recibiren visitas por parte das súas esposas nos casos de Gerardo e René.
No curso destes anos, o noso pobo, xunto aos seus familiares, denunciou esta inxustiza e loitou pola súa liberación, convencidos da súa inocencia, pois a súa única, mais importante, misión nese país foi controlar os grupos terroristas que durante máis de 50 anos actuaron impunemente contra Cuba. Nada do que fixeron puxo xamais en perigo a seguridade dos Estados Unidos. Sábeno moi ben as autoridades norteamericanas e foi recoñecido inclusive pola propia Fiscalía e altos xefes militares dese país.
Se se quixer tan só unha razón para demostrar toda a inxustiza e o desquite contidos neste caso, alén da súa probada inocencia, abondaría mencionarmos que durante as últimas décadas ningunha outra persoa nese país, acusada e comprobado a práctica de espionaxe, inclusive vinculadas a accións armadas violentas contra os Estados Unidos, recibiu tan altas condenas, nunca cadea perpetua, e moitos dos sancionados xa están libres.
Após 12 anos, cando, tras a negativa da Corte Suprema a revisar os casos, non hai máis posibilidades legais, a situación destes cinco irmáns continúa a ser difícil; mentres tres viron lixeiramente modificadas as súas condenas, Gerardo Hernández sigue a cumprir, en condicións de máxima seguridade, as súas dúas cadeas perpetuas máis quince anos.
A se referir á necesidade da solidariedade para alcanzar a xustiza, o destacado xurista norteamericano Leonard Winglass, un dos avogados defensores dos Cinco, afirmaba: «O peor que lle pode pasar a alguén dentro do sistema de xustiza norteamericano é estar só. A solidariedade é necesaria non para intimidar a Corte, senón para indicar que o mundo está vixiando e que a lei debe cumprirse».
Estamos certos de que a loita pola súa liberación, á que se sumaron pobos, organizacións sociais, políticas e profesionais, gobernos e parlamentos de todo o mundo, en xesto de singular solidariedade con esta xusta causa, seguirá a crecer.
Hoxe cómpre, máis que nunca, esixirmos á Administración dos Estados Unidos que remate con esta inxustiza e libere xa a estes Cinco cubanos.
Asemblea Nacional do Poder Popular da República de Cuba |
Enviar um comentário
Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.