Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Nace Forxa!: Construír o Partido, Preparar a Revolución
30/09/2010


«De todas as clase que hoxe se enfrontan coa burguesía só hai unha verdadeiramente revolucionaria: o proletariado». Marx e Engels, Manifesto Comunista.

Após un proceso de debate interno, un grupo de comunistas de Galiza, algúns procedentes doutras organizacións e outros sen militancia organizativa anterior, decidimos constituír Forxa!, colectivo marxista-leninista que ten como obxectivo construír e consolidar a única ferramenta política verdadeiramente revolucionaria da clase obreira galega, o Partido Comunista. Partido que ten de expresar os obxectivos e intereses históricos do proletariado: derrotar a ditadura da burguesía, ditadura da minoría, e substituíla pola ditadura revolucionaria do proletariado, da maioría.

Fronte aos que anuncian ao mundo o fracaso do socialismo, os que negan o papel dirixente do Partido e a necesidade da ditadura do proletariado, os que teiman en borrar os camiños vitoriosos xa percorridos polo Movemento Comunista, nós reafirmámonos en todas as ensinanzas que, no curso da historia, nos proporcionou as experiencias e as loitas da clase obreira e do movemento revolucionario. Ensinanzas históricas das que aprendemos que o proletariado e demais clases oprimidas só poden alcanzar a emancipación a través da Revolución Socialista e que a ditadura do proletariado é un requisito imprescindíbel da construción socialista, instrumento necesario para vencer a resistencia dunha burguesía que sempre loitará por preservar os seus intereses e privilexios.

«A traizón en política enceta pola revisión da teoría». Georgi Dimitrov.

Outra ensinanza histórica é o fracaso e a creba das políticas do revisionismo e do reformismo, que durante anos de manipulacións e traizóns, conduciron á clase obreira, xunto co resto de clases traballadoras, á total desmobilización e desorganización, destruíndo as súas ferramentas de combate e provocando a súa maior derrota.

A loita de clases é o motor da historia. Non porque veña nun libro ou por termos nós a teima de o repetir un millón de veces. O mundo continúa a estar dividido en dous campos: o dos desposuídos que forman a inmensa maioría da humanidade, e da minoría que todo o ten. Os primeiros están obrigados a vender a súa forza de traballo para sobreviviren, mentres que os segundos son os propietarios dos medios de produción e do capital financeiro. Quere dicir, este dominio económico e político dunha minoría sobre a maioría é unha realidade obxectiva.

Para derrotar esta orde existente e transformar a sociedade, a clase traballadora precisa de organizacións propias, independentes das demais clases. Organizacións que sexan quen de conduciren o proletariado cara á emancipación e a vitoria sobre a burguesía e o imperialismo. Organización que non pode ser outra que o Partido revolucionario marxista-leninista, o Partido de Novo Tipo ardentemente defendido por Lenin fronte ás tendencias oportunistas e antirrevolucionarias. Un Partido de vangarda guiado por unha teoría de vangarda, o marxismo-leninismo: ideoloxía do proletariado, expresión científica dos seus intereses de clase e arma de toda a clase traballadora na loita polo socialismo e a liberación nacional.

«Un novo Partido, un Partido combativo, un Partido revolucionario dabondo intrépido como para conducir o proletariado á loita polo poder, dabondo experto como para se orientar nas complexas condicións da situación revolucionaria e dabondo flexíbel como para sortear todos e cada un dos escollos que se interpoñen no seu camiño. Sen un Partido así non se pode pensar no derrocamento do imperialismo e na conquista da ditadura do proletariado. Este novo Partido é o Partido do leninismo.» Iosif Stalin, Fundamentos do Leninismo.


A queda do socialismo real e a vitoria da contrarrevolución burguesa e do imperialismo sumaron o Movemento Obreiro e o Movemento Comunista nunha profunda crise ideolóxica e organizativa. A maioría das organizacións adaptáronse aos novos tempos virando cara á socialdemocracia ou aliñándose nalgunha das múltiples teorías revisionistas. Outras simplemente desapareceron. Galiza non foi unha excepción.

Entendemos que, a día de hoxe, a clase obreira galega non conta coa súa ferramenta emancipadora, o Partido Comunista. O abandono xeral da política comunista, a deserción e o liquidacionismo, a carencia de liñas programáticas sólidas, o eclecticismo paralizante e a ausencia de análises desde unha perspectiva de clase da realidade galega son algunhas das principais razóns desta situación de indefensión da clase obreira galega. Sen obviarmos o respecto que nos merecen as organizacións populares existentes no noso país, algunhas das cales se reclaman comunistas, consideramos imprescindíbel prepararmos o camiño que conduza ao nacemento do Partido Comunista.

Este Partido Comunista será froito do traballo, do estudo e do debate previos, mais, como organización da clase obreira, deberá cumprir uns requisitos mínimos:

Un Partido que teña no marxismo-leninismo a súa guía de análise e actuación práctica. Que rexeite o oportunismo, o reformismo e toda caste de liñas revisionistas contrarrevolucionarias.

Un Partido armado cun programa revolucionario e cunha única e sólida liña político-ideolóxica, produtos, ambos, da análise, entre outras, da loita de clases na Galiza, da relación de dependencia entre Galiza e o Estado español, do estudo do imperialismo a nivel mundial, da realidade do movemento comunista internacional e das experiencias socialistas no decurso da Historia.

Un auténtico Partido proletario guiado e composto maioritariamente pola clase obreira, polo proletariado, como clase revolucionaria. Esta é, xunto coa aplicación do materialismo dialéctico, a mellor garantía para podermos combater todo tipo de sectarismo, dogmatismo, revisionismo ou reformismo no seu seo.

Un Partido cunha vocación internacionalista real. Tendo claro que a primeira obriga internacionalista é levar a cabo a revolución no noso propio país como parte da revolución proletaria mundial, o Partido debe seguir a ensinanza marxista que nos di que os comunistas, alén da nosa necesaria loita particular, temos de manter sempre o intereses do movemento proletario enfocado no seu conxunto, nos intereses comúns ao proletariado mundial.

Un Partido que teña na Independencia nacional un dos seus obxectivos, mais non como obxectivo en si mesmo, senón como unha parte da cuestión xeral da revolución proletaria. O problema nacional só pode resolverse en relación coa revolución proletaria e sobre a base dela. Obxectivamente, a liberación nacional de Galiza representa un debilitamento do imperialismo, un paso no camiño da revolución proletaria e o Socialismo.

Un Partido activo na solidariedade cos todos aqueles represaliados por combateren a ditadura burguesa, tanto na Galiza como en calquera punto do mundo.

Para a consecución deste Partido, obxectivo estratéxico do noso colectivo marxista-leninista, Forxa! traballará nos seguintes aspectos:

Acumular forzas. Queremos agrupar os comunistas e revolucionarios galegos ao redor do proxecto de construción dun auténtico Partido Comunista revolucionario marxista-leninista. Mais Forxa! non nace con vocación exclusivista. Nesta necesaria acumulación de forzas, e sempre que se camiñe na mesma dirección, o noso colectivo non tería ningún problema en fusionarse, integrarse ou colaborar con outros destacamentos marxista-leninistas que xurdan no seo da clase obreira galega. É máis, sería unha moi boa noticia para o proletariado galego que outros proxectos como o noso viran á luz no país.

Concretar e ampliar as características que debe cumprir o Partido Comunista. E como xa dixemos, isto non pode acadarse se non é cun estudo rigoroso, desde unha perspectiva proletaria e comunista, da realidade da loita de clases na Galiza, da dependencia nacional, do imperialismo internacional, do debate pasado e presente dentro do movemento comunista internacional e da análise materialista das experiencias socialistas.

Crear un discurso netamente proletario sobre os acontecementos que, tanto a nivel nacional como internacional, coidemos de importancia para a nosa causa. Rachar co monopolio dos discursos da burguesía “progresista” e da pequena-burguesía radicalizada, e lanzar a voz do proletariado.

Participar naquelas loitas que beneficien os intereses do proletariado galego.

Sabemos que o camiño non vai ser doado e que os obstáculos van ser constantes, mais a necesidade de construírmos un Partido comunista revolucionario do proletariado galego obríganos a dar este paso. Facemos un chamamento para participar neste proxecto ao proletariado consciente, ás persoas comunistas desencantadas coa situación actual, ás que queren loitar mais aínda non atoparon o lugar, a todas as persoas, en resume, que queiran loitar por acabar co dominio da burguesía, sexa de onde for, e construír o socialismo na Galiza e no mundo enteiro.

Co coñecemento e constancia do puño proletario que bate o ferro na zafra, é como debemos forxar o noso Partido. Esa ferramenta do proletariado que a historia demostrou inescusábel para nos enfrontarmos ao inimigo de clase e sermos quen de o vencer.

O destino é quen baralla as cartas, nós quen as xogamos

13 Comments:
  • At 10/01/2010 06:44:00 da manhã, Anonymous Anónimo said…

    MOito ánimo!!!!

     
  • At 10/02/2010 11:09:00 da manhã, Anonymous pedro said…

    Isto é o que necesitaba Galiza.
    Decisión, firmeza nos principios, máis comunismo que nacionalismo, e moita clase obreira, sen sectarismos.

     
  • At 10/04/2010 08:42:00 da tarde, Blogger Sr. J said…

    subscrivo o comentário anterior: isto é o que necessitava GZ. Outro partido comunista, que até agora havia poucos... 20 ou 30 nada mais, e ainda por riba cheos de dissidentes ;-). Muito ánimo e a seguir nesta linha; aginha conseguiremos que haja mais partidos que militantes XD

     
  • At 10/04/2010 11:32:00 da tarde, Anonymous Anónimo said…

    Vaia, Sr. J, liches polo menos o primeiro parágrafo? Estás un pouco confuso.

     
  • At 10/07/2010 08:53:00 da manhã, Blogger Sr. J said…

    Lim, anónimo, lim. Também lim o teu comentário e mais não o entendo. Qual é a minha confusão?

     
  • At 10/07/2010 09:07:00 da tarde, Anonymous Xaime said…

    Coido que para caer da burra e darte conta da túa confusión debes volver a ler o primeiro párrafo...

     
  • At 10/08/2010 12:05:00 da manhã, Anonymous Anónimo said…

    Non podo estar máis de acordo co Sr J: isto semella a vida de Bryan

     
  • At 10/08/2010 07:36:00 da manhã, Anonymous Anónimo said…

    Ao principio do texto xa explica claramente que non é un partido.

     
  • At 10/08/2010 07:46:00 da manhã, Anonymous Anónimo said…

    Antón.

    20 ou 30 partidos comunistas na Galiza? Carafio, dime os seus nomes a ver se me poño ao día.

    A formulación de Forxa é clara. E sería clara para calquera que tiver como referencia ideolóxica as teses marxista-leninistas. A idea é: na Galiza non existe o Partido comunista. Hai organizacións de esquerda, revolucionarias e mesmo algunhas que se definen como comunistas, mais a súa praxe e os seus posicionamentos distan moitos do leninismo.
    A falta desta ferramenta do proletariado, os comunistas deben organizarse, xuntarse, formarse e prepararse para daren a batalla.

    Todo isto ten lóxica e calquera persoa formada no comunismo científico pode entendelo. Agora ben, se un ten como ideólogos aos señores de Monty Python, pois claro... a cousa sempre seguirá igual.

    Un saúdo.

     
  • At 10/08/2010 11:34:00 da tarde, Anonymous Anónimo said…

    eu penso que a intención é boa, pero vos animo a reforzar algún dos xa existentes,compañeiros

     
  • At 10/10/2010 02:22:00 da manhã, Anonymous Anónimo said…

    Coido que este cartaz http://aforxa.blogspot.com/2010/09/medidas-urxentes.html aseméllase demasiado a estoutro
    http://comunistasdagzpcpe.blogspot.com/2010/06/5-medidas-urxentes.html

    compre sermos máis orixinais no deseño se non queremos que se nos asimile ou identifique cos estalinistas do PCPE

     
  • At 10/14/2010 09:41:00 da manhã, Anonymous Moucho said…

    "eu penso que a intención é boa, pero vos animo a reforzar algún dos xa existentes,compañeiros"

    Entendo que esta persoa será militante dalgunha organizaicón existente. E aquí non sirven as recomendacións. Para que moitos comunistas desorganizados participemos nalgunha organización das existentes teremos que ver que levan unha línea fiel ao marxismo e rupturista coa situación actual de impotencia política e ideoloxica da esquerda galega. Senón obviamente nos veremos atraídos por esta boa iniciativa e con outras que se podan dar na mesma dirección.
    Gústame ver que esta xente di que non ten intencións exclusivistas e que están abertos ao debate e o traballo conxunto con quen esté dacordo cuns minimos.
    A verdade é que me gustaría saber que pensan os que se reclaman comunistas do que plantexa este colectivo.

     
  • At 10/14/2010 09:52:00 da manhã, Anonymous Moucho said…

    Por certo, que a propaganda se pareza, supoño que serán cousas froito da casualidade. Cando menos en canto a estetica. Outra cousa é que se pareza en canto a contidos, e isto non é malo, simplemente quere dicir que distintas organizacións comunistas traballan na mesma dirección en canto a cousas concretas.
    Non creo que por eso se vaia a identificar ou relaiconar unha con outra... pois non teñen moito que ver, quitando que sexan comunistas.

    O que non entendo do comentario ese de máis arriba é que introduce un termo incorrecto e acuñado pola burguesía, e é o de "estalinista", cando tenta descalificar ao PCPE. Teño claro que os que siguen ese camiño, falsificado e criminalizador, fraco favor lle fan ao comunismo, e non merecen chamarse comunistas.

     

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.

<< Início
 
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com