Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

A crise capitalista e a resposta da clase traballadora
19/10/2010


Capitalismo e crise: dous amantes inseparábeis

O BNP-Paris, produto da fusión do Banque Nationale de París e Paribas, tivo uns ingresos netos de banca a 30 de xuño de 2010 de 11.174 millóns de euros. O BNP-Paris, cuxos beneficios en 2009 medraron un 93%, foi un dos que non hai moito se repartiron 360 millóns de euros entregados polo Estado francés ao principais bancos.

Mentres os beneficios capitalistas continúan a medraren, en boa parte grazas ás “axudas” millonarias que os Estados burgueses outorgan ás grandes empresas, estes mesmos Estados burgueses están dispostos a poñer en práctica as súas medidas “fronte” á crise: redución de salarios e de todo tipo de prestacións sociais, aumento dos anos de cotización para ter dereito a unha xubilación cada vez máis precaria, aumento das xornadas laborais, redución drástica dos dereitos laborais e un longo etcétera de medidas encamiñadas a que a burguesía manteña as súas taxas de beneficio.

Esta intensificación da contradición entre a produción social e a apropiación privada, cada vez máis oligárquica, é o que estamos a vivir. É a crise, un elemento inherente a un sistema, o capitalista, que non busca o benestar, senón extraer a plusvalía xerada pola venda da forza laboral da maioría da poboación, a clase traballadora. Estes beneficios da explotación das traballadoras e traballadoras multiplícanse a través da especulación do mercado sobre a débeda pública de cada Estado. Cinicamente, botan man da débeda pública (da que os capitalistas son os únicos responsábeis) para xustificaren as súas medidas antiobreiras.

Para a consecución dos seus obxectivos e completaren o labor dos parlamentos, os burgueses crean institucións de carácter imperialista: FMI, Banco Mundial, Unión Europea... E poñen en práctica medidas, como a moeda única europea, que tan só benefician os seus intereses en contraposición aos intereses da maioría.

Non hai solución técnica aos males do capitalismo dentro do propio modelo capitalistas. Estes males son parte da súa natureza.


Oportunismo e reformismo. Ou a crise como un constipado pasaxeiro que se amaña cunha aspirina

O oportunismo e o reformismo, instalados placidamente en moitos partidos de esquerda e nas cúpulas burocráticas dos sindicatos maioritarios, lanzaron a idea dunha crise puntual, produto dos “excesos financeiros” dalgunhas persoas e/ou empresas. Ironicamente avogan por que o Banco Central Europeo ou a Unión Europea adopten medidas para saír da crise, cando os feitos demostran que estes organismos imperialistas son factores agravantes da crise. A táctica reformista é facer crer ás masas traballadoras nunha operación do sistema capitalista en que o Estado burgués “distribúa” os beneficios a favor das clases populares. Isto é imposíbel pola propia esencia do capitalismo.

É labor das revolucionarias e revolucionarios combateren o reformismo das cúpulas sindicais, combateren as burocracias “obreiras” cuxos privilexios e prebendas están ligados aos sistema capitalista. Non hai vitoria posíbel sobre o capitalismo sen unha vitoria sobre o oportunismo e o reformismo tanto no campo sindical como político.


Estado francés: pulso entre clases

As familias dos estudantes galos están recibindo cartas nas que se ameaza o seu futuro. Cartas enviadas polas direccións dos institutos seguindo ordes de instancias superiores. Avísase a nais e pais que os seus fillos e fillas están sendo manipulados e que non só non deben participar nas mobilizacións senón que deben manifestarse contra os manifestantes! Contra os seus pais e nais!

É evidente que as cartas non están a conseguir o seu fin. Pesa máis sobre o estudantado e sobre a clase traballadora a realidade das medidas que o goberno está implantando. A lei de pensións tan só é un primeiro elo da cadea, é todo o sistema de seguridade social o que está en xogo. Máis hai outras leis iguais de miserábeis: a lei de impostos, a lei contra os inmigrantes ou algunhas outras leis máis agochadas, como a lei de escudo fiscal, posta ao descuberto polo escándalo de L'Oreal.

No Estado francés a protesta social non só non amaina, algo que queren facer crer a patronal francesa, MEDEF, e os seus monicreques Fillon, Woerth e Sarkozy, senón que medra día a día, estendéndose a cada vez máis sectores, radicalizándose, atraendo a máis traballadoras e traballadores e estudantes ás rúas. Cada vez máis portos e refinerías bloqueados, cada día máis gasolineiras sen subministro. Cada día máis traballadoras e traballadores e cada día máis unidos. Os estudantes tamén tomaron as rúas. Todos contra o ataque frontal da burguesía.

O goberno francés tenta presentar o Partido Socialista como instigador das protestas. O obxectivo é evidente, centrar o debate e as alternativas entre Sarkozy e o Partido Socialista, partido onde milita o actual Director Xerente do FMI, Strauss-Kahn. É dicir, dous proxectos que defenden o sistema capitalista. Esta clara manipulación non engana a ninguén. As mobilizacións están moi por riba das consideracións electorais e a resposta á crise pon en cuestión o propio modelo socio-económico.


Unión da clase traballadora europea cara á folga continuada

A clase traballadora do Estado francés está dando unha lección táctica ao resto do proletariado europeo a golpear onde máis lles doe aos capitalistas: na carteira. Coa folga continuada nos sectores estratéxicos está a provocar a interrupción da produción, coas conseguintes perdas millonarias para os capitalistas. Como parasitos que son, sen nós nada poden facer.

A clase obreira europea, nativa ou inmigrante, debe intensificar a loita. Non hai lugar para as negociacións, abonda de promesas e declaracións de intencións que sempre terminan en maiores beneficios para os burgueses e maior miseria para a maioría, para a clase traballadora. O camiño é a folga continuada no conxunto de Europa, até que non teñan outra saída que pararen os seus plans.

A unión da clase traballadora é esencial para a vitoria e para combater a represión. Cando os monopolios non poden utilizar os resortes da democracia burguesa para conteren a loita de clases, aparece a reacción en toda a súa crueza, a suspensión das liberdades, a censura dos poucos medios que cuestionen o modelo, a designación de chibos expiatorios e o despregue da policía e o exército para impoñeren un réxime de tipo fascista. Iso estámolo vendo en toda Europa.

O BNP-Paris ten un lema que podemos facer noso as revolucionarias e revolucionarios: “Un mundo en evolución”. Loxicamente, a dirección desta evolución que o BNP-Paris ten en mentes é antagónica á nosa. Eles, os burgueses, non dubidan en empregar todas as súas forzas para conseguiren os seus obxectivos. Eles téñeno claro. E nós, a clase traballadora, témolo claro?
1 Comments:
  • At 10/21/2010 12:34:00 da manhã, Anonymous Anónimo said…

    Coño, antes se fala da burocracia "obreira" e antes nomean ao tipo ese da UGT ministro de traballo. Hai que botar a patadas a todos estes ladros.
    Saude.

     

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.

<< Início
 
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com