Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Os portugueses borrados da guerra
18/10/2010


Daniel Prieto
Xornal.com
17/10/10


O colectivo luso dos construtores da liña férrea entre A Coruña e Zamora, que supuña máis da metade dos obreiros que traballaban na raia ourensá, protagonizaron a loita contra os falanxistas

A convivencia de Portugal, baixo o réxime de Salazar, cos promotores do golpe de estado de 1936, é un episodio ben coñecido. A participación de voluntarios portugueses na División Azul, denominados Viriatos; o apoio loxístico que desde o país veciño se lle prestou aos rebeldes; o testemuño dos correspondentes de prensa no bando franquista; e a captura e entrega de moitos antifascistas que tentaron zafarse da represión fuxindo a terras lusitanas tamén son outros capítulos analizados e difundidos con profusión en numerosos traballos realizados nos últimos anos. O que aínda está “pouco documentado”, segundo o historiador Dionisio Pereira, coordinador do proxecto interuniversitario galego Nomes e Voces, é a colaboración portuguesa co bando republicano e a gran incidencia da represión franquista nos cidadáns portugueses.

Estes feitos adquiren tintes épicos no caso da aínda pouco coñecida oposición aos rebeldes dos traballadores da vía férrea, coñecidos como carrilanos. A comunidade portuguesa supuña en 1935 aproximadamente a metade dos 6.100 traballadores da liña de ferro entre Zamora e Ourense, que se comezou a construír oito anos antes. Estes homes conformaron a maior resistencia coa que se atoparon os falanxistas na raia ourensá, na fronteira entre Galicia en Portugal, un lugar onde a represión foi “terrible”, segundo o investigador. Ademais, contrariamente ao que algunhas publicacións sosteñen, “converteron A Gudiña e non Tui no último lugar de Galicia onde perviviu a República”, mantén Pereira. Ademais, as bisbarras fronteirizas de Monterrei, e As Frieiras, na banda galega, e as das Portelas e A Seabra, en Zamora, foron “as derradeiras en ser controladas polas forzas que urdiron o golpe militar do 18 de xullo de 1936”, engade.

Nun informe sobre a represión franquista no Baixo Miño publicado en 2008 por Edicións Alén Miño, Dionisio Pereira abriu o camiño á investigación dos portugueses axustizados entre 1936 e 1940, que ascenden a uns 147, cifra “totalmente provisoria e de mínimos”, segundo o estudoso, xa que sería necesario realizar “un estudo máis amplo do tema”, precisa. Nesa obra, O Miño, unha corrente de memoria, o historiador exemplifica o esquecemento desas vítimas do país veciño co caso de varios carrilanos portugueses paseados e soterrados no municipio ourensán de Castrelo de Val, na pequena parroquia de Campobecerros, onde viven unhas cen persoas. Segundo Dionisio Pereira, que realizou numerosas visitas á zona e se entrevistou con testemuñas directas dos acontecementos, entre as parroquias de Campobecerros e Castro Camba, no lugar coñecido como Lombo do Barco, “na pista que segue o trazado ferroviario, está soterrado o carrilano portugués Antonio Ribeiro”.

Como outros compañeiros, Ribeiro vivía no campamento permanente para obreiros de Campobecerros, aínda en pé. Destacado membro do Sindicato de Oficios Varios da CNT, colaborador de Solidaridad Obrera e militante da FAI coruñesa, foi procesado por adhesión á rebelión e “fusilado in situ” o 20 de agosto de 1936. Os seus restos permanecen á beira mesma do camiño onde o mataron. Ademais, hai indicios que indican que “probablemente”, segundo Dionisio Pereira, nese mesmo lugar se atopen os restos de José María Sena ou Fena, outro carrilano fusilado o mesmo día nese mesmo lugar tras ser detido. Ademais, as evidencias documentais indican que alí tamén poderían encontrarse os cadáveres doutros carrilanos da mesma nacionalidade fusilados nesa data. “Todas as fontes orais consultadas indicaron que nesa cuneta de Campobecerros estaban soterrados varios portugueses que foran represaliados, pero é un tema que se tocou pouco porque hai certas reticencias ao respecto”, sinala o investigador Xerardo Dasairas, gran coñecedor desta temática e da zona. E é que, como ocorre sempre naqueles lugares onde a represión foi moi acentuada, sobre todo nunha parroquia de pouco máis de cen habitantes como Campobecerros, “as feridas están aí”, admite.

No seu libro Memoria e fuga dun mestre anarquista galego, publicada en A Nosa Terra en 2007, Dasairas recolle o encontro que o profesor Luis Bazal mantivo co cura de Campobecerros, chamado Rivada, antes do golpe de Estado de 1936. Ao parecer, o párroco mantiña constantes e duros enfrontamentos cos obreiros e os líderes sindicais do ferrocarril en tempos da Segunda República. Tras o alzamento militar, converteuse nun delator que denunciou os homes cos que antes discutira en sinal de vinganza. “Dúas claras vítimas da súa delación foron os traballadores portugueses Ramiro e Antonio, asasinados e enterrados na cuneta do camiño de Campobecerros e Portocamba”, reflicte a obra. Estes datos suxiren que nese lugar poderían atoparse, efectivamente, os corpos doutros carrilanos portugueses.

Aínda que cando se comezou a construír a liña ferroviaria, en 1927, moitos cidadáns de Portugal, movidos polas condicións miserentas do norte do seu país, emigraron a Galicia para traballar aceptando salarios inferiores dos que lles ofrecían aos galegos, “esta situación cambiou tras as primeiras folgas e a entrada dos obreiros portugueses nos sindicatos”, precisa Dionisio Pereira. Moitos portugueses foron utilizados pola patronal para presionar á baixa os xornais e as condicións de traballo e causaron conflitos entre as sociedades obreiras da UGT e os contratistas, pero posteriormente numerosos obreiros lusitanos afílianse á CNT e a UGT, e mesmo van destacar nos seus colectivos, como o serrador Joaquim Carlos Álvarez, o mineiro Manuel Paiva Martínez e o propio Ribeiro, todos eles valerosos sindicalistas.

A implicación dos carrilanos na loita obreira foi tal que “no propio Campobecerros formaron un centro sindical”, segundo Pepe Barxa, presidente da Asociación Os Carrilanos, que todos os anos desde hai dez organiza nesa pequena poboación un acto de homenaxe en memoria dos traballadores do tendido ferroviario. Moitos dos que procedían de Portugal –e doutras zonas do estado, como Murcia, Andalucía e Asturias– “quedaron a vivir e casaron en Campobecerros”, engade.

En todo caso, o papel dos carrilanos lusos en Ourense non só foi determinante na construción da vía férrea e no contexto do movemento obreiro, senón tamén porque tras a chegada das tropas falanxistas á raia ourensá, non dubidaron á hora de coller as armas e enfrontarse a elas, dinamitando pontes para cortar o avance das tropas nacionais. É significativo que “o 90% das vítimas contabilizadas nos concellos de A Gudiña e A Mezquita sexan portugueses”, admite Dionisio Pereira.

Unha vez que o exército franquista controlou a zona, as columnas mixtas formadas por falanxistas, gardas civís e militares emprenderon “unha brutal batida de limpeza”, indica Pereira. Moitos dos carrilanos que xogaran un papel activo na loita contra os golpistas botáronse ao monte para tentar ocultarse. En moitas ocasións, os milicianos falanxistas que coordinaban esas batidas “de caza ao home”, precisa o estudoso, eran antigos membros do colectivo que foran expulsados polas súas ideas de extrema dereita e capataces de vía, en ocasións veciños da zona. Por iso, aínda hoxe, lembrar estes acontecementos na pequena parroquia ourensá desperta as reticencias e o medo das persoas vinculadas dun ou doutro xeito a aqueles feitos.

Como os numerosos galegos que se opuxeron ao franquismo na raia ourensá, os portugueses que combateron contra os falanxistas nesa zona morreron nos enfrontamentos armados ou foron detidos e fusilados, como no caso concreto do feixe de carrilanos fusilado en Campobecerros. Dos superviventes, algúns tentaron fuxir por mar a Asturias ou por terra atravesando Portugal. Uns “finaron algún tempo despois loitando no bando republicano ou pasaron anos en campos de concentración ou no cárcere tras caer en mans dos franquistas”, relata Dionisio Pereira. Outros incluso participaron en actividades clandestinas, como o contrabando. Pero “a maioría permaneceu en Galicia”, precisa, onde lles foron embargadas as súas propiedades, sentenciados a duras penas de prisión e fusilados tras ser sometidos a consellos de guerra. Hai constancia, non obstante, dalgúns que grazas á súa amizade con xente de esquerdas, conseguiron chegar ata o seu país, como o caso dos carrilanos José Antonio Rodríguez, Joaquín Alonso, José da Silva Vides e Jacinto Álvarez.

Ademais, moitos portugueses foron expulsados á fronteira española por “desafecto” co novo réxime. No país veciño agardábanos as recén creadas Policía de Vigilância e Defensa do Estado e a Legião Portuguesa. O historiador Ángel Rodríguez Gallardo documentou o envío a Portugal, en xullo de 1936, de quince galegos e sete portugueses procedentes de Galicia. Entre eles púidose atopar o antigo cónsul portugués na Coruña, Antero da Veiga, que foi expulsado do país polos franquistas pola súa condición de masón.

Por se fose pouco, a campaña electoral de febreiro de 1936 provocou que acudise á raia a ardente defensora da Fronte Popular e membro do PCE Anuncia Casado, que vivía en Viana. A mesmísima Dolores Ibárurri, La Pasionaria, amadriñara un dos fillos desta outra gran oradora, que vivira en Sestao, onde ambas as dúas se coñeceran. Casado xerou un fondo impacto nos carrilanos da zona, que malia as resistencias da dereita máis montaraz da bisbarra conseguiu apoios para a causa que defendía. Xa co novo goberno da Fronte Popular e pouco antes do golpe militar do 36, diversas folgas e conflitos dos carrilanos a causa da ralentización das obras provocaron que varios alcaldes da zona dimitisen “polas medidas adoptadas polos carrilanos contra a dereita local”, explica Pereira. E cómpre insistir en que máis da metade eran portugueses.

O conflito estourou definitivamente cando os sindicatos dos carrilanos que traballaban entre A Pobra e Vilar de Barrio decretaron unha folga xeral que durou 28 días. Esixían un incremento ínfimo de 5,25 pesetas do salario que cobraban os peóns por unha semana de 44 horas de traballo. Os traballadores, que desenvolvían a súa actividade en condicións de semi escravitude e precariedade absoluta, reclamaban tamén roupa de traballo a cargo da empresa nos traballos subterráneos, horas extras valoradas nun 25% máis e despedimentos indemnizados con nove días de xornal, así como o recoñecemento dos delegados sindicais por parte dos contratistas. Estas peticións foron consideradas “revolucionarias” pola dereita da comarca ourensá. Os carrilanos do tramo entre Portocamba e Correchouso solidarizáronse cos seus compañeiros e realizaron unha marcha ata Verín, que fixo cundir o pánico entre os partidarios da dereita.

O que explicaría este carácter antifascista do proletariado portugués podería estar fundado nas desercións do exército do seu país na Primeira Guerra Mundial, na que Portugal combateu a carón dos Aliados mentres España permanecía neutral. Os papel dos exiliados políticos e as tentativas no país veciño contra o réxime salazarista serían outras motivacións dese colectivo. Os exiliados incluso artellaron organizacións propias a partir do ano 1932, como a Federação dos Anarquistas Portugueses Exiliados, que contou en Galicia con grupúsculos organizados con nomes tan rechamantes como Os Intransigentes, Os Inadaptaveis e Os Conquistadores Modernos.

Pero, pola contra, tamén hai constancia de ilustres delatores de nacionalidade lusa que deixaron unha “funesta pegada”, admite Dionisio Pereira. Algúns deles foron o contratista de madeira Francisco López Dos Santos, confidente das autoridades franquistas asasinado no seu domicilio de Nigrán en 1938 por un grupo de fuxidos. Outro deles foi o afamado paseador de Ourense Antonio Ferreira Suárez, morto nun enfrontamento a finais de 1936. Outro coñecido informador portugués foi Luis Nogueira Pintos, residente en Ourense, que ofreceu a situación dos numerosos fuxidos que estaban agachados nas aldeas portuguesas da fronteira galaico-portuguesa.

Noutro artigo publicado por Pereira en A Trabe de Ouro en 2008, o historiador recoñece, con respecto á actividade dos carrilanos, que “a importante resistencia contra o golpe militar e a desmedida represión acontecida con posterioridade, conforman un magoado universo compartido, unha adoecida identidade colectiva, que non entende de fronteiras. Por iso cómpre recuperar a memoria dos vencidos dende unha perspectiva histórica común”.
0 Comments:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.

<< Início
 
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com