Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Forxa!: Contra a crise e a ofensiva do capital, unidade obreira, comunista e popular!
13/01/2011
Folla que Forxa! está a repartir por diversos puntos do país.




CONTRA A CRISE E A OFENSIVA DO CAPITAL:
UNIDADE OBREIRA, COMUNISTA E POPULAR!


A maior ofensiva da burguesía contra a clase obreira en décadas percorre Europa. Medran os índices de desemprego, aumentan os ataques contra servizos básicos como a sanidade e a educación, retíranse axudas sociais e os Estados dispóñense a adoptar medidas de austeridade consistentes en reducir o gasto público e que imporán a toda a sociedade o pago de tributos en proveito dos monopolistas. Todos os signos dunha grande recesión van confirmándose a medida que o cataclismo ao que se ve sometido o capital, abocado a unha bancarrota tras outra, arrastra toda a sociedade cara ao caos e a anarquía.

Ante esta situación, nas forzas revolucionarias xorde de novo a pregunta: Que facer? Como enfrontarmos o combate decidido contra a ofensiva do capital? Con que medios? Lenin afirmaba que era preciso atopar en cada momento o elo concreto ao que nos aferrarmos con todas as nosas forzas para suxeitarmos toda a cadea e prepararmos solidamente o paso ao seguinte elo. Hoxe, ese elo constitúeo a propia unidade obreira, a política da fronte única como única alternativa á ofensiva capitalista e ao crecente medre das tendencias reaccionarias e populistas, antesala dun fascismo que non é outra cousa que a ditadura terrorista aberta dos elementos máis reaccionarios, máis chauvinistas e máis imperialistas do capital financeiro.

A ameaza mundial dunha guerra imperialista é grande. O xigante imperialista agoniza e non vai permitir verse relegado a segundas posicións na orde mundial, polo que sempre lle queda o recurso da guerra e botar man do seu enorme complexo militar. O imperialismo norteamericano, nesta última década, fixo algo máis que se preparar para loitar contra a ‘ameza do terrorismo’. Cun gasto militar equiparábel ao da Segunda Guerra Mundial, o músculo imperialista preparouse en serio para unha contenda a nivel mundial. Contenda que xa ten algunhas frontes abertas, como Iraq e Afganistán, e outras que se manifestaron ultimamente, como a escalada bélica que tivo lugar na península coreana.

Para artellarmos unha resposta organizada a esta ofensiva capitalista temos de nos reagrupar, reorganizando e recompoñendo as nosas propias forzas, uníndoas política e ideoloxicamente, e prepararnos para unha loita continua contra os plans de dominación capitalista.

A única arma real e efectiva coa que a clase obreira conta na súa loita contra un inimigo máis poderoso, mais inferior numericamente, é a propia unidade no combate resolto e conxunto na defensa dos seus intereses inmediatas. A forza real do movemento obreiro radica precisamente na capacidade de canalizar esta unidade e desenvolvela desde loitas concretas e inmediatas até loitas xerais, masivas e por obxectivos políticos.

No terreo sindical, temos de traballar pola unidade ampla, sen sectarismos, a prol dos intereses inmediatos da clase obreira. Esta unidade debe coller forma práctica nas manifestacións, folgas, loitas por convenios, etc. O marco desta unidade non se reduce ao estritamente nacional, tamén deben avanzar tanto a nivel estatal como a nivel europeo, mediante a coordinación de folgas e xornadas de protesta, como as promovidas pola Federación Sindical Mundial.

A nosa tarefa non se pode limitar en organizar a resistencia, en conter a agresión e en manter os dereitos xa conquistados. Os nosos obxectivos deben situarse tamén no plano ofensivo, formulando novas demandas e pulando por novas conquistas, opoñendo ás medidas capitalistas medidas de carácter popular encamiñadas a golpear os monopolios.

O desemprego, a principal lacra á que nos está a conducir a crise capitalista, medra sen cesar por mor da progresiva caída en picado da produción. Esta lacra vese acompañada por unhas medidas de aforro en gasto social que levaron o goberno a suprimir axudas económicas básicas, situando a un amplo grupo social na pobreza e indefensión absolutas. Cómpre traballarmos con estes sectores obreiros agora desorganizados, cómpre mobilizarmos contra as políticas do capital a todas as traballadoras e traballadores desempregados en base a unhas demandas e un programa de mínimos.

A crise tamén evidencia a propia debilidade do movemento popular e a incapacidade práctica de organizar unha loita continuada e efectiva. A dispersión ideolóxica, o individualismo, o sectarismo e o dogmatismo son freos que impiden a cristalización dunha alternativa política sustentada nos intereses reais e inmediatas da clase obreira galega. A realidade actual, así como a previsión dunha crise política, obríganos a superar todo tipo de división en prol da defensa dos intereses inmediatos da clase obreira.

Ese é o camiño que debemos coller, o camiño dunha ampla unidade popular baseada nun programa antimonopolista, antioligárquico e democrático, que sexa quen de aglutinar a todas as forzas políticas, sindicais, veciñais, xuvenís, etc., nunha fronte común do proletariado e as clases populares, dos sectores golpeados polas políticas do capital e dos monopolios. O punto de partida desta alianza debe ser a intensificación da loita de clases e a necesidade de que os efectos da crise batan nos propios capitalistas e non nas clases traballadoras.

A táctica reformista suicida levada polas cúpulas sindicais de UGT e CCOO só vai contribuír para empeorar máis a situación, debilitando as posicións da clase obreira. Pola súa banda, o accionar do PSOE, auténtico partido socialfascista, só está a contribuír para levar o poder a forzas políticas aínda máis corrompidas e reaccionarias que, sen dúbida, lanzaran unha ofensiva contra a clase obreira aínda máis acorde aos intereses do capital financeiro.

A disxuntiva é sinxela: ou coa clase obreira e as clase populares ou cos monopolios e a oligarquía. Non existen terceiras vías. As vellas ilusións socialdemócratas de paz social, de conquistas de carácter economicista, xa finaron, e só o máis necio dos oportunistas sería quen de negar hoxe a evidencia de que as forzas do capital aceleran a súa carreira mundial contra dos dereitos da clase obreira e dos pobos.

Moitos foron os que traficaron cos principios polo que entregou o seu sangue o proletariado revolucionario, moitos os que desviaron e corromperon as tarefas do Partido Comunista, do partido obreiro revolucionario, moitos os que renunciaron a loitar polo socialismo e se deixaron vencer na loita ideolóxica para se acomodaren no reformismo e a política 'posibilista' e, tamén, moitos os que se deixaron levar polo reformismo convencidos de ser este o único camiño que ficaba após a queda do campo socialista. Mais, como afirmou Marx, a loita do proletariado enche toda unha etapa histórica inzada de vitorias e derrotas. E a queda do socialismo na URSS é só unha derrota, iso si, que supuxo un duro golpe para o movemento obreiro mundial, da que debemos tirar leccións.

A construción do socialismo non só é necesaria, senón tamén posíbel. O Marxismo-Leninismo non é ningunha ideoloxía caduca, morta ou desfasada no tempo. É, ante todo, unha guía para o movemento revolucionario, guía que debe estar rexamente ligada ao movemento obreiro, xa que o seu afastamento mutuo só os debilita aos dous.

O desenvolvemento das organizacións comunistas constitúe un factor subxectivo determinante na educación e organización militante da clase obreira. Un Partido sólido e unido, fortemente disciplinado e preparado para actuar e se adaptar á loita de clases en todas as circunstancias e períodos históricos, un Partido que defende e fai valer tanto os intereses inmediatos como os futuros do proletariado, un Partido de homes e mulleres dispostos a facer todo tipo de sacrificios en prol da clase obreira e da súa loita. Un Partido así é hoxe máis necesario que nunca.

Os comunistas galegos pelexamos e traballamos desde moitas frontes para nos dotarmos deste instrumento imprescindíbel para o proletariado galego, o Partido Comunista. Traballamos sobre a unidade dos comunistas, vencendo sempre as diferenzas sobre a base dos principios do Marxismo-Leninismo, avanzando e situando como a nosa tarefa fundamental a reorganización e reconstrución do movemento comunista, tanto a nivel nacional como internacional.

Non existe ningunha alternativa para a crise dentro do marco de produción capitalista, non existe ningunha humanización do capitalismo nin reformas capaces de conter aquilo que non se rexe pola acción dos homes e mulleres, senón polas leis específicas que o conducen, unha e outra vez, ao fracaso e a bancarrota. Hoxe, máis que nunca, a única alternativa da clase obreira e dos pobos é o socialismo e a vía revolucionaria da toma do poder.

Que a consigna mil veces repetida polos comunistas no curso da historia recobre o seu valor e a súa potencia liberadora: Proletarios e pobos do mundo, unídevos!

0 Comments:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.

<< Início
 
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com