Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Estoutras: A nosa valoración da Folga Xeral do 27 de xaneiro
28/01/2011
Comitiva de Forxa! en Ferrol


A parte máis consciente das masas traballadoras galegas, co proletariado á cabeza, ven de rubir un novo chanzo na Historia, na historia da loita de clases. Nunhas circunstancias extraordinariamente complicadas, podemos falar dunha alta participación na Folga. Certo é que esta non acadou os niveis da do pasado setembro, mais non é menos certo que, dada as circunstancias, cumpríronse de cheo as expectativas. Na industria, especialmente no naval, e nos transportes a pegada da Folga só pode cualificarse de suceso. Ensino e servizos como o de recollida de lixo tamén pararon maioritariamente.

Foron ducias de miles as persoas que berraron non á resignación nas distintas manifestacións das cidades e vilas do país. En Lugo, Ourense ou, por exemplo, Ferrol ninguén lembraba manifestacións da CIG tan numerosas. No total da nación, unhas 80.000 persoas participaron nalgunha das moitas marchas convocadas. Un dato que só nos pode encher de esperanza.

Tamén nos piquetes, informando e combatendo a chantaxe patronal desde as 22 horas do día anterior, a participación foi máis que elevada.


Contra os elementos

Tres circunstancias sen dúbida poñen en valor aínda máis esta xornada de folga. Represión policial, silencio informativo e a propia precariedade laboral.

Represión policial. Comentaba un veterano sindicalista, a participar nun piquete nocturno na Coruña, que endexamais vira tanta policía. Nacional, garda civil e antidisturbios chegados de León controlaban rúas, encrucilladas e estradas achegadas aos polígonos industriais e ás grandes superficies comerciais. No centro das cidades, outro tanto. Identificacións, cacheos, control de todos os coches, intimidacións, insultos, agresións... o cóctel represivo preparado polo goberno socialfascista para facer fracasar a Folga. Mais non o conseguiu.

Silencio informativo. As empresas de información optaron pola coñecida táctica do silencio. Nula información nas xornadas precedentes á Folga e paupérrimo seguimento da mesma. Xa se sabe, o que non sae nos seus xornais e nas súas cadeas non existe. Mais de pouco vale enfadarse ou reclamar obxectividade. Son o que son, e serven a quen serven. É lóxico. Nun sistema como o noso, ditadura burguesa, a clase dominante non vai dar azos ao inimigo. No canto de nos cabrearmos, mellor é pular por nos dotarmos de medios propios que cheguen ás masas e non fiquen nos marxinais círculos dos xa convencidos. Tarefa tan laboriosa como necesaria.

Precariedade laboral. Os criminais índices de desemprego e as miserentas condicións da maioría dos traballos, converten a chantaxe patronal nun muro demasiado alto para moita xente. De aí a vital importancia do traballo dos piquetes. Sucesos como o acaecido en Rábade, onde un obreiro foi despedido por se sumar á Folga, corroboran a veracidade desta premisa.


E os servos da burguesía pactaron

A coincidiren coa xornada de Folga Xeral, as cúpulas sindicais de CC.OO e UGT acordaban co goberno e a patronal garantir un futuro de miseria para a maioría dos que hoxe están na mocidade. O que eses sindicatos traidores dicían que endexamais farían, apoiar a xubilación aos 67 anos, tardaron ben pouco en o levaren á prática. E aínda por riba, tomándolle a boroa á xente a venderen a posibilidade dunha xubilación aos 65 no caso de cotizar 38 anos e medio... E tan tranquilos estes miserábeis.

Fieis a estas cúpulas e fieis ao patrón, algúns afiliados da CC.OO, non contentos con non participaren na folga, decidiron botar unha man ao labor obstaculizador da policía, e organizaron contra-piquetes nas portas dalgunha grande factoría. A visión semellaba en moito a algunhas pasaxes da película de Bertoluci Novecento, e non precisamente cando aparecían os traballadores. Outros que ficarían tranquilos. Cando vellos, pódenlle contar aos seus netos a súa gloriosa noite de servizo á burguesía.

Fronte as cúpulas destes sindicatos e dos camisas-pardas dos contra-piquetes, cómpre salientarmos a activa participación de sindicalistas de CC.OO, tanto nas manifestacións como nos piquetes. Agardemos que estas posicións críticas coa actual dirección vaian collendo forza e terminen por chimpar aos actuais vende-obreiros. E de non ser así, de seguro que as portas doutros sindicatos, estes combativos, estarán abertas para aqueles que aínda entendan o significado real da verba sindicato.


Máis luces que sombras nunha xornada de aprendizaxe

En vista de todo o anterior, e poñendo pros e contras nunha romana, semella dabondo obxectivo falarmos en termos positivo desta xornada de Folga. Nutridos piquetes, masivas manifestacións, notorio paro da producións en importantes sectores industriais e, non esquezamos, unha crucial experiencia práctica na loita para milleiros de persoas.

Que ninguén o dubide, manifestacións, piquetes, represión, información..., son elementos todos eles que conforman unha boa escola para a militancia revolucionaria. A xente máis nova viviu, nun período de só cinco meses, a súa segunda Folga Xeral. Aprendizaxes presentes que marcarán a vitoria do mañá.


Comunistas, cómpre unírmonos

De querermos que o movemento obreiro pasar á ofensiva e non se limitar a respostas cativas e puntuais, é preciso, hoxe máis que nunca, construírmos a histórica ferramenta do proletariado: o Partido Comunista. Escola de cadros, guieiro táctico e estratéxico e puntal organizativo, o Partido é condición sine qua non para a posta en marcha da única vía para que as clases traballadoras organizaren a resistencia e, paso seguido, tomaren a ofensiva: a unidade das clases traballadoras nunha fronte popular.

É para construírmos o Partido é preciso, botando ao lixo todo sectarismo, dogmatismo, oportunismo e revisionismo, avanzarmos na unión comunista tendo como piares os principios do Marxismo-Leninismo e como obxectivo final, ao que se deben subordinar todas as loitas democráticas, a construción do socialismo. Nese camiño xa se están dando os primeiros pasos.

Pola Construción do Partido Comunista!
Viva a Loita Obreira e Popular!


Estoutras, 28 de xaneiro 2011
6 Comments:
  • At 1/28/2011 06:57:00 da tarde, Anonymous Pedro said…

    Pareceme moi boa esta valoración da folga xeral realizada por estoutras, e as conclusións que saca de cara a futuros combates contra o capital.
    Realmente é de especial importancia esa unidade obreira, ademáis de comunista e popular da que fala esa pancarta da foto.
    Non se pode deixar que se enfríe a acción, tanto sindical como política, nas rúas e nos centros de traballo. Polo tanto tentemos seguir traballando nesta dirección e incorporando cada vez máis forzas neste camiño de loita cara o socialismo.

     
  • At 1/28/2011 07:46:00 da tarde, Blogger estoutras@yahoo.com said…

    Editado o artigo: Foi en Rábade, e non en Chantada, onde despediron ao obreiro que secundou a Folga.

     
  • At 1/28/2011 08:44:00 da tarde, Blogger lp16 said…

    Solidariedade e Força desde Portugal!
    Avante com a Luta!

     
  • At 1/28/2011 11:58:00 da tarde, Anonymous Anónimo said…

    Paréceme unha análise da folga e do conflito que se está a producir moi acertada. Punto por punto, materializando realidades e desexos cúmprese con outro dos obxectivos desta xornada que é a de informar e valorar, só así poderá darse o seguinte paso que non é outro que continuar na loita. Xuntos faremos destes días un tempo erguido onde cada vez serán máis os ánimos e menos os medos.

    Parabens Estoutras pola labor constante en pro da formación e consecución dun movemento comunista ideolóxico e práctico para Galiza.

     
  • At 1/29/2011 01:14:00 da tarde, Blogger estoutras@yahoo.com said…

    Grazas aos tres polos vosos comentarios.

    Un saúdo!

     
  • At 2/04/2011 12:09:00 da manhã, Anonymous Anónimo said…

    En Andalucía Proletaria
    http://andaluciaproletaria.blogspot.com/2011/01/forxa-en-la-huelga-general-del-27-e-en.html

     

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.

<< Início
 
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com