CHAMAMENTO A COMPAÑEIROS E COMPAÑEIRAS DE CCOO
Non podemos ficar calados diante da SINATURA DO PACTO “SOCIAL” que a dirección de UGT e de CCOO consumaron e que foi avalada despois pola grande maioría dos órganos dirixentes dos dous sindicatos.
Aquí non houbo ningunha “negociación”, senón unha rendición xeral ante os plans do capital financeiro, cuxo brazo executor é o goberno. O pacto é un aval aos plans de mutilación de dereitos e empobrecemento xeral dos traballadores a cambio de financiamento e recoñecemento institucional do aparello sindical, provocando a perda da pouca credibilidade que tiñamos entre a clase traballadora.
Non hai ningunha “conquista sindical” que celebrarmos. O recorte das pensións non é ningunha medida “inevitábel”, senón a opción do capital financeiro.
O chamado “plan de choque” para mozos e parados de longa duración, que se presenta como unha “contrapartida” sindical, supón profundar aínda máis a precariedade, ao subvencionar xenerosamente con diñeiro público os contratos a tempo parcial, con soldos miserábeis e suxeitos á maior flexibilidade nas mans do empresario.
O pacto é ademais un compromiso xeral coa política de austeridade, a “estabilidade de prezos” (a costa dos salarios) e, en xeral, coa política de “reformas” deste goberno dos banqueiros.
Chamamos os delegados/as e afiliados/as de CCOO a se opoñeren o pacto. Non é posíbel permanecer indiferentes. Temos de manifestar publicamente o noso rexeitamento e agruparnos para darmos unha resposta colectiva, para traballarmos xuntos con todos os que queren loitar, para reagruparmos as forzas co fin de rachar o desánimo e mobilizar os traballadores até botar atrás uns plans que nos condenan ao empobrecemento xeral en exclusivo beneficio de bancos, especuladores e grandes empresarios.
É o momento de nos unirmos e alzarmos a voz. |
Enviar um comentário
Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.