Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

A nosa eleccións: poder obreiro e popular. Texto do Partido Comunista de México
21/05/2012
Texto traducido por Forxa! 


A nosa elección é polo poder obreiro e popular, polo socialismo-comunismo

Resolución da Conferencia Política do PCM, reunida os días 28 e 29 de Abril do 2012

I.- En México o poder político é o poder dos monopolios, a ditadura de clase da burguesía.

Ademais das condicións obxectivas, o detonante da Revolución democrático-burguesa que estalou en 1910, foi a fraude electoral na sucesión presidencial dese ano e o reclamo de democracia. Hai que aclarar que nin antes nin despois da Revolución de 1910 houbo democracia en México, que o problema da democracia só será resolto coa democracia proletaria. En todo caso, trala derrota dos exércitos populares e o asentamento  do goberno posterior á revolución, a ditadura de clase do capitalismo, hoxe con graos elevados de concentración e centralización, adoptou unha fachada democrática para asegurar a súa dominación e a resolución de contradicións entre os grupos da clase dominante.


Neste  México do século XXI, cun desenvolvemento capitalista inserido con relacións de interdependencia na fase imperialista e ocupando unha posición intermedia na pirámide imperialista, a democracia expresa abertamente o poder dos monopolios, o poder da plutocracia, a oligarquía financeira e industrial que configura un sistema político en función estrita dos seus intereses, para asegurar a explotación da clase obreira e de todos os proletarios, de todos os traballadores da cidade e o campo, para desposuír aos pobos indios e as súas comunidades da terra e o territorio, para espoliar e devastar a natureza e os ricos recursos petroleiros, minerais, madereiros, pesqueiros, agrícolas, acuíferos, a biodiversidade; sen importar que o custo sexa a extinción de especies da flora e a fauna, algunhas delas endémicas, a destrución de selvas e espazos vitais, sen importar a contaminación de ríos, mares, lagos, lagoas, terra e ar.

Durante máis de cen anos, a burguesía como clase dominante veu perfeccionando a así chamada democracia, como un instrumento paraestatal para reproducir os seus consensos. A fraude electoral, o asasinato político, a represión, o nepotismo, a imposición, a corrupción, o pragmatismo, o corporativismo marcaron cada proceso para renovar a Presidencia da República, as cámaras de Deputados  e Senadores, os gobernos estatais, os congresos locais e os concellos. Non dubidaron para que inclusive nas súas propias esferas, na cúspide do Estado e do poder político e económico, se produzan asasinatos que eviten a mínima desestabilización da súa dominación estatal.

Ao ritmo da reestruturación capitalista para abandonar a xestión keynesiana a favor da desregulación, a privatización, os acordos económicos interestatais (chamados eufemisticamente tratados de libre comercio, como o TLCAN, TLCUE, PPP, etc.) así como outros mecanismos de interdependencia, veuse configurando tamén o novo  rostro da vida política nacional, a partir da chamada transición democrática, a alternancia e o pluralismo.

A política é un reflexo da economía, e o mito da transición democrática é a ropaxe  adoptada en México polo gatopardismo; a alternancia non foi senón a coartada para proseguir con estabilidade o voraz ataque aos dereitos sociais, sindicais e laborais, os despedimentos masivos que se produciron como resultado da transferencia de industria e empresas do sector estatal da economía a grupos privados. A tarefa do Instituto Federal Electoral (IFE) cumpre as funcións de limitar, controlar, lexitimar a un grupo de poder ante a burguesía, que mantén ao poder Estatal como un todo, que ten o monopolio da violencia organizada. Unha ecuación simple: o Partido Revolucionario Institucional foi o garante da estabilidade en tanto era necesario que o desenvolvemento  capitalista, na súa fase inicial de centralización e concentración, se impulsase desde o chamado  sector estatal da economía; á vez que se colocan baixo o control dos monopolios privados a ramas da industria, os servizos e as finanzas, se diversifican as contradicións que expresan os choques, acomodos e reacomodos das disputas intermonopolistas que se condensan nas diversas expresións políticas, isto é, o sistema de partidos políticos rexistrados ante o IFE, as diversas cabezas desta moderna Hidra de Lerna .

Estas contradicións  intermonopolistas explican á súa vez os matices nos ofrecementos dos candidatos e a relación entre monopolio e partido. O proxecto  de AMLO ofrece o control das organizacións populares, así como a diversificación dos mercados con protección a grupos monopólicos con asento  no país. O PAN busca a continuidade do seu proxecto. O PRI pretende a reforma de Estado, ofrecendo a oportunidade de mellores condicións para asegurar as ganancias da oligarquía no medio da crise. Implicitamente o PRI ofrece tamén, a posibilidade de interlocución  coa diversidade de grupos do narcotráfico.

Esta denominada real politik emerxe a partir de 1988, paralela á transferencia do sector estatal da economía ás mans de monopolios privados e toda a modificación lexislativa inherente. Carlos Salinas de Gortari , Manuel Camacho Solís, Marcelo Ebrard, Diego Fernández de Ceballos , Jorge Castañeda, Porfirio Muñoz Ledo, Elba Esther Gordillo, tanto desde o Goberno  Federal como desde unha simulada sociedade civil, coñecida entón como Grupo San Anxo, foron impulsores de medidas para excluír calquera oposición independente e para impedir que existise unha alternativa representativa dos intereses da clase obreira. Todos os partidos rexistrados hoxe, expresan os intereses dunha mesma clase social.

Os partidos políticos rexistrados (PRI, PAN, PRD, PT, MC, PVEM, PANAL) non expresan a correlación de forzas  que existe no marco da loita de clases no noso país. Representan exclusivamente os intereses dos monopolios e todos subscriben e defenden a continuidade do capitalismo, da explotación do traballo asalariado, da apropiación privada en poucas mans da riqueza socialmente producida, e a única diferenza que entre eles pode existir é sobre a xestión. Esquerda, centro ou dereita, só expresan se a xestión estará marcada polo asistencialismo ou por máis austeridade. Se as diferenzas programáticas son inexistentes, no ideolóxico o que impera é o pragmatismo e a redución do político aos tempos electorais.

A mercadotecnia, a manipulación mediática, e a ausencia de calquera proposta é o que predomina na escena electoral. O 80% do orzamento para as eleccións vai parar directamente aos medios masivos de comunicación: aquí dámonos conta quen son os verdadeiros beneficiados económicos do proceso electoral.

Na presente sucesión presidencial, entre os tres principais contendentes non hai contradición substancial fronte aos grandes problemas nacionais e o drama social que enfrontan as familias traballadoras. Para eles non contan os case nove millóns de desempregados, os dez millóns de traballadores que teñen emigrado aos EEUU, os 60 millóns de mexicanos en situación de extrema pobreza.

Enrique Pena Neto, Josefina Vázquez Mota, Andrés Manuel López Obrador, coinciden no fundamental: Manter o TLCAN, os compromisos co FMI e o BM; en asegurar as condicións para o desenvolvemento, o investimento e expansión dos distintos grupos monopólicos; na regulación da contradición capital/traballo, con solucións sempre favorábeis á patronal, na promoción dos pactos sociais interclasistas; na defensa do chamado Estado de dereito, de todos os mecanismos de represión en contra do pobo e os traballadores, para preservar a orde. Non esquezamos que no ano 2006, os partidos políticos aos que eles pertencen subscribiron o Pacto de Chapultepec, un acordo programático que non soamente supeditaba senón que disolvía as plataformas electorais propias, por aquela redactada polas asociacións patronais e os monopolios, visibelmente capitaneados entón por Carlos Slim, cun significado evidente: gañase quen gañase naquelas eleccións federais, fora Felipe Calderón, Roberto Madrazo ou Andrés Manuel López Obrador, todo permanecería tal cal, e calquera modificación sería consultada co gran elector.

Erixidos os plutócratas no gran elector é evidente que a vontade popular, o sufraxio  masivo, non conta para nada.

Esta democracia burguesa é unha fraude de principio a fin; cada un dos seus elos é un control para preservar a ditadura de clase, revestida da cínica aparencia dun réxime de liberdades .

1) Só son rexistrados partidos políticos que expresan os intereses dos monopolios, intereses do conxunto da clase dominante.

2) O máximo obxectivo programático de todos eles é preservar o capitalismo, e as súas diferenzas non son esenciais.

3) Durante o proceso electoral non buscan o voto popular, senón o beneplácito, a anuencia da plutocracia.

Durante este proceso exprésanse as diversas formas do oportunismo. Por unha banda temos ao oportunismo de esquerda, que infla o impacto da socialdemocracia na espera dunha fraude para poder montarse na dirección. Doutra banda temos ao oportunismo de dereita  que busca prebendas inmediatas pero que tamén embate nas masas.

Estas formas de oportunismo construíron tres dogmas para apontoar a súa política. Un destes  dogmas é o chamado  “mal menor”. Este dogma pretende disfrazar o contido  burgués da proposta de AMLO. Isto vai directamente ligado coa noción de que a política, e polo tanto a política de clase, só pode expresarse a través das eleccións, sen reparar nas condicións en que estas se dan, situando á socialdemocracia como a mellor das “únicas opcións”.

Outro dogma é o de elixir ao inimigo. Aínda que é perfectamente válido aproveitar as contradicións inter-burguesas para gañar posicións para a clase obreira, o aproveitarse  da agudización da contradición entre burguesía e proletariado debido á crise para subordinala a unha contradición entre dúas ás da burguesía, é investir este principio. A práctica mesma demostrou os límites deste tipo de manobras coa experiencia errada de preparar o ataque contra AMLO no 2006.

Un último dogma é que o abstencionismo significa facerlle xogo á dereita. Esta posición da socialdemocracia trata de combater a nosa posición reducíndoa á aparente inmobilidade. Pero nós plantexamos que o xogo electoral non é a única forma de facer política.

O abstencionismo por principio como política, é dicir, tamén como dogma, é unha ilusión. Parte desde afrontar as eleccións e non de afrontar á ditadura de clase, é dicir, desde unha análise superficial. É unha ilusión porque non transforma o límite histórico do capitalismo nunha realidade política, confunde o seu desexo coa realidade. É tan ilusorio como levantar consígna do comunismo sen explicar como avanzar cara a el en cada momento concreto, arrastrándose detrás da espontaneidade. Esta posición, baleira de contido, é mantida polos anarquistas, que igualmente rexeitan toda outra forma de loita política polo poder e outras expresións políticas pequenoburguesas. Nin a inmobilidade nin as ilusións son a nosa opción fronte a esta ditadura, a nosa opción é a loita.

Estes dogmas que levanta a socialdemocracia son asimilados sen crítica, como todo dogma, por diversos sectores tales como sindicatos, organizacións campesiñas, estudiantís, de comerciantes, organizacións gremiais, etc. O papel do Partido é combater, desmontar, estes dogmas. Á vez desenvolver a nosa política de alianzas, a Fronte Antiimperialista, Antimonopolista, Anticapitalista, que non está determinada pola posición que adoptan estes sectores  fronte ás eleccións senón pola posición que ocupan na loita de clases.

O oportunismo quixese poder promover estes dogmas e a súa política nas masas sen ter que lidiar coa intervención dos comunistas. Por iso, non son un factor para deixar de realizar a nosa política entre as masas, as cúpulas de dirección que estas teñan. Construiremos a nosa Fronte a pesar e en contra do oportunismo.

Se estes dogmas puideron diseminarse, persistir e renovarse foi pola carencia de crítica adecuada, pola debilidade ideolóxica das forzas revolucionarias deste país, que ao carecer do marco teórico marxista-leninista foron arrastradas polo nacional-populismo, a xestión alternativa do sistema capitalista, etc.

Regresando co oportunismo de dereita, hai que dicir que pese a perder as súas prebendas ante a fraude do 2006, cumpriu, a cabalidade, o seu papel de correa de transmisión entre o Estado e as masas. Por exemplo, sendo utilizados como elementos de control mediante a repartición de lotes, láminas, placas, despensas, etc.

O oportunismo de esquerda non testemuñou un fortalecemento da súa política coa fraude; o que vemos é a recomposición das posicións oportunistas de dereita. Fronte á improbábel radicalización ante unha fraude, o labor do Partido sería desenmascarar ás forzas políticas da burguesía e non facerlles o caldo gordo. Non se trataría da defensa do voto, senón de loitar polas demandas populares, e para iso hai que crear os comités de defensa da vivenda, o emprego  e a educación.

II.- Os límites desta “democracia” son os límites históricos do capitalismo. Unhas eleccións en tempo de crises .

Grandes son os problemas dos traballadores, dos obreiros industriais, dos traballadores dos servizos, dos traballadores da educación, dos traballadores do campo, da muller traballadora, da mocidade traballadora, daqueles que traballan en precario, dos traballadores informais, dos autónomos; grandes son os problemas dos asalariados, pero tamén doutras capas da poboación que como a pequena burguesía e outras capas medias foron duramente afectadas pola monopolización da economía e pola crise que hoxe sofre o capitalismo en todo o mundo.

Do mesmo xeito que todo capital que circula, no mercado da droga téndese á concentración e centralización. O mercado ilegal é interdependente ao capital legal, un sector da burguesía inviste no outro e viceversa; aínda que se complementan, tamén se contrapoñen. A falta de mediación legal -que non política en tanto que os Partidos burgueses colaboran cun ou outro cártel- nas contradicións destas empresas leva necesariamente á súa resolución mediante a violencia, fenómeno asociado ao carácter reaccionario e barbárico do capital na súa fase imperialista. A manifestación disto ten un impacto nas masas, inmobilizándoas, e serviu como escusa para instrumentar unha política de terror, militarización, criminalización, etc.

A violenta loita polo mercado da droga non é o único problema; o problema do paro, dos despedidos con motivo da crise de sobreacumulación  e de sobreprodución  que fai cambalear ao capitalismo; as masas pauperizadas, arroxadas a condicións miserábeis de vida, o ataque ás condicións laborais, a desvalorización do traballo; o ataque aos contratos colectivos, aos dereitos laborais, á seguridade social, á educación pública; nada diso importa para os candidatos presidenciais, Nin sequera no discurso. Nada importa a cuestión dos pobos indios, a pesar do forte reclamo pola súa autonomía, polo recoñecemento dos seus dereitos e a súa cultura.

Nin unha palabra para romper coa unión estatal interimperialista que se coñece como Tratado de Libre Comercio, cando a súa cancelación é unha precondición para mellorar as condicións de vida da clase obreira e as capas medias e pobos oprimidos. De ningunha maneira falan de ruptura co Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial, nin da cancelación da débeda externa. Nin sequera pensar na socialización dos medios de produción  concentrados.

Non son capaces nin de propoñer medidas urxentes como o seguro de desemprego, a escala móbil de salarios, o respecto ao fondo de xubilacións e pensións. No canto de vivenda para os traballadores, ofrecen garantías á especulación inmobiliaria e aos monopolios da construción, garantías para o refugallo de terras, rápidas licencias de construción sen cubrir os requisitos, e sobre todo a protección para que o seu investimento non estea en risco xamais. No canto de saúde, ampliar a seguridade social, vemos privatización do IMSS e do ISSSTE. En lugar de preocupación fronte á carestía, da vida todos os privilexios a FEMSA, Wall Mart e todos os monopolios de produción  e circulación de bebidas e alimentos, así como un constante aumento de prezos. O mesmo en todo o que é de interese para os traballadores e as súas familias.

Ningún dos tres candidatos, e moito menos o candidato da mafiosa sindical Elba Esther Gordillo, ten preocupación polos traballadores. Pena Neto e Josefina Vázquez Mota non ocultan os seus vínculos co capital, mentres López Obrador os busca desesperadamente, e conta ao mesmo tempo con respaldo popular e é presentado como a opción de esquerda.

Josefina Vázquez Mota pretende atraerse o apoio dos sectores oprimidos con maior  atraso de conciencia política, lucrando directamente coa súa miseria e desesperación. Preséntase como a garantía de preservar os programas asistencialistas, cando foi o seu Partido o maior  promotor de recortes nestes mesmos. É dunha enfermiza contradición que enarbole a consigna de “economía que xera empregos”, cando o que caracterizou á xestión do seu Partido foi o despedimento en masa de traballadores. Un dos seus estandartes é a loita contra a corrupción sindical. Isto faino para mobilizar a diversos sectores da poboación no seu proxecto de masacrar a organización da clase obreira, buscando solapar e pactar coa mesma corrupción sindical. A pretensión é o fortalecemento dos monopolios, que afundirá máis na ruína a estes mesmos sectores. En poucas  palabras, Josefina Vázquez Mota propón o suicidio dos sectores que a apoian.

Enrique Pena Neto por si só non representa unha imaxe pública, é o proxecto que se atopa baixo a súa fachada televisiva quen ostenta os tratos co capital monopólico, que ata antes de exercer  como presidente opera desde o seu mandato como gobernador do Estado de México. Os compromisos pactados durante a súa campaña con diversas empresas do capital internacional, traballando en conxunto co monopolio da comunicación, proxectando unha figura de seriedade fronte aos acordos que asume. Por unha banda o proxecto priísta móstrase como unha nova configuración que intenta atender ás necesidades da burguesía fronte á crise, e doutra banda mantén as súas vellas prácticas de corporativismo gremial, sindical e campesiño; demostrando así a intención e o compromiso de consolidar un goberno eficaz para conter a crise do capital e reprimir a organización popular.

Varias organizacións honestas e comprometidas co cambio revolucionario danlle o seu apoio a López Obrador, así como a intelectualidade liberal; o partido no que el milita é un partido socialdemócrata, afiliado á Internacional Socialista, que xa tivo espazos para demostrar a súa xestión gobernamental na Cidade de México e outras entidades importantes, e a semellanza coas xestións priistas e panistas é case total. O Partido Comunista de México non asume a pantasma da “ultradereita”, que é levantado para forzar a concentración do voto ao seu favor. É necesario exhibir a farsa da súa aparente honestidade cando ofrece estatizacións ao pobo, e ao mesmo tempo ofrece todo o contrario aos grupos monopólicos, o respecto aos tratados internacionais e a defensa da propiedade monopólica. A quen quere enganar?

Se non hai ruptura e desenvolvemento dunha economía popular e un poder popular, entón todo o demais redúcese á xestión, a maquillaxe do sistema, á administración da crise.

Ruptura co TLCAN, o TLCUE, ruptura co FMI e o BM, ruptura co poder dos monopolios, son as medidas urxentes. E todo iso está ausente, inclusive na plataforma deste chamado candidato da “esquerda”. Ningún dos candidatos diferenciou posicións en canto á política internacional.

Na experiencia política, na nosa aprendizaxe histórica no terreo de estratexia  e táctica, asumindo o legado da Internacional Comunista, no PCM partimos de que non somos abstencionistas por principio, nin partidarios das eleccións en todas as circunstancias, senón que analizamos cada situación concreta e intervimos en función de elevar a conciencia e organización da clase obreira, de fortalecer ao partido comunista e de acumular na correlación de forzas en dirección ao derrocamento do poder dos monopolios, o Estado burgués, e coa clara intención de que a clase obreira conquiste o poder.

Independentemente das formas que adopte a loita durante a acumulación de forzas  rumbo ao derrocamento do poder dos monopolios, si declaramos abertamente que a vía de acceso ao poder para a clase obreira será o exercicio da violencia revolucionaria; sen esta é impensábel plantexarse a cuestión do derrocamento e a cuestión da construción socialista.

Aínda que no pasado en México existía un marco para intervir electoralmente, expresando os intereses dos traballadores, hoxe iso está cancelado. A oposición independente foi definitivamente excluída por esta “democracia”. Hoxe, nin o Partido Comunista de México nin ningunha outra forza clasista ten posibilidade de postular candidatos. Tampouco o noso programa e propostas, que son os da clase obreira, están representados por candidato algún e, pola contra, pensamos que todos eles expresan intereses antiobreros e antipopulares.

O Partido Comunista de México, a súa militancia e simpatizantes non votarán por ningún  dos candidatos rexistrados nin acudirán ás urnas, e considera coma o seu deber e acción consecuentes, espir este sistema político, denunciar a falsa democracia e promover a ruptura, a insubmisión, a insubordinación, a rebeldía e a revolución.

III. Si hai alternativa: o poder popular, o poder obreiro.

Desde hai anos as forzas sociais reais non teñen máis expresións que no contexto extraparlamentario. Para o noso Partido queda claro que a política debe exercerse e non se reduce ao electoral, que a solución tamén é política. Foi coa mobilización revolucionaria, independente e autónoma, con bandeiras clasistas, que os traballadores confrontaron exitosamente en 1999/2000 a privatización da electricidade e da educación superior, agrupados ao redor do SME e do CGH; posteriormente na mesma dirección unha batalla exitosa para evitar o refugallo  de terras en San Salvador Atenco co FPDT.

Múltiples experiencias de poder popular como os Caracois zapatistas, a APPO, Cherán, SICARTSA, Xoxocotla, etc., proporciónannos a aprendizaxe e a convicción de que o pobo  pode construír o seu poder. O exemplo da Outra Campaña demostrou que neste país, unha política cara a un levantamento, atopará apoio e pode prender, pero é unha condición que o Partido da clase obreira, armado da súa teoría, consolide a súa forza e oriente esta política.

Lograr que emerxan todas as manifestacións de control obreiro, de poder obreiro; cuxo órgano é a organización por centro de traballo, e de poder popular, é deber do Partido Comunista de México, ata que a dualidade de poderes faga impostergábel o derrocamento da clase opresora. Para isto achegarase a todos os seus embrións e manifestacións, apoiando e impulsándoos de xeito militante, retomando a experiencia dos soviets, que nun principio non eran bolxeviques.

O accionar do PCM oriéntase non para o que ocorra o 1 de Xullo, día das eleccións, senón para unha loita permanente ata alcanzar os nosos obxectivos. A nosa orientación principal é conquistar os centros de traballo para a causa antimonopolista, anticapitalista e antiimperialista; apoiar toda forma de poder popular e fortalecemento do partido marxista-leninista. Confiamos en que quen sinceramente aspiran ao progreso e o socialismo, e quen aínda teñen confianza nas institucións, saberán ben que  estas son as últimas eleccións posíbeis, e que deberemos atoparnos despois, sen ilusións, sen compromiso con ningún partido burgués, na loita franca de clase contra clase.

O PCM levanta a súa plataforma de loita para o período, atendendo as necesidades inmediatas do pobo traballador, unha plataforma contra a crise:

* Ruptura unilateral de todos os tratados económicos lesivos para o pobo de México, tales como o TLCAN, o TLCUE, o PPP, o ASPAN, etc. Desenvolver con iso todo o potencial produtivo do noso país.

* Cancelación da débeda externa e de todos os compromisos adquiridos co FMI, BM e outros instrumentos do imperialismo.

* Descoñecemento de todas as débedas que se contraeron para subsistir ou realizar traballo. Falamos aquí da renda, da hipoteca, das débedas coas empresas usureiras como COPEL, ELEKTRA, FAMSA, etc.

* Garantir o abastecemento de alimento a toda a poboación. Isto significa tomar o control sobre os grandes centros comerciais, bodegas, almacéns, empresas transportistas, procesadoras, produtoras de alimento, grandes concentracións de terra ; é dicir, os monopolios que se lucran coa fame.

* Creación inmediata de empregos permanentes nos sectores de produción e no sector social onde hai un gran baleiro, por exemplo, educación e saúde.

* Redución inmediata da xornada laboral a 35 horas por semana.

* Seguro de desemprego decente para todos os desempregados. Xubilacións e pensións aseguradas para a clase obreira.

* Acceso gratuíto a todos os servizos de saúde para o pobo mexicano. Isto significa tomar o control das franquicias de farmacias, as grandes farmacéuticas, hospitais privados, grandes fábricas de instrumental médico.

* Oposición a calquera  intento de desvalorización da forza de traballo, é dicir  calquera intento directo ou indirecto para reducir os salarios, recortar as prestacións, anular os dereitos e conquistas, etc.

Estas son algunhas das medidas da nosa plataforma.

A única forma realista de conseguir o seu cumprimento é detendo as agresións bárbaras e os sacrificios contra a nosa clase e o noso pobo, é dicir, lesionar os intereses dos monopolios, o que ningún burgués está disposto a facer. O PCM dille aos traballadores e aos explotados que non estean de acordo co socialismo, que debemos loitar xuntos por esta plataforma, que debemos mobilizarnos para esixir que se cumpra, gañe ou non gañe o seu candidato e desde o primeiro día. A vitoria final non se logrará sen batallas vitoriosas.

Simultaneamente con esta campaña política o Partido fará un esforzo maior por visibilizarse  e recrutar aos elementos avanzados da clase obreira. O cal non significa entregar sen loita ao resto da clase obreira ás gadoupas da socialdemocracia. Non cabe pensar nunha revolución socialista sen un Partido Comunista forte.

Reiteramos que non absolutizamos as formas de loita como o mecanismo para diferenciar reforma de revolución, que non compartimos a disxuntiva de vía electoral ou vía armada; que os comunistas estamos convencidos de que todas as formas de loita, e que a súa combinación adecuada, acorde a circunstancias concretas, son válidas para conquistar os obxectivos dos traballadores e o pobo.

Ruptura, poder obreiro e popular, derrocamento da burguesía, tal é a ruta da clase obreira para a súa emancipación, en México.

Proletarios de todos os países, unídevos!


[Texto tirado da web do Partido Comunista de México, traducido a galego por FORXA!]

0 Comments:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.

<< Início
 
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com