Kossayr: así empezou todo Suha Mustafa Rede Voltaire Traducido por Estoutras
Que está a pasar na Siria? Milleiros de persoas morreron nun ano. Mais, quen as matou? Os testemuños que estamos a publicar son representativos do drama actual. Suha Mustafa entrevista a sobreviventes dos enfrontamentos. Mais non precisamente aos que as axencias de prensa occidentais utilizan e presentan baixo as luces dos seus proxectores en Turquía e Xordania, mais a simples poboadores que foxen dos combates.
A bala entrou no corpo do meu irmán e explotou nos seus pulmóns -di un mozo cristián que logrou fuxir de Kossayr (ou Qusayr) e chegar a Damasco. O meu irmán –engade- era enxeñeiro civil. Aquel 18 de febreiro de 2012 foi até Kossayr para se despedir de nós antes de retornar a Alemaña, onde estaba continuando os seus estudos. Ao chegar á cidade atopouse no medio dun enfrontamento entre as forzas da orde e milicias terroristas. Non lonxe da casa, un policía gravemente ferido necesitaba axuda. O meu irmán foi cara a el para lle prestar auxilio. Mais non sabía que lle agardaba a morte. Disparoulle un francotirador.
Kossayr é hoxe unha cidade fantasma. Foi en Damasco onde nos reunimos con este mozo cristián, que prefire manterse no anonimato. Propúxonos que o acompañásemos na capital, onde se refuxiaron os seus amigos e veciños, case 150 familias cristiás.
A vida en Kossayr volveuse insoportábel a raíz do aumento da violencia. As milicias corean consignas confesionais, chaman a expulsar da cidade a todas as minorías étnicas ou relixiosas -conclúe o mozo.
O noso interlocutor diríxese a un xornalistas francés:
Eu estiven varias veces na Franza. Puiden comprobar que, en xeral, os franceses son xente amábel, por que Sarkozy é así? Por que apoia a extremistas sanguinarios que tentan masacrarnos?
Perante a ausencia dunha resposta inmediata, continúa falando:
Vostedes quizais non saiban como viviamos naquela pequena vila próxima á fronteira co Líbano. A “revolta” destruíu nesa cidade séculos de boas relacións entre musulmáns e cristiáns. Nun principio, as manifestacións non eran violentas, até que fixeron a súa aparicións nas rúas intrusos barbudos, armados e violentos. foi en maio de 2011. Aqueles milicianos, moi excitados, comezaron a destruír a cidade, a secuestraren homes para exixiren rescates, comezaron a saquear, a incendiaren as casas e os comercios pertencentes a calquera que se negase a unirse a eles, e sobre todo contra os cristiáns.
Os alauítas foron as súas primeiras vítimas (1), despois os cristiáns (2), prosigue unha señora que comparte un apartamento con outras dúas familias, ao igual que as outras 150 familias cristiáns refuxiadas nos arredores de Damasco. A señora engade: Deunos medo cando aqueles fanáticos de Alá se puxeron a berrar as súas desgraciadamente famosas consignas diante de todo o mundo: “Os alauítas aos ataúdes e os cristiáns a Beirut!”. Os seus dignitarios relixiosos, en particular o xeque Arrur (3) –quen a través da televisión saudita Wesal incita a eses fanáticos a perpetrar crimes-, prometéronlles que irían ao paraíso de mataren todos os “infieis”. A partir dese momento, as nosas vidas estaban seriamente ameazadas. As familias alauítas sobreviventes tiveron que abandonar a cidade moito antes ca nós. Foi unha depuración confesional. Non nos queren na rexión. E había que esperar o peor.
A situación no terreo ía empeorando co paso dos días. Antes, a maioría dos milicianos que sementaban o terror eran mozos, de entre 15 e 25 anos, armados con fusiles kalashnikov. Vense agora homes de máis idade. Patrullan as rúas en camionetas armadas con metralladoras. E impoñen a súa lei.
E o exército?, preguntamos ás familias que nos arrodean.
Un dos homes respóndenos. Para el, a intervención do exército era necesaria, e foi a xente quen a reclamou. Mais os soldados non logran facerlles fronte e miles deles morreron desde o comezo dos incidentes. Os milicianos están mellor armados ca eles, non só dispoñen de armas pesadas senón tamén de sistemas de comunicación moi sofisticados que non ten o Estado [sirio].
Recentemente, varios días antes de que saíran de Kossayr -dinos unha rapaza- puiden ver a dous homes do barrio atados a dúas grandes rodas de tractor. Eran sunnitas, como os milicianos. Nós coñeciamos a todo o mundo.
Foran acusados falsamente de ser informantes da policía política. Na realidade só eran dous pacíficos pais de familia. Os milicianos queimáronos vivos, atados ás dúas grandes rodas de tractor. Nós sabemos que eles non traballan para a policía. Iso non foi máis que un pretexto. Matáronos por se negaren a pagar o “imposto revolucionario”.
O certo é –replica un home duns cincuenta anos- que deses milicianos que estamos vendo desde hai cerca dun ano, non todos son sirios. Iso nótase no seu acento e a súa maneira de vestir. Algúns son libaneses chegados de Wadi Khaled e de Arsal, das vilas fronteirizas. Outros son árabes de diversas nacionalidades. Todos eles viñeron a Siria para crearen aquí un emirato islámico. Por iso queren expulsar do país todos os que non son coma eles.
Mais non marchamos para buscar refuxio no estranxeiro, como queren os salafistas. Viñemos a Damasco agardando tempos melloren en que poidamos regresar á nosa vila, ás nosas casas, a Kossayr, porque somos cristiáns, mais nacemos aquí, neste país que tamén nos pertence.
(1) Os alauítas son musulmáns que rexeitan a xaria e as obrigas rituais. Os alauítas celebran as principais festas cristiáns, sunnitas e xiítas. Hai alauítas en Turquía, Siria e o Líbano. Os takfiristas, apoiados polas monarquías wahabistas (Arabia Saudita, Qatar, Emirato de Sharjah), considéranos herexes que deben ser masacrados de forma prioritaria. No seu chamamento ao derrocamento de Bachar al-Assad, as monarquías wahabitas remarcan que al-Assad é un alauíta e que hai demasiados alauítas na cúspide do Estado sirio. A prensa occidental inclusive identifica o réxime baasistas cos alauítas, hipótese que non resiste a máis mínima análise.
(2) Foi en Damasco onde a tradición cristiá di que Cristo se manifestou a Paulo de Tarso. Siria, berce histórico do cristianismo, conta coa maior comunidade de árabes cristiáns. Estes representan o 16% da poboación siria (fonte: CIA World Fact Book 2012). A maioría dos cristiáns sirios son ortodoxos.
(3) O xeque Adnan Arrur é un ex suboficial refuxiado en Arabia Saudita por razóns relacionadas con escuros asuntos de delitos comúns, sen a menor connotación política nin relixiosa, e converteuse en xefe espiritual da oposición armada siria.
(4) Wesal TV é un dos principais medios de prensa que se dedican a sementar o odio no Medio Oriente. O obxectivo dos seus programas é denigrar as diferentes denominacións musulmáns non sunnitas, así como aos cristiáns. Os imáns de Wesal TV emiten frecuentes fatwas en que proclaman que o asasinato desta ou destoutra personalidade siria é lícito e conveniente. |
Enviar um comentário
Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.