Dioivo
O Sparkasse Bank da localidade alemá de Chemnitz organizou unha enquisa entre os seus clientes para elixir o motivo que ilustrase as súas tarxetas de crédito. Unha praia, un campo de xirasois, un castelo, uns cumios nevados? Non, máis dun tercio dos clientes deste banco escolleron como imaxe para as súas tarxetas de crédito a Karl Marx, o autor do 'Manifesto Comunista'. Postos a buscar motivos para tan chocante decisión podemos dicir que Karl Marx deixou unha fonda pegada nesta cidade, na antiga Alemaña do Leste. De feito, durante os anos do comunismo a cidade, reconstruída tras a destrución provocada polos bombardeos aliados, foi rebatizada como Karl-Marx Stadt e un gran busto de bronce de Marx de sete metros de altura (o que aparece, precisamente, nos cartóns de crédito), inda se erixe no centro da cidade. Segundo un voceiro do Sparkasse Bank: "O Leste vive certa nostalixa nos últimos anos por certos aspectos da RDA na que os cidadáns gozaban de poucas liberdades, pero tiñan empregos garantidos e asistencia social", e engade: "Recibimos aínda peticións de clientes en estados occidentais alemáns que preguntan se eles poderían abrir unha conta local con nós, só para conseguir unha tarxeta cos trazos de Marx", a que xa deron en chamar a Marxcard. Poderiamo dicir aquilo de "Se Marx erguera a cabeza...", inda que a estas alturas podemos imaxinar que xa estaría curado de tanto espanto... |
Enviar um comentário
Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.