James Connolly, revolucionario marxista irlandés en xaneiro de 1897: «Se mañá expulsades o exército inglés e izades a bandeira verde sobre o Castelo de Dublín, de non emprenderdes a organización dunha república socialista todos os vosos esforzos serán en van. Inglaterra aínda vos dominará».
Máis dun século despois, vemos que Connolly atinou. Esa república socialista dista hoxe moito de ser unha realidade. Mais algo non sucedeu: algúns dos seus compatriotas non izaron a bandeira irlandesa. E non, tampouco expulsaron o exército. Mais ben foi apartado a un segundo plano, latente. A Unión Jack continúa a ondear nas institucións do norte de Irlanda e, alén do mero símbolo imperialista que representar, a continuidade colonial británica é unha realidade en toda a estrutura dos seis condados.
Desde que se asinara o Acordo do Venres Santo (AVS), en abril do 98, entre Sinn Féin, Gobernos irlandés e británico, principais partidos do norte (socialdemócrata e unionista) e o gran demócrata George Mitchell, a frase que máis calou no actual movemento republicano foi a de «que todo cambie, para que nada cambie». Para poder resolver favorabelmente a confrontación co Sinn Féin, fíxose uso dunha vella ferramenta conciliadora: o proceso de paz. Nada cambiou despois, os capitalistas irlandeses e ingleses continuaron cos seus métodos: apartheid social e político, anulación de dereitos e represión para acalaren as aspiracións sociais e nacionais. Todo isto decorado e redecorado coas palabras paz, diálogo e institucións.
O Estado británico coñecía o terreo político en que se movía o republicanismo, onde non existía unanimidade á hora de afrontar os métodos de loita, centrado exclusivamente na liña militarista, que abriu o camiño ao reformismo. As fendas abertas conduciron ao elemento máis reaccionario dos provisionais, o SF, a delegar esta loita nunha liña parlamentarista, arrastrando a maior parte da organización armada e introducíndose no marco legal que determinou a Coroa, arroupándose no mandil do carniceiro. O SF non outorgou ás aspiracións da clase obreira o lugar que se merecían, a se encargar durante anos de sumir estas aspiracións nun mar de dúbidas nacionalistas, para que a maioría da clase traballadora non discernira con claridade que sen a destrución do capitalismo e imperialismo Irlanda xamais sería ceibe.
Pactando con Blair lograban dúas cousas: 1) Un minucioso lavado de cara da represión social existente no norte, para mostrar á poboación como as condicións cambiaran aparentemente e poder limpar o seu camiño cara á conquista da vida política grazas ao apoio coartado das súas bases. E 2), sentenciar a división do movemento provisional republicano, afastándose do movemento revolucionario e popular, cargando nas costas da mal chamada “disidencia” todo o peso da represión. Resultado: os seus intereses de clase ficaban blindados e liquidaban a loita armada, xa que o desarme da clase traballadora foi a primeira orde das burguesías con quen pactaron.
O SF, que se mostrou resolto administrando o dominio británico na illa, quixo destruír o movemento republicano revolucionario; sen suceso. Da militancia do seu propio seo naceron outras organizacións: Republican Sinn Féin en 1986, 32 County Sovereignity Movement, (quen lembra: «A aceptación dos principios Mitchell ía contra o propio espírito do IRA, polo que unha significativa parte da cúpula se retirou para o reorganizar»), o Éirígí fundado en 2006 froito da fartura do AVS. Na liña política oposta á ocupación tamén están o Republican Network for Unity e o Irish Republican Socialist Party vinculado ao Irish National Liberation Armay, INLA, que declarou un alto o fogo permanente en 2008.
Hai 65 presos e presas políticas republicanas nos cárceres irlandeses de Portlaoise e Maghaberry, en Lituania e no Estado francés. Entre eles: Marian Price (enferma, en illamento a maior parte do ano), Gerry McGeough (enfermo), Brian Shivers (enfermo), Brian Shavers (gravemente enfermo), McGeough e Mac Adam, perseguidos por actividades nos 80 ou Lurgan Martin Corey, casos en que algúns foron encarcerados após os AVS e encarcerados de novo acusados de “actividades políticas que constitúen perigo público”. O Acordo impuña o retorno a prisión de todo expreso con beneficios individuais que após a súa saída realizara políticas republicanas “disidentes”. Os presos son sometidos a espidos integrais na súas celas, golpeados cando se resistiren e castigados durante días sen saír do chabolo. Están a protagonizar folgas de sucidade, iniciaron unha folga de fame para acadaren o estatus de presos políticos contra a política vingativa do Estado británico e os seus cómplices, que se teme poida volver acontecer.
A actividade militar republicana non é o problema, senón unha consecuencia. Os problemas para o pobo ratificounos o AVS: emigración, inxustiza, capitalismo discriminación e sectarismo unionista, seguen a ser o pesadelo das comunidades. «Todo cambiou para que nada cambie». Nin un dos obxectivos históricos do movemento foron alcanzados polos acordos do 98, nin a independencia, nin por suposto o socialismo. A policía paramilitar, o PSNI, continúa protexendo o Estado e os seus intereses, xa que é unha forza inherentemente política que ten de defender a autoridade e lexitimidade británica. O exército británico conta aínda con 5 mil efectivos no norte, ademais de unidades da Forza Real e a Mariña. O MI5, servizos secretos, conta con 400 efectivos estimados.
O Estado teme o movemento republicano non só porque é coherente, senón porque non hai maneira de o acomodar nas súas institucións. Os republicanos non poden e non se comprometerán fronte a institucións da Coroa británica, nin fronte aos que non teñen ningún dereito a reclamarse lexitimamente republicanos. |
Enviar um comentário
Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.