Artigo de Giorgos Marinos
Membro do Buró Político do Comité Central do KKE [Traducido ao galego por FORXA!]
O KKE estende os seus saúdos camaraderís aos Partidos Comunistas, as e os comunistas, e a un gran número de loitadores de todo o mundo que expresaron o seu apoio e solidariedade sincero co noso Partido, porque apreciaron as duras loitas clasistas que o partido levou a cabo durante un longo período de tempo, antes e durante a crise capitalista.
O noso Partido seguirá sendo digno da súa confianza e intensificará a loita polos intereses da clase obreira e dos sectores populares, polo derrocamento da barbarie capitalista, polo socialismo. Porque isto é o que esixe o obxectivo da abolición da explotación do home polo home, este principio fundamental dos partidos comunistas.
Os acontecementos en Grecia, e en particular as dúas últimas batallas electorais, provocaron moitas discusións sobre o KKE e a “esquerda”, o papel dos “gobernos de esquerda”, a postura dos comunistas. Algunhas forzas que aínda utilizan o título do “Partido Comunista” malia que están en camiño de mutación socialdemócrata e outras forzas que falan en nome da “esquerda” abriron unha fronte –de modo aberto ou solapado- contra o KKE, calumniando a súa actividade, ocultando ou distorsionando as súas posicións, falando de sectarismo de modo infundado, utilizando a polémica do opoñente, adoptando e difundindo as posicións de SYRIZA.
SYRIZA é un partidario fanático da Unión Europea, vehículo da visión utópica do “capitalismo con rostro humano” constituído por forzas oportunistas de dereita, “desechos” da loita de clases, grupos marxinais da extrema esquerda (trotskistas e ex-maoístas) e unha parte importante de cadros do PASOK socialdemócrata.
As forzas que abriron unha fronte contra o KKE, entre os cales é o aparello do “Partido da Esquerda Europea” e outras organizacións defensoras da caricatura do “socialismo do século XXI”, foron expostas porque a actividade do KKE e a súa contribución na loita revolucionaria as refuta. Con todo, a súa postura é prexudicial para a clase obreira, os sectores populares, a mocidade, porque se poñen ao lado dos opoñentes dos comunistas. Os comunistas que loitan constantemente contra a burguesía, o imperialismo e se opoñen de modo militante á asimilación dos traballadores nos obxectivos do capital.
Facemos un chamado ás e aos comunistas, aos traballadores e ás traballadoras que seguen o desenvolvemento dos acontecementos en Grecia e están interesados no curso da loita de clases para ter unha mellor comprensión da estratexia e a táctica do KKE, a súa historia e as súas loitas. Hai que avaliar as súas posicións con criterios ideolóxicos e políticos concretos e non en base a rumores e calumnias infundadas. Entón, daranse conta de que o ataque contra a estratexia do KKE e a súa política de alianzas así como os argumentos ridículos en relación co sectarismo e o illamento foron iniciados por forzas burguesas, ou forzas que rexeitaron na práctica os principios marxista-leninistas, a necesidade do socialismo, a esencia da loita de clases que é significativo cando está vinculado ao poder obreiro e popular.
Serán capaces de discernir que estas forzas seguen unha liña política de xestión burguesa que se esconde trala discusión por unha “solución da esquerda”, sementando ilusións acerca da “humanización do capitalismo”, con consecuencias moi negativas para a loita dos traballadores.
O peor é que estas forzas que atacan ao KKE de modo solapado e algunhas veces pretenden ser o seu “amigo”, están tratando de utilizar o resultado electoral para apoiar as súas perigosas afirmacións.
Con respecto aos acontecementos en Grecia
En Grecia, a profunda crise capitalista de sobreacumulación de capitais que entrou no seu cuarto ano, en combinación coa crise noutros Estados-membros da UE, provoca a agresividade intensa dos monopolios e dos seus representantes políticos e exprésase a través do conxunto da súa estratexia antipopular. Os “memorandos” que foron asinados entre os gobernos gregos, a Unión Europea, o Banco Central Europeo e o Fondo Monetario Internacional son parte esta estratexia.
O deterioro da situación da clase obreira e dos sectores populares causado pola ofensiva do capital, o desenvolvemento da loita de clases coa contribución decisiva do KKE e do movemento de orientación de clase, levou ao gran desgaste do PASOK socialdemócrata que implementaba unha dura política antipopular durante moitos anos. Levou ao desgaste do partido liberal da ND e en xeral do bipartidismo que perdeu a capacidade de atrapar as forzas populares tal como facía os anos anteriores.
Nesta base, promóvese a reforma do escenario político co apoio da burguesía, a Unión Europea e outros mecanismos imperialistas para que a crise capitalista se xestione máis eficazmente en favor do capital, para obstaculizar a loita de clases, para atacar o KKE e o movemento clasista.
Un elemento básico da reforma do escenario político é a creación dos dous novos polos, o da “centrodereita” baseado na ND e o da “centroesquerda” baseado en SYRIZA xunto coa participación de gran parte de cadros do PASOK que teñen responsabilidades criminais en relación coa aplicación da liña política antipopular durante os anos anteriores.
Grecia e as eleccións parlamentarias utilizáronse como unha area de rivalidades interimperialistas entre os EE.UU., a UE, Francia e Alemaña. Isto foi expresado tamén pola postura das forzas políticas gregas, sobre todo da ND, do PASOK e de SYRIZA que “coquetea” con Francia e os EE.UU.
A asimilación profunda e multifacético de Grecia na Unión Europea, a profunda crise prolongada en combinación coa manifestación da recesión na zona euro fixo a intervención da UE, do FMI e dos EE.UU. necesaria para deter todas as tendencias de radicalización do movemento en Grecia e o seu impacto internacional.
As declaracións sistemáticas de funcionarios das organizacións imperialistas así como publicacións na prensa estranxeira, incluíndo o chamamento do Financial Times alemán por un voto a favor da ND, aumentan a polarización e a chantaxe para que o pobo se dirixa aos dous polos da xestión burguesa.
A avaliación do resultado das eleccións
O KKE fixo un gran esforzo, logrando un 8,5%, 536.000 votos e 26 deputados nas eleccións do 6 de maio, mais non foi compracente. Falou claramente sobre o plan de debilitar o KKE, previu e loitou, na medida do posíbel, contra o ataque organizado contra o KKE e mantívose en pé cun 4% de perdas da súa forza electoral, cunha redución de votos e deputados, logrando ao final un 4,5%, 12 deputados e 277.000 votos.
Que ocorreu entre as dúas batallas electorais? Que dilemas suscitou o sistema burgués para atrapar ás forzas populares? O Comité Central do KKE fixo unha primeira avaliación do resultado, que agora se está discutindo nas organizacións de base do partido e en reunións cos amigos do partido co fin de acumular a experiencia colectiva e utilizala para a avaliación final. Para entender o clima político que prevalecía, sobre todo na segunda batalla electoral, é importante saber que segundo a lei electoral o primeiro partido en votos recibe un bono de 50 deputados (nun total de 300 escanos no parlamento grego), para “facilitar” o esforzo de formar un goberno. Nas primeiras eleccións (en que o KKE obtivo 8,5%) a diferenza entre o primeiro partido (ND) e o segundo (SYRIZA) foi un 2,1%, e a loita pola primeira posición creou condicións de intensa polarización.
O CC do KKE avaliou que “As perdas significativas do KKE, non reflicten o impacto das súas posicións e a súa actividade de cara aos desenvolvementos negativos que se prevén. Isto levouse a cabo baixo a presión da corrente de ilusións e a lóxica do mal menor, do camiño sen dor e fácil a través do cal supostamente é posíbel formar un goberno para xestionar a crise no terreo do poder dos monopolios e da asimilación na UE, que se encargará de deter o deterioro da situación do pobo.
Ademais, produciu un impacto ao clima de medo e de intimidación sobre a expulsión de Grecia da zona euro. Ocorreu en condicións de ofensiva sistemática e solapada polos mecanismos ideolóxico-políticos do sistema ata incluso mediante o uso sistemático do internet. O obxectivo principal foi debilitar o Partido para impedir o fortalecemento do movemento obreiro en condicións en que a posición do pobo estase deteriorando.
A conclusión é que o resultado electoral no seu conxunto reflicte a tendencia de contención do radicalismo de clase que se desenvolveu durante o período da crise, baixo a presión da corrente do radicalismo pequenoburgués emerxente, dirixida pola ideoloxía e a propaganda burguesa. É obvio que as loitas que se desenvolveron non lograron profundar e consolidar o radicalismo xa que non tiñan carácter de masas e non lograron a organización e a orientación política que requiren as condicións actuais. En última instancia, calquera tendencia positiva que se desenvolveu foi influenciada polo contido antimemorándum estreito, pola diminución das expectativas en condicións de expansión da pobreza e de desemprego masivo.
O papel de SYRIZA
As forzas que apoian –de modo aberto ou encuberto- a SYRIZA e calumnian o KKE teñen a obriga de explicar aos cadros e membros dos seus partidos, á clase obreira e os sectores populares os seguintes asuntos:
Por que ocultan que o elemento común da política da ND, do PASOK, de SYRIZA e dos demais partidos excepto do KKE é o apoio da UE, da organización interestatal imperialista que foi probado que implementa a estratexia antipopular e que o criterio da súa creación e desenvolvemento son os intereses dos grupos monopólicos e das multinacionais?
Por que ocultan que unha parte da burguesía, grupos financeiros fortes que controlan periódicos, a radio e as canles de televisión, así como os medios de comunicación estatais apoiaron decisivamente SYRIZA, e ata o presidente da Federación Helénica de Empresas propuxo un goberno de concordia nacional coa participación de SYRIZA?
Por que ocultan que no curso do proceso electoral, e sobre todo logo das eleccións do 6 de maio, SYRIZA abandonou mesmo as consignas con respecto da cancelación do memorándum e do contrato de préstamo, a estatificación de empresas, etc. e adaptou perfectamente o seu programa ás necesidades da xestión burguesa?
Por que ocultan que gran parte dos cadros máis corruptos do PASOK nas autoridades locais, os sindicatos e no aparello do Estado desempeñaron un papel principal na manipulación de forzas populares, dos votantes do PASOK, exercendo presións diversas a favor de SYRIZA?
Por que ocultan que está en marcha un plan para reagrupar a socialdemocracia, con SYRIZA no seu núcleo? A socialdemocracia foi moi útil para a burguesía co fin de erosionar a conciencia radical do pobo a favor da “vía de sentido único da UE”, atacar e controlar o movemento obreiro.
Por que ocultan que este partido continuamente utiliza o anticomunismo cando ao mesmo tempo fai un chamamento para a “unidade da esquerda”? Nun evento electoral central de SYRIZA, ao que asistiu o seu presidente, o “filósofo” esloveno Slavoj Zizek dixo nunha mostra vulgar de anticomunismo que “Se comprendín ben, isto é o que o KKE, o partido de quen aínda viven porque se esquecen de morrer, está dicindo” e recibiu un aplauso entusiasta polo auditorio.
Por que ocultan que utilizou todo tipo de táctica sucia contra o KKE para usurpar o voto do pobo tratando de lograr a primeira posición nas eleccións ou ata a capacidade de formar un goberno dun só partido?
Trátase de tácticas sucias, incluíndo entre outras cousas o fornezo de xornalistas burgueses con propaganda negra e falsa sobre diferentes puntos de vista no Comité Central e no Buró Político do KKE sobre a postura en relación con SYRIZA e a participación nun goberno de xestión burguesa. A experiencia das condicións en que o KKE loitou nestas eleccións é valiosa para todos os Partidos Comunistas e por esta razón informámoslles acerca das diferentes provocacións que se produciron incluíndo a provocación no Twitter onde os mecanismos crearon unha conta falsa do KKE que a utilizaron para chamar ao pobo a votar por SYRIZA.
Por que ocultan que poucos días antes das eleccións o presidente de SYRIZA tivo unha reunión co persoal diplomático dos G20 en Atenas para “establecer un clima de confianza”? Con quen? Co club dos capitalistas e imperialistas máis fortes no mundo.
E é máis. O persoal de SYRIZA presentou ao pobo grego a política de Obama nos EE.UU. como un exemplo de política realista de xestión da crise a favor do pobo. Ademais, afirmou falsamente que a elección do socialdemócrata de Hollande sería un factor que traería un “novo vento”, cambios a favor dos pobos en Europa. Ao mesmo tempo, o goberno socialdemócrata en Francia chamaba ao pobo grego a someterse aos compromisos coa Unión Europea e –malia as rivalidades interimperialistas- participa xunto co goberno alemán na preparación de novas medidas antipopulares que se están preparando na UE para a integración económica e política.
Estes eventos non se poden anular. O KKE non necesita recorrer a teorías de conspiracións. A verdade non se pode ocultar. Isto é de gran importancia para que cada traballador que está interesado na situación de Grecia e o papel das forzas políticas poida formarse a súa opinión.
Durante un longo período, se fomentaban mitos sobre o papel do SYRIZA ao movemento obreiro e popular. Presentouse dun xeito enganoso como unha forza potente da oposición mentres non tiña ningunha contribución, nin sequera a máis mínima ao desenvolvemento da loita nas fábricas, nas empresas, na organización das loitas, as folgas e outras mobilizacións de masas.
En realidade, este partido ía a remolque da Confederación Xeral de Traballadores de Grecia (GSEE) e da Confederación dos Funcionarios Públicos (ADEDY) que funcionan como instrumentos do capital, os vehículos do sindicalismo colaboracionista coa patronal e o goberno e da “colaboración de clases”.
A postura de SYRIZA no movemento das “prazas”, que foi efémero, cun carácter de masas limitado e que foi un caldo de cultivo de posicións reaccionarias, foi oportunista e integrada no plan daqueles que trataron de tomar as rendas da xestión burguesa. SYRIZA ten grandes responsabilidades porque compartiu as “prazas dos indignados” xunto co monstro fascista do “Amencer Dourado” que apareceu xunto con outras forzas nacionalistas como unha forza antimemorándum, promocionando consignas vulgares e reaccionarias co fin de manipular a indignación dos traballadores.
A loita do KKE
A ofensiva contra o KKE despois das eleccións non se levou a cabo soamente por varios grupos trotskistas coñecidos senón tamén polas forzas do Partido da Esquerda Europea como o “Bloque da Esquerda” portugués e a “Refundación Comunista” italiana. Os presidentes destes dous partidos non puideron resistirse a mostrar a antipatía do oportunismo europeo cara ao KKE.
Igual de provocadoras son algunhas forzas que culpan ao KKE de que a ND lograra formar un goberno. Pero estas forzas ocultan que o único partido que realmente se opuxo á ND e ao PASOK foi o KKE porque, a diferenza de SYRIZA, non está comprometido coa UE, a OTAN, o gran capital e o seu poder. Non fomenta ilusións parlamentarias e lle di ao pobo a verdade sobre as forzas da xestión burguesa. O noso partido leva anos loitando contra os dilemas de intimidación da ”dereita-contradereita”, “centrodereita-centroesquerda” e combate a lóxica do mal menor que é un calello sen saída e que fixo que os partidos comunistas en Europa vaian de remolque á socialdemocracia.
O esforzo de calumniar o KKE caerá en oídos xordos e os seus iniciadores estarán totalmente expostos porque a propaganda do sectarismo e do illamento que utilizan as forzas que atacan o noso partido é refutada polo papel protagonista do KKE, da KNE e do PAME, dos sindicatos de clase, das agrupacións militantes dos demais sectores populares e da mocidade, nas decenas de folgas xerais, sectoriais, en empresas, en centos de mobilizacións multiformes nas que se reuniron miles de traballadores con obxectivos de loita que expresan os intereses dos traballadores que entran en conflito co poder do capital, coa barbarie capitalista.
Estes logros importantes non poden ser anulados polo resultado electoral que foi negativo para o pobo.
Trátase dunha experiencia valiosa e un legado para a escalada da loita de clases ata o final.
O KKE opúxose e oponse á unión e insiste na alianza social entre a clase obreira, os sectores populares na cidade e no campo, coa participación das mulleres e dos mozos. Rexeita a colaboración para a formación dun “goberno de esquerda” para xestionar o capitalismo e insiste na formación dunha alianza sociopolítica que loite polos problemas do pobo, que entrará en conflito cos monopolios e co imperialismo e dirixirá a súa loita ao derrocamento da barbarie capitalista, a conquista do poder obreiro e popular.
A estratexia que promete un futuro mellor para os traballadores e os desempregados a través dun chamado goberno de esquerda ou progresista mentres que o poder do capital e a propiedade capitalista nos medios de produción mantéñense intactas, é perigosa. Esta estratexia foi probada e demostrouse que está en quebra. Levou a varios partidos comunistas á asimilación e mesmo á disolución.
Esa estratexia oculta o problema fundamental. Oculta que o problema do desemprego, que está crecendo de forma incontrolada, non se pode resolver mentres o poder e a riqueza que produce a clase obreira permanecen en mans dos capitalistas, mentres predomina a anarquía capitalista e existe o afán do lucro.
As necesidades contemporáneas do pobo non se poden satisfacer porque o capitalismo está na súa última fase, a fase imperialista e é totalmente reaccionario. As dificultades na reprodución do capital, o antagonismo entre os monopolios para predominar fortalecen o ataque que se dirixe á redución do prezo da forza de traballo e ao aumento do grado de explotación. Incluso as conquistas pequenas requiren conflitos duros coas forzas do capital como demostra a folga heroica de 7 meses dos traballadores na Aceiría en Asprópirgos que contou co apoio do KKE e da PAME xunto con miles de traballadores en Grecia e no estranxeiro que expresaron a súa solidariedade de clase.
A loita cotiá polo dereito ao traballo, a protección dos desempregados, os salarios e as pensións, asistencia sanitaria, benestar e educación gratuítas. A loita cotiá contra as guerras imperialistas, pola retirada das unións imperialistas, pola soberanía popular, polos dereitos democráticos está intimamente ligada coa loita polo derrocamento do capitalismo.
A posición de principios do KKE subliña que un partido revolucionario non pode ter dúas caras, non pode negar a súa estratexia, a loita polo poder obreiro e popular, polo socialismo, co fin de arrebatar votos nas eleccións parlamentarias apoiando formacións de xestión que facilitan o sistema.
O KKE dixo ao pobo a verdade. Chamouno a apoiar ao KKE para que sexa forte, de maneira que podería contribuír decisivamente á obstaculización de medidas antiobreiras, ao reagrupamento e fortalecemento do movemento obreiro e popular, ao desenvolvemento de loitas militantes, ao achandamento do camiño para os cambios radicais.
O KKE nadou contracorrente, tal como fixo noutras ocasións sobre asuntos políticos cruciais entre os cales foron a revelación do carácter da contrarrevolución e do derrocamento do socialismo, a revelación do carácter imperialista da UE e a loita contra esta, a oposición ao tratado de Maastricht, a condena das intervencións imperialistas e dos pretextos que as xustifican, etc.
Neste senso o KKE deu as batallas electorais contra a corrente de medo e o fatalismo, contra as ameazas diversas de ingobernabilidade e de expulsión da zona euro, contra as ilusións promovidas de xeito sistemático por SYRIZA. Explicou ao pobo o carácter da crise capitalista e as condicións previas para unha saída a favor dos traballadores, as condicións previas ligadas coa retirada da UE e a OTAN, a cancelación unilateral da débeda, a socialización dos medios concentrados de produción, é dicir o goberno do poder obreiro e popular. Opuxo o goberno obreiro e popular ao goberno da xestión burguesa. Librou esta batalla tendo en conta o risco do custo electoral.
Pero ata o máis mínimo retroceso por parte do partido ante a presión para participar nun goberno de xestión da crise tería levado ao desarme e ao retroceso, á derrota do movemento obreiro, á cancelación do esforzo de formar a alianza sociopolítica que entraría en conflito coa liña política dos monopolios, as unións imperialistas, a UE e a OTAN. Tería cancelado todo esforzo de reunir forzas na loita polos problemas cotiáns que se están agudizando cada vez máis, pola perspectiva do poder obreiro e popular. Na práctica, o KKE tería cancelado a coherencia e a firmeza das súas obras e palabras, dado que lle pedían ao partido a facer concesións prexudiciais e equivocadas de carácter decisivo tanto respecto do seu programa como ás tarefas de loita inmediatas.
É de gran importancia que nesas condicións, cando unha serie doutros partidos non están representados no parlamento ou se difundiron en formacións socialdemócratas ou esquerdas oportunistas en Europa, o KKE mantívose firme con menos forza electoral en comparación coa súa influencia política máis ampla. A súa estratexia con respecto ás dúas vías de desenvolvemento, a necesidade da alianza sociopolítica e a loita polo poder obreiro e popular, a ampliación e a profundización dos seus vínculos coa clase obreira, os sectores populares pobres, segue sendo un elemento da súa nova actividade no pobo para que se manteña en pé, para que non se sucumba ante os novos perigos que lle esperan.
A estratexia do KKE foi confirmada polos acontecementos en base diaria. Trátase dunha estratexia baseada nos principios comunistas, en base ás leis da loita de clases e determina o obxectivo, o camiño e as condicións previas a fin de resolver a contradición fundamental entre o capital e o traballo, co fin de resolver o problema central do poder e abolir as relacións de produción explotadoras en condicións nas que o capitalismo sofre das súas contradicións irreconciliábeis, vólvese máis reaccionario e perigoso e non hai ningunha fórmula de xestión do sistema que poida dar unha solución a favor do pobo. Con esta estratexia, con esta liña de loita o KKE contribúe incansabelmente ao esforzo de reagrupar o movemento comunista en base revolucionaria; estimula e apoia a loita dos comunistas, a loita antiimperialista en todo o mundo, reforza a solidariedade internacionalista asumindo ao mesmo tempo a súa responsabilidade no desenvolvemento da loita de clases a nivel nacional.
O noso partido é moi esixente na avaliación autocrítica do seu curso. Destaca que non é suficiente ter unha estratexia correcta e un espírito militante. Hai que estudar ben as súas debilidades para ser máis eficaz en cuestións de dirección política, para mellorar a educación ideolóxica e política, para acelerar a construción de organizacións do partido nas fábricas, nos centros de traballo, nos barrios populares. Para fortalecer o movemento de orientación de clase, para que os sindicatos e outras organizacións sexan máis masivos, para que novas forzas participen na loita.
O KKE continúa a súa loita cun maior sentido de responsabilidade e determinación polos problemas do pobo. Centra a súa atención na loita contra a política fiscal antipopular, polos convenios colectivos, os salarios, as pensións, a protección dos desempregados, a saúde, o benestar, a educación. Ao mesmo tempo prepara ás súas forzas contra o perigo dunha guerra imperialista contra Siria e Irán.
Loita contra a política antipopular do goberno da ND, do PASOK e da DIMAR (Esquerda Democrática), que xurdiu dunha escisión de SYRIZA e é parte do plan de manipulación “esquerda” do pobo. Leva a cabo unha loita máis organizada contra as ilusións de esquerda que promove SYRIZA; reforza a súa loita contra o “Amencer Dourado” fascista.
Desde hai tempo informaramos a moitos partidos comunistas que o ataque contra o KKE se intensificara. Moitos camaradas saben que a burguesía, os mecanismos estatais e paraestatais utilizaron medios de represión e provocación contra o KKE e a PAME e agora hai que estar moi ben preparados para facer fronte á escalada do ataque contra o partido.
Continuamos a nosa loita. Esforzámonos por ser máis eficaces na organización e o desenvolvemento da loita de clases.
A redución da forza electoral do KKE non invalida as vantaxes de importancia decisiva que logrou o noso partido con gran esforzo. Non invalida a forza que ten nos sindicatos, nas organizacións de masas, no movemento obreiro e popular, na mocidade, o seu prestixio na clase obreira, a confianza que expresa o pobo nas loitas cotiás independentemente de se isto foi expresado nas eleccións.
“Amigo nas boas”
Polo tanto, as forzas que tratan abertamente ou en segredo de interpretar o resultado electoral de xeito arbitrario para socavar a estratexia e a táctica do KKE así como o seu papel no movemento comunista internacional, serán xulgados polos comunistas revolucionarios, pola clase obreira.
Hai suficientes forzas para a xestión do sistema. O que necesitan os pobos son partidos comunistas verdadeiros que non van a xestionar a barbarie capitalista no nome da “esquerda gobernamental” e do realismo de aceptar a correlación de forzas negativa. Porque deste xeito se achandaría o camiño para as forzas do capital, perderíase un tempo valioso polo que a clase obreira e os sectores populares pagarían un alto prezo.
|
Enviar um comentário
Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.