Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Principais cambios nas prestacións por desemprego (Actualizado)
15/07/2012
O Real Decreto-lei 20/2012, de 13 de xullo, de medidas para garantiren a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade, ademais doutras medidas relacionadas co Fondo de Garantía Social, co Sistema de Dependencia, coa fiscalidade ou coas condicións laborais dos empregados públicos, en materia de desemprego ven de dar un novo machadazo aos xa escasos dereitos con que contaban até agora as persoas en desemprego. 

Ímonos centrar exclusivamente nos principais cambios a respecto das prestacións por desemprego, quer contributivas, quer de tipo asistencial. 

Principais modificacións do Real Decreto Lexislativo 1/1994, de 20 de xuño, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Xeral da Seguridade Social:

PRESTACIÓN POR DESEMPREGO CONTRIBUTIVA
  
- Modificación do apartado 2 do artigo 211: A base reguladora da prestación contributiva de desemprego manterase no 70% da base de cotización durante o primeiros 180 días e baixará ao 50% o resto da prestación. Fronte ao 70% e 60%, respectivamente, que se aplicaba até agora.

Poñamos o exemplo do que cobraría de prestación en bruto (habería que restar as deducións á Seguridade Social e ao IRPF) dunha persoa que cotizase 1200 € mensuais nos últimos 6 meses. 


Base Reguladora
Prestación en bruto os 6 primeiros meses
Prestación en bruto a partir do día 181
Antes do Real Decreto-lei 20/2012
40,00
28 €/día
(840 €/mes)
24 €/día
(720 €/mes)
A partir do Real Decreto-lei 20/2012
40,00
28 €/día
(840 €/mes)
20 €/día
(600 €/mes)


- Modificación do apartado 3 do artigo 211: As contías máximas e mínimas estabeleceranse en función da media das horas traballadas nos últimos 180 días, ponderándose esta media en relación cos días en cada emprego a tempo parcial ou completo nese período. 

Até agora, era a porcentaxe do último contrato o que marcaba o conxunto da prestación. É dicir, se unha persoa nos seus últimos seis meses cotizados traballara en distintos contratos (uns parciais e outros completos), era o último o que marcaba os topes mínimos e máximos da prestación. Por exemplo, se tiña un primeiro contrato de x meses a tempo parcial e despois un contrato a tempo completo (independentemente da súa duración), os topes máximo e mínimos eran os totais, xa que o último contrato era a tempo completo. Agora haberá que facer unha media.


- Modificación a respecto dos contratos parciais e a súa compatibilidade coas prestacións. Até agora, se unha persoa finalizaba un contrato parcial mantendo outro contrato parcial, valíalle para o cómputo do período ocupacional os dous contratos (contándose unha soa vez os días que estivesen superpostos). Agora, só contará o período ocupacional dos contratos finalizados. Esta medida, que está a pasar bastante desapercibida, é unha verdadeira lousa encol das oportunidades de cobrar prestacións para milleiros de persoas.

Vexamos un exemplo. Unha persoa traballa desde o 2000 na empresa A cun contrato a media xornada. Hoxe continúa a traballar nesta empresa. O 15 de maio de 2012 consigue outro contrato parcial a maiores na empresa B, que finaliza o 30 de xullo. Antes deste Real Decreto-lei, esta persoa, unha vez rematado o contrato coa empresa B, solicitaría a prestación contributiva por desemprego ao ter situación legal de desemprego (a finalización dun contrato) e período ocupacional dabondo (tería o máximo, ao traballar desde o ano 2000 na empresa A). Coa reforma non podería cobrar ningunha prestación. O período ocupacional coa empresa A non se contaría xa que sigue contratada, e o contrato coa empresa B só lle reporta 2 meses e medio de cotización, insuficiente para calquera tipo de prestación.




- Durante a percepción da prestación contributiva o traballador cotizará polo 100% do importe da cota que lle corresponder, descontándoselle da prestación.

SUBSIDIO POR DESEMPREGO

- Modificación do apartado 1 do artigo 215: O Subsidio para Maiores de 52 anos, que unha persoa podía cobrar até a súa xubilación, pasa a ser Subsidio para Maiores de 55 anos. Agás a idade, o resto de requisitos non varían.

Esta media garante a miseria para milleiros de persoas, que se verán sen ningún tipo de ingresos até cumprir os 55 anos. Poñamos un exemplo bastante común, unha persoa de 47 anos que traballou toda a súa vida desde ben mozo, e que agora non dá atopado un emprego. Até a aprobación desta lei, e supoñendo que a situación de desemprego se mantivese constante, o seu percorrido normal nas prestación sería este: 2 anos de prestación contributiva; 6 meses de subsidio especial para maiores de 45 anos (agora tamén eliminado); 1 mes de espera; no caso de ter cargas familiares, 30 meses de subsidio por esgotamento da prestación. Xa tería os 52 anos e podería pasar ao Subsidio para Maiores de 52 anos até a súa xubilación. Coa modificación que presenta este Real Decreto-lei, esta persoa tería que esperar 3 anos e medio até se poder acoller ao novo Subsidio de Maiores de 55 anos. Aínda que puidese cobrar a RAI (11 meses), esta axuda asistencial non pode cobrarse dúas veces seguidas, tendo que deixar pasar un ano entre que finaliza unha e empeza a segunda, polo que, polo menos, habería 12 meses en que esta persoa non tería ningún ingreso. Máis unha medida encamiñada ao aumento da miseria.

- Modificación do artigo 217. Agás nos casos do subsidios para emigrantes retornados, liberados de prisión e expediente de revisión de invalidez, a contía do subsidio de desemprego será proporcional ás horas traballadas. Até agora se cobraba o 100% do subsidio (426 €) independentemente das horas traballadas no/s contrato/s que xeraran o dereito ao subsidio.
Por exemplo, unha persoa cun contrato parcial do 12% da xornada e de 6 meses de duración, que até agora cobraría 426 €/mes, pasaría a percibir 51,29 €/mes. Vemos canto razón tiña esa representante burguesa cando berraba «Que vos fodan!».

- Derrogación do apartado 1.4 do artigo 215. Elimínase o Subsidio Especial para Maiores de 45 Anos. Este subsidio cobrábase cando unha persoa, con ou sen cargas familiares, esgotaba unha prestación contributiva de 720 días, dous anos. A súa duración era de 6 meses. Após a súa finalización, había que facer un mes de espera e pasar a cobrar o subsidio por esgotamento do paro, dependendo a súa duración dos meses de paro ao que se tivo dereito e se a persoa tiña cargas familiares ou non.

- Os subsidios que coticen por xubilación (realmente o único que o fai é o subsidio para maiores de 55 anos) farano pola base mínima, cando até agora o facían polo 125% da base mínima.

- A respecto do subsidio por desemprego, para o cálculo das rendas e responsabilidades familiares aplicarase sobre o patrimonio improdutivo o 100% do interese legal do diñeiro vixente, fronte ao 50% que se facía até agora.


Principais modificacións do Real Decreto 1369/2006, de 24 de novembro, polo que se regula o programa de renda activa de inserción para desempregados con especiais necesidades económicas e dificultade para atoparen emprego (RAI):


- Modificación da letra c) do apartado 1 do artigo 2. Agás para o caso de emigrantes retornados que cotizaron un mínimo de 6 meses no estranxeiro e o caso de persoas vítimas de violencia de xénero ou doméstica, agora o resto de modalidades da RAI (a inmensa maioría; a modalidade de persoas con máis de 45 anos, cun anos de permanencia como demandantes de emprego e sen superar uns límites de rendas, e a modalidade de persoas cunha discapacidade superior ao 33%, tamén cun ano como demandantes de emprego e que non superen os límites de rendas) requiren que a persoa cobrase algunha vez na súa vida algunha a prestación de desemprego ou algún subsidio de desemprego (para nos entendermos, o paro ou a axuda). Lembremos que a RAI non é entra na categoría de subsidio, polo que non conta. Se unha persoa cobrou unha RAI e nunca cobrou paro ou axuda, xa non poderá cobrar unha segunda RAI (agás nos casos de violencia de xénero, violencia doméstica ou emigrantes retornados).

No caso máis común, o da persoa que leva moitos anos sen traballar, ou que nunca traballou, e que estivo pacientemente selando durante un ano a súa tarxeta de desemprego, agora xa non vai poder cobrar a RAI. A oligarquía precisa eses cartos.

- Modificación da letra c) do apartado 1 do artigo 2. Ao requisito de permanecer un mínimo de 365 días como demandante de emprego (traballando menos de 90 días non se perde esta antigüidade) hai que engadirlle agora a prohibición de saír ao estranxeiro en ningunha circunstancia. Nin buscar traballo, nin estudar, nin visitar a un familiar enfermo. Nin 15 días nin 1 día.
5 Comments:
  • At 7/15/2012 10:52:00 da manhã, Anonymous Negradas said…

    E IMOS SEGUIR PARADOS COMO ATÉ AGORA! ÍMONOS CONFORMAR CUNHA FOLGA XERAL DE CANDO EN VEZ?
    POR UNHA FOLGA XERAL INDEFINIDA!

     
  • At 7/15/2012 11:00:00 da manhã, Anonymous Anónimo said…

    Bo traballo!

     
  • At 7/15/2012 02:24:00 da tarde, Anonymous Anónimo said…

    Unha cousa. Eu cobro a rai por minusvalia, cobreina 1 vez e estou cobrando outra prorroga de 11 meses. Acabo os 11 meses o 10 de novembro. ¿Enton non teño dereito a outrea?
    Gracias.

     
  • At 7/15/2012 10:20:00 da tarde, Blogger estoutras@yahoo.com said…

    En resposta ao último anónimo.

    A RAI pódese cobrar até tres veces. Ti vas pola segunda (non é unha prórroga, é unha nova RAI), e as dúas foron aprobadas a ter en conta o R.D. 1369. Agora unha nova RAI terá que se basear nas modificacións contidas no Real Decreto-lei aprobado hai uns días. Aténdonos ao contido literal do mesmo, e á marxe de posíbeis regulamentos de ampliación e dos criterios de aplicación que manexe o SEPE, xa non terías dereito a unha terceira RAI. No teu caso, por ter discapacidade, para poder cobrar a RAI terías que vir dun esgotamento dunha prestación, contributiva ou asistencial.

    De todos os xeitos, aconsellámoste que para saíres de dúbidas consultes nunha Oficina de Prestacións.

     
  • At 7/16/2012 05:04:00 da tarde, Anonymous Anónimo said…

    Como ben dicides, ollo ao que digan despois os regulamentos, que son como o Sil, mentres outros levan a fama, estes levan a lá.
    Ao fin ao cabo, son a interpretación práctica das leis.

    Unha aperta!

     

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.

<< Início
 
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com