Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Unha doutora do Sergas exixe a familiares dun moribundo que non falasen en galego na súa propia casa
26/07/2012
Sermos Galiza

“No te tengo por qué entender y me tienes que hablar en castellano”, exixiu a doutora cando realizaba a atención no domicilio do paciente, en Oleiros. Un familiar denunciou os feitos ante o Sergas

O galego? Nin na propia casa, esa república independente que din desde Ikea. Non tan independente se te visita unha doutora do Sergas para atender a un paciente e lle dá por recriminarche que fales no teu idioma e exixirche que te dirixas a ela en español. Isto pasou (certo, pasou, non é unha brincadeira) en Oleiros, segundo vén de denunciar a Mesa pola Normalización Lingüística. Unha doutora do servizo de emerxencias do Sergas nesa localidade, ao observar que nese fogar utilizaban o galego exixiu a un dos familiares: “No te tengo por qué entender y me tienes que hablar en castellano”.



A Mesa reclama que o Sergas responda a esta denuncia cunha “investigación a fondo e as medidas disciplinarias correspondentes” xa que se trata dunha “discriminación moi grave, non só no plano lingüístico, pois prodúcese nunha situación de especial vulnerabilidade”. Ademais, a maior asociación cultural de Galiza responsabiliza directamente ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de que haxa unha “maré de discriminacións contra o galego na Administración autonómica”, froito das “reiteradas mensaxes galegófobas do goberno”.

A Mesa achega tamén o escrito de denuncia que entregou un familiar afectado perante a Xunta:

 Quero presentar unha queixa contra a actuación dunha médico do servizo de urxencias sanitarias do Sergas por uns feitos producidos o día 29 de xuño de 2012 (a médico anotou o día 26/06/12). Segundo o parte que lles adxunto chámase Isabel Álvarez. Previamente a asinar este, negouse a se identificar por nome ou número de empregada.

 O suceso tivo lugar [...] no concello de Oleiros. Esta vivenda é propiedade do meu tío materno e a súa muller. Meu avó materno, que é o paciente identificado na “HISTORIA CLÍNICA DE EMERGENCIAS”, estaba a convulsionar e todo indicaba que ía morrer en breve. Con 89 anos, padecía un cancro de páncreas con metástase en fígado e ril esquerdo, e en sucesivas consultas de emerxencias no CHUAC polas complicacións da súa enfermidade, xa nos informaran reiteradas veces de que estaba en fase terminal.

Tras solicitar asistencia médica, presentáronse a médico identificada como “Isabel Álvarez” e dous homes, supoño que enfermeiros ou técnicos sanitarios. Recibinos eu mesmo e indiqueilles que meu avó estaba a morrer. Os tres entraron no domicilio e no cuarto en que el se atopaba. Na casa tamén estaban presentes meus pais e meus tíos. A médico comezou a dicir “sí, se está muriendo” e fíxenlle xestos para que falase en voz baixa, posto que tan só uns minutos antes meu avó dera sinais de ser quen de entender o que se lle dicía. Ela dixo “no escucha”, pero saíu fóra do cuarto e preguntou que medicación tomaba. Eu indiqueille que o máis relevante seguramente fosen uns parches dun derivado da morfina que nos deran para tratarlle a dor, e miña tía foi buscar os papeis onde tiña anotados o resto de medicamentos, que agás outro sedante en forma de comprimido, non tiñan relación co cancro. Ela dixo que se a situación se alongaba podía darlle algo máis para non prolongar o sofremento.
A médico dirixiuse a min novamente para me preguntar cando dera sinais de ter dificultades para respirar, e cando comecei a respostar cortoume dicindo “Hábleme en castellano”, ao que eu respostei “Como?”, sinxelamente porque non o agardaba. Ela respostou “Que si me puede hablar en castellano”. A miña resposta foi: “Non, e en todo caso sería eu quen lle podería pedir que me atendese en galego, pero non é o intre de falar diso”. Ela reaccionou erguendo a voz e dicindo de xeito chulesco “Mira, es que no te tengo por qué entender y me tienes que hablar en castellano porque no soy gallega”. Eu resposteille dicindo que eu falaba como me daba a gana, que se traballaba aquí tiña que saber galego –posto que teño entendido que se esixe cando menos un certificado do CELGA para traballar no SERGAS–, e pedíndolle o seu nome ou número de identificación para pór unha queixa contra ela. A súa resposta foi dirixirse aos meus tíos e dicirlles case berrando: “Saquen a esta persona de aquí”. A resposta da miña tía foi que non me podían sacar de alí porque estaba na miña casa. Eu deille as costas, para evitar unha discusión absurda que puidese chegar a prexudicar a meu avó e achegueime á entrada do cuarto onde el seguía a afogar. Meus pais e tíos amosáronlle o listado de medicamentos que tomaba, mentres ela non lles facía caso e dicía “Debe estar muy nervioso, ¿no?” e outras cousas semellantes en vez de atender a situación. En minutos, meu avó morreu, antes de que se lle subministrase nada.

Considero que o feito de que unha empregada pública do Servizo Galego de Saúde esixa que empregue o castelán é unha vulneración moi seria dos meus dereitos lingüísticos. Coido que non foi honesta ao dicir que non entendía, pero tanto se realmente é así como se actuou por fanatismo ou odio contra o galego penso que non debería estar a traballar no SERGAS. O que si deixou moi claro é que estaba máis que disposta a aproveitar unha situación tráxica para tentar imporse, chegando ao extremo de pretender que se me afastase do leito de morte do meu avó.

Solicito a apertura dun expediente disciplinario contra esta persoa e que se lle apliquen as sancións que correspondan, posto que as circunstancias fan que a maiores dun ataque grave aos meus dereitos ligüísticos tamén se poida falar de danos morais graves. Podo presentar testemuñas do acontecido e querería ser informado das medidas adoptadas.
2 Comments:
  • At 7/26/2012 06:24:00 da tarde, Anonymous Negradas said…

    A este paso imos ter que pedir perdón por falar a nosa lingua. O racismo linguístico medra día a día.

     
  • At 7/27/2012 02:26:00 da tarde, Anonymous Anónimo said…

    CIG-Saúde reproba a actitude da facultativa que esixiu que non lle falaran galego e esixe da Administración que asuma as súas responsabilidades
    Venres, 27 Xullo 2012 10:11 |

    Desde CIG-Saúde, ante a noticia que saltou onte aos medios de comunicación sobre unha facultativa do SERGAS que esixiu a familiares dun moribundo que non lle falaran en galego e o fixeran en español, queremos manifestar:

    2197145w1º O noso rexeitamento á actuación desta facultativa vulnerando dereitos lingüísticos, sobre todo nun momento tan sensible como é a agonía dunha persoa. Non é de recibo que nun momento de sufrimento coma ese, unha profesional do SERGAS teña máis preocupación pola lingua na que falan os familiares do paciente que pola propia situación deste. Ante unha situación de dor e de dó como era esta, un profesional debe atender a globalidade do paciente e a familia, e os aspectos psicolóxicos desa terrible situación inclúen a lingua na que se expresan as persoas, porque as cousas non se expresan igual na lingua habitual, na lingua materna, que nunha lingua allea.

    2º Gustaríanos lembrar que unha das primeiras actuacións do goberno do señor Núñez Feijoo (unha das primeiras da lexislatura, e tamén unha das primeiras de tantas medidas contra a nosa lingua) foi eliminar a obrigatoriedade de realización dun exercicio de lingua galega nas probas de acceso á función pública, que inda sendo un débil sistema de demostración de coñecemento da lingua que falan a grande maioría de pacientes do SERGAS por parte dos/as empregados/as públicos/as, era o único requirimento que garantía que as persoas que accedían a traballar na Administración Pública puideran no seu traballo cumprir coa lexislación e ofrecer os servizos da Administración Pública no idioma dos/as usuarios/as. Ao eliminar a obrigatoriedade da proba de galego, substituíndoa polos certificados Celga ou os seus equivalentes, os antigos certificados dos cursos de iniciación e perfeccionamento, o que fixo o señor Feijoo foi facilitar que accederan á función pública persoas que, podendo ser boas profesionais, non tiñan os coñecementos de lingua galega necesarios para atender unha poboación que maioritariamente fala galego, e, polo tanto, para garantir os seus dereitos lingüísticos.

    3º Inda que a actitude da profesional que atendeu ao paciente moribundo e á súa familia é totalmente reprobable, e agardamos que se depuren responsabilidades, gustaríanos saber se esta persoa tivo nalgún momento, como cabería esperar dunha Administración Pública que debe garantir os dereitos lingüísticos dos/as usuarios/as, acceso a formación en lingua galega. Estamos totalmente seguras/os de que non, porque precisamente o SERGAS, que incorpora ademais frecuentemente persoal de fóra da Galiza, non se caracteriza por ofrecer demasiada formación, e moito menos sobre lingua galega. Polo tanto, a primeira obriga da Administración é facilitar o acceso do persoal ao coñecemento da lingua galega e explicar e esixir dese persoal que utilice a lingua galega para dirixirse a aqueles/as usuarios/as que a teñen como lingua de uso, tal é como está establecido na lexislación.

    4º Agardamos que se aclare a situación que se deu, que se resarza a esa familia no posible (pois hai danos que son irreparábeis) e que se tomen as medidas oportunas conducentes a garantir que TODO o persoal do SERGAS posúa os coñecementos necesarios en lingua galega e coñeza e asuma a súa responsabilidade como dadores de servizos públicos para garantir os dereitos lingüísticos dos/as usuarios/as.

     

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.

<< Início
 
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com