A policía detén o rapeiro mallorquín Valtonyc polas letras das súas cancións
23/08/2012
Sermos Galiza
Tras varias horas en comisaría, Josep Miquel Arenas, Valtonyc, foi posto en liberdade mais con cargos
Non é algo novo no Estado español. Sábeno ben desde grupos de música como Negu Gorriak, Reincidentes ou SA até pallasos como Pirritx eta Porrotx. E cómpre non esquecer a Suso Vaamonde. As letras do que cantas pódenche crear problemas, e non poucos. Vén de sabelo, hai unhas horas, un rapeiro de Mallorca, Josep Miquel Arenas, Valtonyc, que foi detido pola policía española por mor do que canta, letras contundentes contra a monarquía, a clase empresarial... Todo iso en catalá, claro, máis un 'valor' á hora de ser sospeitoso. Foi posto en liberdade e imputado de dous delitos.
Segundo informan diversos medios, a detención do rapeiro deriva da denuncia da organización Círculo Mallorquín, que considera que as letras do artistas aldraxan diversos estamentos e entidades do Reino de España, alén de entenderen que ameaza de morte varios dirixentes do Círculo. Segundo relata no seu twitter o propio Valtonyc, unha vez saído da comisaría, os policías ameazárono: "Tu y tu amigo Pablo Hassel (outro rapeiro combativo) lo vais a pagar caro".
No vídeo que acompaña a noticia, o rapeiro balear leva unha camisola do grupo galego de rock proletario Mencer Vermello.
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions