Avantar
O PP ten preparado xa o borrador do “Proxecto de Real decreto polo que se aproba o regulamento dos procedementos de despedimento colectivo e de suspensión de contratos e redución de xornada”. Un texto co que se pretenden incorporar as modificacións aprobadas na reforma laboral ao Estatuto dos Traballadores/as e que afecta a todos os sectores, incluídas as administracións públicas e, xa que logo, á Xunta de Galiza.
Na senda de liquidación das Administracións Públicas que leva emprendida o PP, introdúcese agora o elemento máis devastador de todos cantos cabía esperar: a regulación do despedimento colectivo no Sector Público .
1°. Se se regula é porque se vai aplicar. Quen ninguén se chame a engano pensando que se trata simplemente dun desenvolvemento regulamentario sen máis. Unha vez que as instancias políticas dispoñan dese instrumento vai ser utilizado.
2°. Afecta a todas as Administracións Públicas incluida á Administración da Xunta de Galiza.
3°. Afecta a todo o persoal laboral, non só a temporais e indefinidos, senón ao persoal laboral fixo que ten superado procesos selectivos para ao acceso a tal condición.
4°. Está en poder da Administración decidir se existen causas de despido colectivo ou non:
- No caso de causas económicas, abonda con infradotar orzamentariamente cun 10% a calquera consellaría ou ente para que se entre nun proceso de despedimento colectivo
- No caso de causas organizativas, abonda con xustificar que o servizo se poida prestar externamente reducindo custos.
5°. O único criterio para priorizar a afectación dos despedimentos vai ser o ter pasado un proceso selectivo. A partir de aí non existen criterios, nin a antigüidade, nin ningún outro, quedando expedita a vía da selección arbitraria por parte da Administración de a quen despedir e a quen non.
6°. Constitúe unha referencia para a modificación do EBEP de cara a rematar coa permanencia dos/as empregados/as públicos/as, especialmente dos funcionarios/as de carreira, que poderían ver como no futuro desaparece calquera garantía neste sentido.
7°. É un paso máis non só para reducir a Administración, senón para privatizala, ao permitir que empresas privadas asuman tarefas desenvolvidas por empregados/as públicos/as.
É tamén realmente preocupante que este borrador, co calado que ten, non fose posto en coñecemento da CIG e tivésemos que ter coñecemento da súa existencia o 1 de agosto na Mesa Xeral de Empregados Públicos da Xunta de Galiza, cando a CIG ten a consideración de sindicato máis representativo e con presenza na Mesa Xeral de AAPP en Madrid e outras organizacións sindicais dispoñen del dende o 27 de xullo.
A CIG rexeita tamén que se veñan de facer alegacións por parte dalgunhas centrais sindicais no lugar de rexeitar de plano este aberrante Real Decreto.
Dende a CIG fan un chamamento a todos/as empregados/as publicos/as a continuar mobilizándose contra todas as medidas de destrución das Administracións Públicas e dos Servizos Públicos.
|