Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Entrevista ao Dr. Baburam do Partido Comunista do Nepal (Maoísta): O rei abandonará o palacio após a primeira sesión da Asemblea Constituínte
21/04/2008


The Kathmandu Post

O ideólogo maoísta, o Dr. Baburam Bhattarai, converteuse no verdadeiro líder do Nepal despois das eleccións á Asemblea Constituínte. Derrotou ao seu opoñente do Congreso Nepalés no distrito de Gorkha, Chandraprakash Neupane, por unha enorme marxe. Afirma que o Partido Comunista do Nepal (Maoísta) non ousará apartarse dos seus compromisos políticos nin que xamais traizoará ao pobo. Considera que os maoístas teñen sobre os seus ombros unha enorme responsabilidade, a de reestruturar o país na dirección da prosperidade económica.

O Dr. Baburam Bhattarai, un ex alumno da Universidade de Jawaharlal Nehru, non está sorprendido polos resultados das eleccións á Asemblea Constituínte. Argumenta que o PCN(M) cambiou a realidade do país.


O seu partido emerxeu como o máis poderoso. Como van a desenvolver o seu programa político?

Desde sempre fixemos forza para que se convocasen eleccións á Asemblea Constituínte, que finalmente se celebraron a semana pasada. Durante o período de transición, os sete partidos da alianza de goberno xa chegaran a certos compromisos políticos. Un deles era que chegaríamos a un consenso político para formar o Goberno. Todos os partidos que participaron na elección á Asemblea Constituínte formaran parte do goberno. Agora, a cuestión é quen estará á cabeza. Obviamente, o partido político con máis apoio comandará o novo goberno. Xa que logo, o PCN(M) será o líder da coalición de goberno.

Quen encabezará o PCN(M)? Podería dar o nome do líder?

Non podo responder neste momento. Temos que discutir e decidir quen debe ser o líder. Debemos preparar un proxecto para o novo sistema político. Temos que decidir o destino da monarquía. E só entón poderemos pensar en quen estará á cabeza do PCN(M). A nosa intención é estabelecer un sistema presidencial. Mais non podemos estar seguros até discutir o asunto coas outras forzas políticas. Temos que chegar a un consenso político, porque a Constitución debe ser modificada se queremos crear un sistema presidencial. Sen este consenso político é imposíbel modificar a Constitución. Polo tanto, non podemos simplificar e buscar só un presidente executivo. De darse diferenzas políticas, pode que teñamos que continuar coa actual forma de goberno.

Como o PCN(M), sendo a maior forza política, achégase aos outros partidos políticos para formar o goberno, abolir a monarquía e declarar unha república?

En primeiro lugar, imos manter conversas cos principais partidos políticos. Necesitamos coñecer as súas opinións e puntos de vista antes de formar goberno. Polo momento, temos que traballar no marco interno da constitución, o que require dun consenso político. Imos avanzar sobre esta base. A primeira sesión da Asemblea Constituínte declarará esta país unha República Federal. Para iso debemos desenvolver un consenso político. Despois, a cuestión da formación do novo goberno tamén se debe basear no consenso político. E así proceder á redacción da nova constitución do Nepal.

Ademais destas cuestións, existen outros compromisos políticos, como a Comisión da Verdade e da Reconciliación, a rehabilitación das persoas desprazadas e a modernización das forzas de seguridade. Coido que haberá varios retos e preguntas. Temos que revisar catro cousas de inmediato: seguridade, estrutura política, economía e relacións internacionais. Estas cuestións requiren dun consenso nacional.

Como avalía os resultados das eleccións? Agarda que lles aporten un forte respaldo?

A xente estaba procurando un troco total. Propuxemos unha axenda política para un cambio total durante a década de guerra popular. Temos persoas de diferentes castas, etnias, xénero e de distintas rexións. O programa principal da guerra popular era a reestruturación do estado. Necesitáronse 10 anos de guerra popular para cimentar o noso programa político. O pobo sentía que as estruturas económica e social do país necesitaban dunha completa revisión. Non se poden ollar as cousas cos vellos lentes. Os medios de comunicación e as elites perderon a noción da realidade. Como resultado, os resultados da Asemblea Constituínte sorprenderon a moitos. A realidade cambiou e isto foi o que nos axudou a agromar como principal forza.

O apoio recibido ao seu partido é maior do que agardaba?

Pensabamos que seríamos o partido máis votado, e que, quizais, se conseguiamos un consenso, formariamos o novo goberno. Mais, a maneira coa que conseguimos a vitoria na Asemblea Constituínte fai que sintamos que acadamos máis do que agardabamos.

Porén, sabíamos que os resultados nos favorecerían. Visitei persoalmente 22 distritos, e puiden avaliar a situación tres semanas antes das eleccións. Era visíbel un masivo apoio á nosa organización. Lamentabelmente, os medios de comunicación viron as cousas de maneira contraria. E nós non íamos convencer aos medios até que os resultados o deixaran claro.

Vostede afirmou nunha cadea local de radio que agora soportan a carga de grandes responsabilidades. Que quere dicir?

Considero que temos unha grande responsabilidade porque nós temos que reestruturar un sistema feudal que perdura desde hai 250 anos. Non se pode agardar que isto suceda dun día para outro. En segundo lugar, mentres reestruturemos o estado temos que ter en conta diferentes aspectos, como son a pobreza, o analfabetismo, a saúde e outros. Non temos suficientes recursos como para reorganizar o país do xeito que quixeramos. Van facer falla cando menos 10 ou 15 anos. Enormes desafíos temos por diante.

Como se pode reestrutura o Estado e acadar un crecemento económico nun breve espazo de tempo?

O que necesitamos agora é estabilidade política. Agora, os resultados da Asemblea Constituínte deron esperanzas para a estabilidade política. En segundo lugar, debe existir un forte liderado. Por riba de calquera outra cousa, aínda temos que encomezar a reestruturación do estado. Así que, como podemos pensar na economía? Prometéusenos durante os 30 anos de sistema Panchayat que se abordarían as necesidades do pobo, pero non puido facelo porque era un sistema político imposto polo réxime monárquico para servir aos seus propios intereses.

O sistema parlamentar de despois de 1990 creou unha especie de caos. Non existía unha visión política clara nin podía ofrecer nada. Durante este período de transición, será difícil pensar na prosperidade economía. Só podemos pensar no crecemento económico no período posterior á Asemblea Constituínte. Este mandato acaba de abrir as portas a un futuro para o Nepal. Agora, o traballo é obter o apoio de todos os partidos políticos e manter a estabilidade económica. Isto sería o comezo.

En segundo lugar, os recursos que temos son a terra, a auga, a selva, o campo e as persoas. Coido que a corto prazo non se terminarán os recursos, mais precisamos de apoio externo en tecnoloxía e coñecementos. Estou certo de que se traballamos realmente xuntos, podemos acadar un rápido crecemento económico en pouco tempo.

China adoptou unha política económica liberal. Acadou un notábel crecemento económico nos últimos 30 anos. En que medida pensa que podemos seguir o modelo de China?

China eliminou o réxime feudal durante o período de Mao. Estabeleceu unha base sólida de crecemento económico. Podemos pensar nun rápido progreso económico do país cando nos liberemos do antigo sistema feudal. Coa inxección de novas tecnoloxías, estaremos sentando as bases do crecemento económico. Cando reestruturemos o Estado, e xunto coa participación do sector privado, será posíbel acadar un rápido crecemento económico. Aplicaríamos unha política económica de transición durante un período provisional, que consiste na asociación do público e do privado.

Actualmente estamos vendo un patrón de fuga de capitais. Como van deter isto?

Non podemos pensar no desenvolvemento deste país en ausencia de investimentos nacionais e estranxeiros. O desenvolvemento tecnolóxico ten a mesma importancia. Da nosa parte, temos que dar seguridade aos inversores e crear un entorno propicio para estes, sexan nacionais ou estranxeiros. E tamén coido que imos poder resolver as diferenzas entre os traballadores e a dirección. Sen resolver estas cousas, non poderemos crear unhas mellores condicións para os investimentos. En poucas palabras, recoñecemos a lexitimidade da participación dos traballadores na xestión.

En segundo lugar, temos que identificar as areas para os investimentos e crear as infraestruturas necesarias. Hai que centrarse nos sectores produtivos.

Aumentará a participación do Estado nas actividades económicas a partir de agora?

O estado debe desempeñar o papel de facilitador. O estado non pode intervir nas actividades comerciais. Alentarase aos inversores para aumentar a produtividade e xerar oportunidades de emprego.

Vimos, sobre todo desde a restauración da democracia en 1990, como os partidos políticos recompensaban aos seus cadros con postos de traballo na burocracia e noutros sectores. Como van planificar a reestruturación da burocracia e doutros sectores?

Debemos, a toda costa, reestruturar a burocracia e o poder xudicial, xa que sempre foron instrumentos da monarquía. Mais debemos seguir certas normas. Temos que reformar as forzas de seguridade coa integración do Exército de Liberación Popular e do Exército Nepalí, como parte do proceso de paz. Só se pode pensar en encetar o proceso de reestruturación despois de que se suprima a monarquía. Pero todo isto está aberto á discusión. Queremos reformar a burocracia e outros sectores dun xeito democrático.

Vostede afirmou que Nepal non precisaba dunhas forzas de seguridade numerosas. Mais se se vai integrar aos combatentes maoístas e ao exército, vai ficar un exército enorme. Pensa que Nepal necesita un gran Exército?

O número de efectivos das forzas de seguridade despois da integración superará os cen mil. Debemos reducir o número nun prazo longo. Coido que sería útil, no canto dun enorme exército, crear milicias para defender o país en tempo de guerra.

As enquisas dan un pobres resultados ao Partido Comunista do Nepal - Unificación Marxista Leninista. Prevé un único partido comunista nun futuro próximo?

Até hai pouco, existían tres forzas políticas: os monárquicos, os socialdemócratas (que representan á burguesía) e os de esquerda. Coido que só existirán dúas forzas nun futuro: o Congreso Nepalés, que representa aos ricos, e a esquerda, que representa aos pobres. O Congreso Nepalés ten a súa propia postura política. Non vai perder a súa identidade, xa que ten unha clara visión da súa política.

Porén, o PCN-UML non ten ningunha posición política. Nin representa aos ricos, nin ás masas. É un eunuco malia que sigue a identificarse como un partido comunista. Perdeu a súa identidade. Non pode permanecer por máis tempo. Agora, o PCN(M) asentouse como o partido comunista. Darémoslles a benvida aos cadros do PCN-UML ao noso partido.

Canto tempo fará fallar para o proxecto dunha nova constitución?

Tardarase aproximadamente dous anos. Mais o xeito de proceder vai depender tamén das outras forzas políticas. Temos que rematar a nova constitución canto antes de xeito que nos podamos centrar na economía.

Algúns coidan que os maoístas van manter a monarquía como unha institución cerimonial. Que pensa?

O que sorprende é que algúns pensen que imos manter a monarquía, cando xa deixou de existir. Non está en cuestión a fin da monarquía. Fixemos algúns achegamentos con nacionalistas monárquicos. Mais iso non significa que vaiamos manter a monarquía. A monarquía xa deixou de existir nas nosas mentes.

Cando abandonara o rei o Palacio Narayanhiti?

O rei ten que saír do Palacio Narayanhiti inmediatamente despois de proclamar a república. É un acordo da alianza dos sete partidos. O rei abandonara o palacio xusto despois da primeira sesión da Asemblea Constituínte.


Ler entrevista

Etiquetas:

3 Comments:
  • At 4/22/2008 08:22:00 da manhã, Anonymous Anónimo said…

    Agardemos que non boten por terra os dez anos de guerra popular. É agardemos que iso de sectores privados + sector público non vaia alén dunha etapa transitoria. Lembrades o NEP? A ver...

     
  • At 4/22/2008 08:36:00 da manhã, Anonymous Anónimo said…

    Pois a min non me convencen as respostas

     
  • At 4/22/2008 11:42:00 da manhã, Anonymous Anónimo said…

    Home, cústame crer que tantos centos de combatentes comunistas deran as súas vidas para unha simple modernización do capitalismo. O que me mosquea é o de tanto consenso.

     

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.

<< Início
 
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com