Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

Por que venceron os maoístas no Nepal?
08/05/2008

Rexurdimento republicano no Nepal guiado pola bandeira roxa

Lal Bahadur Singh
Liberation, órgano central do Partido Comunista da India (Marxista-Leninista)
Maio 2008

"Nepal abraia ao mundo: votación pacífica, participación do 60%", este era o titular do Kathmandu Post, o xornal nepalés máis lido, o 11 de abril, a mañá das históricas eleccións á Asemblea Constituínte. Foi abraiante, por suposto, que as eleccións nun Nepal desgarrado polas loitas civís se celebraran nunha atmosfera pacífica, e que houbera unha participación tan elevada. Porén, o realmente abraiante chegaría unhas horas despois, cando na media noite dese mesmo día se soubo que unha Estrela Roxa florecía sobre o Sagarmatcha, é dicir, o Everest, o punto máis alto do mundo, no antigo Reino do Himalaia.

Nun irónico cambio, nun momento no que a xente especulaba sobre se os maoístas aceptarían o veredicto ou volverían á selva ante a, para algúns, máis que segura derrota, cando o ex presidente de Norteamérica, Carter, citando a súa experiencia na Nicaragua sandinista, afirmaba ao mundo que os maoístas lle aseguraran que aceptarían o resultado, aínda que saísen derrotados, e así moitos máis, o pobo do Nepal catapultou aos maoístas ao poder.

En efecto, a miope visión das clases medias creadoras de opinión no Nepal, como tamén os medios de comunicación e os poderes da India e do resto do mundo, até que foron evidentes os resultados, predicían unha vitoria do Congreso Nepalés ficando os maoístas nun modesto terceiro posto.

Mais estar en Katmandú eses días, servía para comprobar a emoción que sacudía o Nepal, nun momento histórico de transición política da monarquía á república, e isto baixo o liderado dos comunistas revolucionarios.

"Dundubhi Baji sakeko chh
Gandiv Uthisakeko Chh
Ekaishon Shatabdi ko yo Mahabharat Ma
Aaj, Aeuta Abhishapta kalo Yug Astaunaiparchh
Aaj ko Kuruchhetrama Pani
Satya, balidan, Nyay Ra samanta Ko jit Hunaiparchh
Aaj, Aek Jugma Aune Tyo Aek Din Ho
Jasle Ulatpulat, Uthalputhal ra Herpher Nyaujaiparchh"

(Lema maoísta pintado nos muros, baseado na imaxinería do Mahabharata, que chama ao pobo a levantar o arco e facer soar as trompetas; para garantir a vitoria da "verdade, sacrificio e xustiza" no Kurukshetra (campo de batalla); para acabar coa opresión feudal; e trocar o mundo para poñelo no carreiro correcto. Trátase dunha visión popular da enérxica propaganda que axitou o Nepal neses tormentosos días.)

O veredicto do pobo foi igualmente abraiante e inesperado para os partidos políticos. Vendo esta esmagadora vitoria dos maoístas sobre o resto, non volveron insistir nun sistema de representación proporcional onde os maoístas terían a maioría.

Porén, a lenda dos muros é clara para calquera que a queira ver. Os maoístas queren un grande cambio. Ao longo da rota que vai de Birgang, a porta de entrada ao Nepal pola fronteira india, a Katmandú, atopamos audaces e fermosos murais elaborados polos maoístas exhortando ao pobo a participar nas eleccións á Asemblea Constituínte para construír un Estado federal, unha república democrática, abolir a monarquía e converter a Prachanda no primeiro presidente republicano do Nepal. Os desprazamentos continuos dos cadros da Liga da Xuventude Comunista en furgonetas ataviadas con bandeiras vermellas, o uso da fouce e o martelo rodeados por un círculo (símbolo electoral do Partido Comunista do Nepal -PCN(M)-) nas súas roupas ou incluso pintados nos seus corpos, podían ser vistos por todos. Cando entramos en Katmandú, o primeiro comentario que escoitamos dun condutor dun autobús urbano xa nos deu pistas do que ía suceder. No momento que se decatou do noso interese polas eleccións, a súa improvisada, alegre e confiada reacción foi: "Yahan a maovadi jeetenge" (Os maoístas están gañando aquí).

Mentres camiñamos polas rúas de Katmandú, atopamos os distintos patróns sociais e as súas preferencias partidarias. As clases superiores apoian ao Congreso Nepalés, as clases medias e os empregados, apoiaron ao Partido Comunista do Nepal (Marxista Leninista Unificado) -PCN(MLU)-, e a clase baixa, masas de traballadores non organizados e mozos traballadores, apoian ruidosamente aos maoístas.

Moitas teorías liberais comezan a agromar para explicar a vitoria maoísta: van desde as que falan dun voto de castigo; os que falan dun "voto polo cambio"; outras que entran de cheo na difamación falando de vitoria da táctica do terror e das intimidacións dos cadros da Liga da Xuventude Comunista. Incluso hai algunhas teorías divertidas que suxiren que o pobo deu a vitoria aos maoístas para que estes non retornen á selva e retomen ás armas! O certo é que a vitoria maoísta é produto da propia lóxica dos principais acontecementos políticos, especialmente da demolición virtual da monarquía de Janandolan II en novembro do 2006.

É obvio que para o pobo nepalés, o lastre da monarquía feudal converteu ao Nepal nun país enormemente atrasado e un gorentoso couto de caza para as forzas imperialistas e o hexemonismo da India durante séculos, que deron lugar a desiguais e humillantes tratados. A axenda política ten desde hai moito tempo como principal eixo o derrocamento da ditadura. Como o Congreso Nepalés ocupaba a primeira liña de batalla pola democracia durante os anos 50, a xente apoiaba ao Congreso, converténdose na principal forza política. Mais non tardou tempo a monarquía autocrática en consolidar o seu poder, gobernando con man de ferro durante os seguintes tres decenios. Na seguinte vaga de loitas contra a monarquía, ao comezo dos anos 90, o PCN(MLU) desempeñou un papel decisivo, colaborando, por suposto, co Congreso Nepalés. Nese momento o PCN(MLU) xurde como unha grande forza política. Porén, aínda que debilitado polo heroico movemento popular, o rei resistiu. Co seu dominio sobre o exército aínda intacto, foi, a modiño, manobrando ao seu favor. Os parlamentarios oportunistas seguiron o xogo do monarca, corroendo a autoridade moral dos seu partidos políticos, que ficaron presos das maquinacións da Coroa. No canto de rematar a axenda inconcluso de estabelecer unha república sobre as ruínas da monarquía, defenderon a continuación do sistema. Como o partido dos burgueses terratenentes, esta posición era moi lóxica para o Congreso Nepalés, pero o PCN(MLU) tampouco fixo nada por conseguir un cambio radical e saír dese punto morto. Foi nese decisivo momento de paralización da loita pola república, cando o PCN(M) abandeirou de maneira clara unha batalla sen concesións contra a monarquía, cara ao estabelecemento dunha República, rexeitando incluso a proposta dos outros partidos de manter ao rei como unha figura cerimonial.

E con este lema central, os maoístas espertaron e mobilizaron, especialmente, ás grandes masas rurais e á xuventude. Coa esperanza dun novo Nepal, unha República Democrática do Nepal, un Estado soberano, un pobo libre da servidume e do atraso, para deixar de ser unha despensa para os imperialistas e finar coa humillación. Gañándose ás masas rurais, conseguiron privar á autocracia do que até ese momento fora o seu principal sostén. Así facilitaron o camiño para o derrube do lastre da monarquía, como unha árbore podre, sen raíces nin abono! O resto foi obra da arrogancia do propio rei: calculando mal o seu sanguento auto golpe de estado e, máis tarde, monopolizando o poder nas súas mans e eliminando calquera mínima aparencia de democracia co pretexto de esmagar aos maoístas. Deste xeito, foi el mesmo quen colocou o último cravo do seu ataúde.

Nesta guerra contra o pobo do Nepal, o monarca tivo o apoio da potencia máis poderosa do mundo, os Estados Unidos, e, por suposto, como o tempo probou, dos gobernantes da India coa súa famosa teoría dos "dous piares". Os Estados Unidos ofrecéronlle abertamente todo tipo de axuda, cooperando co sistema autocrático co gallo da loita contra os maoístas. Mentres o rei ofrecía unha recompensa de 5 millóns de rupias pola cabeza de Prachanda, os Estados Unidos incluían na súa lista de grupos "terroristas" ao PCN(M) e vendía armas ás forzas leais á monarquía. Os maoístas asinaron unha grande alianza con outras forzas antimonárquicas, reforzando o enfrontamento entre os republicanos e os monárquicos. Deste xeito, os maoístas son percibidos como os principais arquitectos do heroico levantamento popular contra o rei.

É curioso comprobar como o goberno indio e incluso algúns líderes do PCI(M) se dan palmadiñas nas costas a si mesmos por aconsellar aos maoístas renunciar á violencia e "unirse á corrente principal". No Nepal, é evidente que os maoístas son a nova corrente principal, mentres que a chamada corrente principal da que falaban os gobernantes indios é agora un regato seco. A dicotomía entre a loita armada fronte ás eleccións é falsa; é evidente que a esencia dos maoístas reside na súa correcta orientación política: a súa intransixente loita contra a monarquía. O método de loita elixido en cada momento respondeu ás esixencias políticas das diferentes conxunturas. As experiencias dos maoístas nepaleses son de moita axuda para os maoístas indios, que permanecen afastados das cuestións cruciais na política india e das arelas inmediatas do pobo. Os maoístas indios amosaron desconcerto ante os cambios de táctica dos maoístas nepaleses cando decidiron saír á superficie, formaron na alianza de sete partidos para encetar un movemento de masas e decidiron participar nas eleccións. A experiencia dos maoístas nepaleses tamén mostra un claro contraste co PCI(M): lonxe de ir detrás de formacións políticas burguesas, o PCN(M) liderou a loita pola República e polo movemento democrático, mentres que as formacións das clases dominantes vacilaban e arrastraban os seus pes como teñen por costume.

(...)

Só podemos agardar e observar a traxectoria da nova República, e o papel dos comunista do Nepal no camiño cara á democracia popular e o socialismo. Mais o mundo foi testemuña de que o éxito da consumación dun movemento popular de masas que pula pola República é obra exclusiva dos comunistas. Eses comunistas que están etiquetados como "terroristas" pola "democracia máis grande do mundo", os Estados Unidos (cando son eles os que son vistos como terroristas polos pobos do mundo!).

(...)

Nunha sociedade onde o nivel de submisión ao monarca foi tal até o día de onte que os candidatos parlamentares, os posíbeis representantes do pobo, procuraron as beizóns do rei, ofrecendo unha moeda aos seus pes, a abolición da monarquía é pouco menos que un milagre, un milagre logrado polo pobo nepalés. Saudamos esta grande vitoria do pobo nepalés e das forzas republicanas, desexando o éxito dos comunistas do Nepal que se enfrontan a numerosos e complexos desafíos no seu camiño cara á democracia e o socialismo.

Ler máis

Etiquetas:

0 Comments:

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.

<< Início
 
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com