Destacados
Principais cambios nas prestacións por desemprego (xullo 2012)
Actualizado o 28 de xullo coas modificacions a respecto dos contratos a tempo parcial e a súa compatibilidade coas prestacións

A insurrección siria no seu contexto
Stephen Gowans

Libia e os medios de comunicación "alternativos"

Libia: o Imperialismo e a Esquerda
Stephen Gowans

Khrushchev Mentiu, o libro de Grover Furr agora en inglés

Georgian Times entrevista a Grover Furr

As Tres Bagoas do Mundial

Como en Grecia: érguete e anda

Sete toneladas de Lenin en Seattle

Liberdade Arenas!

Novo couce á Historia: a OSCE aproba declarar o 23 de agosto Día das Vítimas do Estalinismo e o Nazismo

Holodomor:
Falsificando a Historia
Biblioteca
Marxista-Leninista

Textos

O marxismo e a cuestión nacional vasca
26/06/2008

Publicado no ano 2000 pola antiga EHK

Unha das máis importantes razóns polas que somos marxistas-leninistas é a extraordinaria precisión coa que o MARXISMO-LENINISMO permite comprender (e ademais transformar nun sentido democrático e liberador) a cuestión nacional, que atravesa de maneira central a todas as clases e toda a vida de Euskal Herria.

Á vista do avance das ideas e das propostas cada vez mais dereitistas, que afecta a antigos militantes marxistas, hoxe derrotados e arrepentidos, queremos rescatar os aspectos chaves da ideoloxía revolucionaria da clase obreira ante a cuestión nacional.

Ademais, queremos analizar brevemente a cuestión nacional vasca á luz destes aspectos. Coidamos fundamental que as masas populares e as organizacións que integran o Movemento de Liberación Nacional Vasco (MLNV) ademais de toda a clase obreira e todo o Pobo, fagan súas, como dun compás na montaña ou no mar, estas ideas, este método e estes valores á hora de afrontar de xeito democrático este problema tan central.


I. QUE DIN OS AUTORES MARXISTAS SOBRE A CUESTIÓN NACIONAL?

A) Marx e Engels

Marx e Engels son os primeiros en unir a liberación das clases e sectores oprimidos pola explotación económica e a liberación das nacións sometidas. Moitos anticomunistas interpretan segundo os seus intereses a frase do Manifesto Comunista «os obreiros non teñen patria. Non se lles pode arrebatar o que non posúen» (Manifesto do Partido Comunista).

Baixo o capitalismo os obreiros non teñen patria nin poder nin medios de produción nin nada; son a clase oprimida e para liberarse deben «en primeiro lugar conquistar o poder político, elevarse á condicións de clase nacional, constituírse en nación». Marx e Engels aspiran a sociedades onde a Nación non se identifique coas castas gobernantes ou con oligarquías poderosas, senón coa clase traballadora. Volve repetir esta idea central noutra das súas obras: «O desenvolvemento do proletariado industrial está condicionado, en xeral, polo desenvolvemento da burguesía industrial. Baixo a dominación desta, adquire aquel unha existencia a escala nacional QUE PODE ELEVAR A SÚA REVOLUCIÓN A REVOLUCIÓN NACIONAL» (A loita de clases na Francia de 1840 a 1850).

Abolindo o capitalismo explotador abólese a opresión nacional: «Na mesma medida na que sexa abolida a explotación dun individuo por outros, será abolida a explotación dunha nación por outra. Ao mesmo tempo que o antagonismo das clases no interior das nacións, desaparecerá a hostilidade das nacións entre si». Estas frases xeniais sitúan aos seus autores entre os pensadores máis destacados da liberdade nacional. Mais non se limitaron a escribilas. Loitaron activamente durante toda a súa vida en contra da opresión das nacións oprimidas da súa época a mans dos grandes imperios. Nun congreso da I Internacional Obreira en 1886, Marx defende unha Polonia independente da Rusia. Engels, en 1882, escribe que Polonia debe deixar de estar sometida e dividida para que a súa clase obreira poda desenvolverse.

O escritor comunista inglés Ralph Fox, que morreu combatendo heroicamente contra os franquistas españois nas Brigadas Internacionais, escribiu que «ningún historiador burgués ofreceu xamais unha visión tan real e terríbel deste proceso de despoboamento de todo un país (Irlanda), a tentativa de exterminio completo dunha gran nacionalidade, como o fixo Marx... Que ocorrera en Irlanda? Marx explícao perfectamente. Un novo e xigantesco proceso de saqueo. No século XVII, o pobo irlandés estaba sufrindo o saqueo dos colonialistas ingleses das súas propiedades na súa propia terra. A mediados do século XIX continuaban sendo saqueados, e ademais, a finais de século, máis da metade obrigados a abandonar para sempre o seu país...

Nos anos 50, Marx fixo que se coñecera amplamente a postura de Irlanda a través dos seus artigos na prensa alemá e norteamericana. Especial atención prestou á atención en pro dos dereitos dos arrendatarios, denunciando todo o sistema terratenente inglés.» (Marx, Engels e Lenin sobre Irlanda, VOSA, Madrid, 1985, pp. 22, 25, 29).

Marx e Engels distinguen nas súas exposicións dous nacionalismos diferentes: o da burguesía explotadora que busca perpetuar a súa dominación sobre outra nación ou que busca impedir a loita revolucionaria da clase obreira; e o do pobo traballador oprimido e explotado. O sociólogo marxista francés Henri Lefebre (que visitou Bilbo hai anos convidado pola IPES) estuda nunha obra súa a distinción irreconciliábel entre o nacionalismo burgués e/ou fascista e o patriotismo revolucionario (Le nationalismo contre les nations).

O sentimento nacional é ambivalente: ten unha interpretación revolucionaria e outra reaccionaria. Lefebre, seguindo a Marx, interpreta a reaccionaria: «a deificación da nación permite evitar a análise precisa, obxectiva da realidade nacional e dos intereses nacionais no marco europeo e mundial, e confundir o interese da reacción política co do país». Estudando o caso francés, constata que a propaganda fascista sobre a nación impúxose ás veces á solidariedade de clase porque a conciencia de clase foi a miúdo presentada polos marxistas de xeito idealista, como unha conciencia espontánea cando o certo é que debe ser construída mediante unha loita incesante contra o individualismo e o nacionalismo.

Os comunistas de EHK tomamos nota e, como din os nosos camaradas de Iruña, reforzaremos o “Orgullo Proletario”, o orgullo de pertencer á clase que todo o produce e que todo o ten que cambiar porque «só ten que perder ás súas cadeas».

A necesidade de comunidade é máis ampla e máis difusa que a solidariedade de clase polo feito de supervivencias biolóxicas, místicas e patriarcais. A súa tese central é que a loita de clase se identifica coa construción da comunidade nacional popular. Mais que é o destino das clases medias, que foron empobrecidas sen por iso chegar a proletarizarse, o que confire á nación unha indubidábel realidade substancial. Reflexión útil para o caso vasco.

Henri Lefebre simpatizaba coa solución dada pola Revolución Bolxevique á cuestión nacional. Pero insistindo en Marx, este xa denunciou o uso demagóxico que na súa época (tamén nesta) fan as grandes potencias imperialistas do dereito de autodeterminación, dos dereitos nacionais ou do que na súa época se coñecía como “principio das nacionalidades” para asegurar o seu dominio.

O xesuíta vasco Gotzon Garate escribe nun tratado ao respecto: «Con ironía fai notar Marx que o principio das nacionalidades sirve de escusa a Rusia para que ningunha outra nación se envurulle nos asuntos das nacionalidades eslavas, e finalmente estas fagan valer a súa condición de irmáns de raza para formar un grande imperio paneslavo ás ordes de Moscova». (Marx y los nacionalismos separatistas, San Miguel, Bilbo, 1974, p. 126).

Hoxe, o “principio das nacionalidades” é utilizado arbitrariamente polo imperio ianqui e alemán para dobregar as independencias dos Pobos e impoñer estados satélites.

O secretario da Internacional Comunista e primeiro presidente da Bulgaria socialista, Dimitrov, lembraba xa en 1935 o verdadeiro sentido que daba Marx á cuestión nacional: «Os intereses da loita de clases do proletariado contra os explotadores e opresores patrios non están en pugna cos intereses dun porvir libre e feliz da nación. Ao contrario: a revolución socialista será a salvación da nación. E abriralle o camiño para un avance máis esplendoroso... os comunistas da nación opresora tampouco poderán facer o que é necesario para educar ás masas traballadoras da súa nación no espírito do internacionalismo se non libran a súa loita decidida contra a política de opresión da súa “propia” burguesía, polo dereito da completa autodeterminación das nacións escravizadas por ela... pois como ensinaba Marx, o pobo que oprime a outros pobos xamais pode ser libre». (“Informe ante o VII Congreso da Internacional Comunista”).

É certo que a única referencia que fai Engels aos vascos non é moi eloxiosa. Ao citar o que el considera «restos de nación esmagados desapiadadamente pola marcha da historia» inclúenos aos «vascos en España, seguidores de Don Carlos» (Citado por Gotzon Garate, p. 167).

Coidamos que é necesario unha análise materialista correcta das insurreccións populares vascas dirixidas polos carlistas do pasado século. Análise que xa foi correctamente realizada por ETA hai moitos anos: «As masas campesiñas, pequeno burguesas e preproletarias vían os Foros da clase dominante como unha cousa súa e podían sentir o liberalismo español como unha efectiva invasión estranxeira e aos liberais bilbaínos e donostiarras como traidores, como beltzak... O contido real daquela loita, lonxe de ser a conservación da independencia nacional vasca, estaba condenada a ser o dun forismo profeudal, inseparabelmente unido ao destino do representante reaccionario da estranxeira coroa española... Mentres que a loita dos patriotas vascos actuais é UNHA LOITA REVOLUCIONARIA, a dos combatentes carlistas era contrarrevolucionaria con todas as súas consecuencias». (“Hacia una estrategia revolucionaria vasca”, K. De Zunbeltz, Iraultza, nº 1, pp 60 e 65).

Por iso precisamente a loita actual está inspirada nas verdades universais formuladas por Marx e Engels e por iso Engels non vía con bos ollos a orientación daquela.

B) Lenin

O combatente máis incansábel polos dereitos nacionais dos Pobos (e, ademais, pola unidade indestrutíbel de todo o proletariado mundial) de todas as épocas foi Vladimir Ilich Lenin. É certo que Marx e Engels non profundaron nunha visión abstracta e acabada sobre a cuestión nacional (tampouco fixeron unha definición científica das clases sociais e ninguén dubida do seu compromiso coa emancipación da clase obreira e de todos os explotados). Porén, Lenin outorga unha grande preocupación teórica e política a este tema e imponse en duros debates a outros compañeiros revolucionarios de grandes méritos, mais que erraron en non dar á cuestión a importancia que ten. En 1912, Lenin observa no seu exilio na cidade polaca de Cracovia, cando Polonia era un estado vasalo do imperio ruso, a dominación nacional que sofren os polacos e faille este comentario ao seu compañeiro Stalin: «Os polacos detestan a Rusia e non sen razón. Non podemos ignorar a forza do seu sentimento nacional. A nosa revolución deberá tratalos con moito coidado e incluso autorizalos a rachar con Rusia se é necesario». (Citado polo autor trotskista Isaac Deutscher na súa obra Staline, Gallimar, París, 1953, p. 156).

Lenin suxeriu a Stalin nese momento a redacción da súa obra O Marxismo e a cuestión nacional da que falaremos despois. Lenin depura as súas posicións en polémica con outros revolucionarios da súa época. En 1912 escribe Notas críticas sobre o problema nacional na que defende que o programa marxista sobre este tema inclúa dous puntos principais: «Primeiro, defende a igualdade de dereitos das nacións e dos idiomas (e tamén o dereito de autodeterminación...) e considera inadmisíbel a existencia de calquera privilexio neste aspecto; segundo, propugna o principio do internacionalismo». (Notas críticas sobre o problema nacional, Progreso, Moscova, 1979).

Lenin estabelece unha posición dialéctica e xusta que une os dous principios e que aborda a cuestión nacional desde o punto de vista da loita de clase. Di tamén: «Se o marxista ucraíno se deixa levar polo seu odio, moi lexítimo e natural, aos opresores rusos, até o extremos de facer extensiva aínda que só sexa unha partícula dese odio, aínda que só sexa certo distanciamento, á cultura proletaria e á causa do proletaria dos obreiros rusos, ese marxista irá parar á poza do nacionalismo burgués. Do mesmo xeito que se deslizará o marxista ruso á poza do nacionalismo non só burgués, senón tamén ultrarreaccionario, se esquece, aínda que sexa por un intre, a reivindicación da plena igualdade de dereitos para os ucraínos ou o deito destes a constituírse en Estado independente» (Idem pp. 19 e 20).

Esta análise é doadamente traída á Euskal Herria do 2000, na que existen algúns patriotas vascos que chapinan na poza citada, mentres que toda Izquierda Unida-PCE navega coas velas despregadas nos noxentos lameiros do españolismo reaccionario.

En 1914 Lenin escribe a folla Sobre o dereito das nación á autodeterminación en loita dialéctica coa revolucionaria Rosa Luxemburgo (cuxa memoria de mártir da clase obreira alemá europea asasinado pola socialdemocracia traidora saudamos) que non considera conveniente loitar polo citado dereito. Lenin estabelece con claridade a posición a respecto: «Por autodeterminación das nacións enténdese a súa separación estatal das colectividades de nacionalidade estraña, enténdese a formación dun Estado nacional independente».

Neste traballo Lenin axusta contas con Trotski, que desde 1903 levaba atacando as súas posicións e acusándoo de «burócrata»: «Trotski presta realmente un mal servizo a certos admiradores de Rosa Luxemburgo cando di “... Os marxistas polacos consideran que o dereito á autodeterminación nacional carece en absoluto de contido político e debe ser suprimido do programa”. O servizal Trotski é máis perigoso que un inimigo! En ningures, se non é en “conversas particulares” (é dicir, sinxelamente en chismes, dos que sempre vive Trotski) puido atopar probas para incluír aos “marxistas polacos” en xeral, entre os partidarios de cada artigo de Rosa Luxemburgo. Trotski presentou aos “marxistas polacos” como xente sen honra e sen conciencia, que non sabe tan sequera respectar as súas conviccións e o programa do seu partido. O servizal Trotski!... Xamais, nin nun só problema serio do marxismo, tivo Trotski opinión firme, sempre “se meteu pola fenda” destas ou desas diverxencias, pasando dun campo ao outro» (Idem. Pp. 53 e 54).

En 1916 replica ao trotskista ucraíno Piatakov que rexeita o dereito de autodeterminación no artigo “Sobre a caricatura do marxismo e o economismo imperialista” no que escribe: «A autodeterminación das nacións é so o mesmo que a loita pola liberación nacional completa, pola independencia completa». (Recompilado en Contra a guerra imperialista, Progreso, 1978, p. 216).

Cando triúnfa a revolución, Piatakov seguen dándolle a roncha a Lenin con que a autodeterminación é un «lema burgués». Lenin respóndelle con outra frase xenial: «Dinnos que Rusia será dividida, que se desfará en repúblicas separadas, pero non hai razón para que iso nos asuste. Por moitas repúblicas independentes que haxa, non nos asustaremos; o que é importante para nós non é por onde pase a fronteira do Estado, senón que a unión dos traballadores de todas as nacións se conserve para a loita contra a burguesía de calquera nación». É o que hoxe repetimos aos españois progresistas que tremen porque se desfaga a vella España monarco-reaccionaria. A independencia de Euskal Herria dará paso a unha maior estreita unidade da clase obreira combativa de ambos os dous pobos (libre da desconfianza, a división e até o odio que xeran as relacións de dominación) e a maiores derrotas da burguesía imperialista e rapaz.

C) Stalin

A onda contrarrevolucionaria mundial, ben apoiada por esquerdistas arrepentidos, fixo de Stalin un “autor maldito” malia que a súa obra, antes citada, non só é unha referencia mundial indubidábel senón que nos 80 JARRAI mercou decenas de exemplares da mesma á casa editorial correspondente para que todos os seus futuros militantes a estudasen (se alguén pensa que contamos un conto que lle escriban unha carta ao preso político vasco José Antonio Enbeita “GORRI” preguntándollo).

Abordamos este tema coa brillante axuda dun grande historiador francés amigo da causa vasca, Pierre vilar, presente no gran cincuentenario do bombardeo de Gernika en 1987, organizado polo MLNV xunto con outras forzas sociais e políticas:

«Un subterráneo terrorismo intelectual impulsa a pedir perdón por citar a Stalin. Isto quizais poda explicarse, pero o que non ten explicación posíbel é que haxa que encarar calquera texto de Stalin co cello engurrado. O peor método a seguir se se quere xulgar a un home é tomalo por parvo e non é lícito, en calquera caso, transgredir as regras elementais da crítica por propia conveniencia, como fai o historiador americano Ricahard Pipe... Segundo el, cando Lenin, en decembro de 1912, encargou a Stalin un artigo sobre a nación foi ao chou, en ausencia de Shumian, o verdadeiro experto, xa que Stalin non escribira nada sobre o tema por entón. E a maioría dos historiadores dan a razón a Pipes pregoando a súa talla de erudito! Abonda con abrir as Obras Completas de Stalin –que si que se poden atopar (están na Biblioteca Central da UPV no Campus de Leioa; nota nosa)- para encararse... cun longo artigo datado en 1904 e titulado: “Como entende a socialdemocracia a cuestión nacional?” E preguntarse en consecuencia cal é o método de traballo dos historiadores. Artigo fundamental que explica a razón pola cal Lenin, en carta a Gorki (febreiro de 1913), fale dun «marabilloso xeorxiano que traballo no problema nacional...»

«As súas apreciacións coinciden coas de Lenin, hai que loitar contra a opresión do Estado e non a prol da ideoloxía nacionalista. Hai que proclamar o dereito ao “divorcio” e non a obriga de divorciarse. Corresponde ás nacionalidades demostrar a súa madurez. Non hai nación en si senón conciencias en formación segundo diversos graos de esixencia política».

«Ante estas constatacións, como sorprenderse de que en 1913 Lenin encargue a Stalin un artigo “teórico” sobre a “nación”, rebatendo aos “austro-marxistas”? Sempre, segundo Pipes, é un tópico afirmar que Lenin non ficou moi satisfeito co artigo e hai varios indicios ao respecto. Mais esquecen un: en 1917, Lenin confiou a Stalin a Comisaria das nacionalidades» (“Sobre os fundamentos das estruturas nacionais”).

E, exercendo de comisario do Pobo das nacionalidades, Stalin dixo aos socialdemócratas finlandeses en 1917: «Dáse total liberdade de determinar a súa propia vida aos finlandeses ao igual que aos outros pobos da Rusia». En 1921 Stalin recoñeceu unha ampla autonomía, a restitución das terras incautadas polos tsares aos campesiños e a “chariah” musulmá aos pobos musulmáns do norte do Cáucaso e estes, reciprocamente, crearon a República Soviética dos Montañeses que incluía a actual Chechenia (masacrada polo neotsarismo capitalista de Ieltsin-Putin), Ingushetia, Osetia e outros territorios.

Interésanos subliñar que os intelectuais progresistas máis serios e menos submisos ao totalitarismo burgués consideran a obra de Stalin O Marxismo e a cuestión nacional un aporte clásico e, xa que logo, de permanente actualidade. Ademais dos citados Henri Lefebre e Pierre Vilar, dous sociólogos vascos inscritos na esquerda abertzale recoñeceron que «ninguén pon en dúbida a personalidade de Stalin nos asuntos concernentes ao problema nacional» e a súa «reputación como autoridade respectábel nesa materia» Paulo Iztuta, Jokin Apalategi, (El marxismo y la cuestión nacional vasca, Itxaropena, Zarauz, 1977).

O historiador inglés Eric Hobsbawn (hoxe o máis prestixioso) recoñece que a obra citada de Stalin «exerceu moita influencia internacional, non só entre os comunistas, senón sobre todo no mundo dependente» e estima que a definición que nela Stalin dá da nación «é probabelmente a máis coñecida» (Naciones y nacionalismo desde 1780, Crítica, Barcelona, 1997).

A definición en cuestión é esta: «A nación é unha comunidade humana, estábel, historicamente constituída, de idioma, vida económica e formación psíquica que se traduce nunha comunidade de cultura».

Existe outra posición de Stalin que consideramos útil na actualidade. A que se refire á necesidade que ten «o proletariado das nacións dominantes de prestar un apoio resolto e activo ao movemento de liberación nacional do pobos oprimidos». Stalin pregúntase se é necesario apoiar indiscriminadamente a todos. A súa resposta é que só «aos que tenden a debilitar e derrocar o imperialismo e non a mantelo e consolidalo» (Principios do leninismo, Edicións en linguas estranxeiras, Pequín, 1969).

É claro que os movementos mafiosos e fascistas que tomaron o poder nalgunhas ex repúblicas socialistas, como por exemplo os chamados “frontes populares” bálticos de hai 10 anos, os integristas procapitalistas en Chechenia e Bosnia, o ditador pro OTAN de Xeorxia, Shevarnadze (antigo dirixente do PCUS na época de Gorbachev), os neonazis en Croacia, os terroristas a soldo da OTAN do antigo “Exército de Liberación de Kosovo”, etc. E outros movementos de extrema dereita como o Vlaams Block flamenco e a Liga Norte italiana e o arquifeudal e escurantista movemento do Dalai Lama tibetano, empregado como ariete contra a China Popular, non só non merecen apoio senón o rexeitamento máis activo de todos os antiimperialistas e antifascistas. Pola contra, auténticos movementos de liberación como a Fronte Polisaria, a Fronte Popular para a Liberación de Palestina, a Fronte de Liberación Nacional Kanak e Socialista, os patriotas libaneses antisionistas, o movemento republicano irlandés nas súas diversas vertentes, os patriotas comunistas galegos e cataláns, o movemento corso, o movemento revolucionario de liberación dos negros norteamericanos, as Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia, a Revolución Cubana, as masas iugoslavas e iraquís antiimperialistas, os movementos indíxenas e campesiños do Ecuador, os lumumbistas congoleses, o Novo Exército Popular do Pobo das Filipinas e outros moitos máis, merecen un activo apoio solidario. Tamén observamos como antigos movementos de liberación optan por diversas razóns pola vía da claudicación e o paso ás fileiras inimigas. É o caso dalgunha guerrilla colombiana (M-19), da burguesía palestina ao redor de Arafat e recentemente o triste caso do PKK e o seu líder Ocalan. Véxase o clarificador artigo “O dobre drama do pobo kurdo” publicado en Resumen Latinoamericano, nº 45, xaneiro-febreiro do 2000.

Cando isto se produce, de maneira automática deixan de ser suxeitos de solidariedade internacionalista. Lamentamos que, malia a experiencia destes últimos anos, aínda non se instalara en toda a esquerda abertzale esta simple e clara reflexión, o que lle levou a ir aos tombos, a illarse e, a miúdo, a meter o zoco.

D) James Connoly e outros

As loitas de liberación nacional máis importantes do século XX foron dirixidas por loitadores inspirados no marxismo. Na Palestina George Habache e Nayef Hawatme, no Sáhara Occidental Mohamed Lamine, na Guinea Amilcar Cabral, en Ghana N’Drumah, no Surinam Anton de Kom, Charles Balagne en Guadalupe, Camille Sylvestre na Martinica, en Alxeria Houari Boumediene, en Angola Agostinho Neto, no Vietnam Ho Chi Minh e Phan Van Dong, en Mozambique Samora Machel, en Birmania Aun Sang, en Corea Kim Il Sung, na India Manabendra Roy e tantos e tantos máis, coñecidos e anónimos. Os Partidos Comunistas loitan activa e militarmente contra a dominación nacional e colonial dos pobos de Chipre (anos 20 e 30), Iraq (30), Siria (20 e 30), Sudán (40), Indonesia (20 e 30), Vietnam (dos 30 aos 70), Laos e Campuchea (anos 60 e 70), China (40), a India (30 e 40), Malaisia (50), Líbano (70) e outros, sen contar as loitas armadas contra a dominación nazi-fascista na II Guerra Mundial en Europa.

Mais queremos deternos particularmente no pensamento e a loita dos revolucionarios máis achegados. En Irlanda está a grande figura de James Connoly, o primeiro marxista que uniu a loita de liberación nacional irlandesa coa loita polo socialismo. En todos os países onde viven oriúndos de Irlanda hai asociacións fundadas na honra de James Connoly. Loitou contra o desmembramento de Irlanda. No seu traballo A Reconquista de Irlanda (1914) expuxo os métodos usados pola burguesía anglo-irlandesa para evitar a alianza entre os traballadores protestantes e a poboación católica castigada e empobrecida. Era partidario de unir ao movemento obreiro. Outros traballos seus son A clase obreira na historia de Irlanda (1910) e a biografía do xefe da insurrección de 1798 Wolfe Tone. O Movemento Republicano Socialista Irlandés, formado pola organización armada INLA, o Partido Socialista Republicano Irlandés (IRSP) e os prisioneiros de guerra socialistas republicanos, considérase herdeiro de James Connoly. Foi executado polos imperialistas británicos en 1916 após a insurrección independentista de Pascua en Dublín.

En Córsega destacan dúas figuras: Simon Jean Vinciguerra, grande intelectual en lingua corsa e resistente antifascista, membro do Partido Comunista. Escribiu: «Hai que lembrar que a lingua francesa foinos imposta, que é a lingua dos que nos gobernan... Nunha lingua está toda a alma e o espírito dun pobo. E nós, corsos, somos un Pobo!». E Jean Nicoli. Resistente comunista á invasión fascista de Córsega. Salvaxemente asasinado polos fascistas en agosto de 1943. Na última carta aos seus fillos di «Morro por Córsega e polo Partido». Na Galiza dos nosos días destaca Mariano Abalo, ex secretario xeral da Unión do Pobo Galego que racha con esta organización e co BNG cando se impón a liña socialdemócrata e crea o Partido Comunista de Liberación Nacional e a Frente Popular Galega. Foi alcalde de Cangas do Morrazo, fiel sempre á solidariedade internacionalista coa loita do Pobo Vasco.

II. A FORMACIÓN DA NACIÓN VASCA

Nós defendemos a tese de que a Nación forxou a súa conciencia pasando por tres fases sucesivas e progresivas: a fase forista-carlista, que é un momento embrionario e primitivo da conciencia nacional alienado pola ideoloxía ultrarreaccionaria do carlismo integrista, feudal e arquimonárquico; a fase do nacionalismo burgués na que por vez primeira Sabina Arana, afirmando «Euskadi é a patria dos vascos» e «non somos nin españois nin franceses» senta as bases da conciencia nacional moderna. Racha parcialmente coa ideoloxía carlista, pero arrastra as adherencias reaccionarias do antiobreirismo, racismo, antimaketismo, integrismo católico, etc., propias desa ideoloxía; por último, a fase da conciencia nacional e popular enmarcada no pensamento liberador de Marx e Lenin construída por ETA na ruptura co nacionalismo burgués. Esta é a fase superior e a máis democrática, progresista e consecuente.

A Nación vasca non se fundamenta en ningunha bobada racial, como afirmaba Arana, senón na vontade política da maioría popular. É á clase obreira á que ten que asumir un rol decisivo e directivo. Únense por vez primeiro a revolución socialista e a liberación nacional, e de maneira natural e lóxica acódese aos pensadores que teorizaron esta unidade.

Esta evolución non hai que vela de maneira dogmática nin mecánica senón dialéctica. Cada fase foi necesaria e compartiu elementos positivos e negativos e loitas internas entre correntes e fraccións de clase enfrontadas. Non se avanzou tampouco de maneira constante senón que, coa calor da loita de clases, se producen retrocesos en ocasións. Tampouco este proceso está á marxe da situación internacional senón completamente influído por esta, para o bo e para o malo. Por exemplo, Arana fai súas as teorías sobre a existencia e a superioridade da “raza” inventadas polo nacionalismo romántico europeo do século XIX. O conde francés de Gobineau di no seu Ensaio sobre a desigualdade das razas humanas (1853-1855) que «toda civilización é produto da raza branca». Marx cualificouno de «cabaleiro da barbarie».

Nos anos 60, os militantes de ETA rachan co nacionalismo burgués, achéganse á clase obreira revolucionaria, descobren aos seus grandes pensadores e fannos seus. Asumen a táctica das 4 frontes exposta polo comunista vietnamita Truong Chin: a fronte militar, fronte cultural, fronte obreira e fronte política. Asumen as ideas de Mao, de Lenin e de Marx, mentres os nacionalistas pequeno burgueses da primeira xeración abandonan a organización desconformes coa adopción do marxismo. Este é o caso de Txillardegi que abandonou ETA en 1967 e que no 2000 segue a insistir no seu vello anticomunismo con cheiro a naftalina, coas costas cubertas polo avance das forzas contrarrevolucionarias a nivel mundial. A pequena burguesía é derrotada e ETA renace como grande vangarda revolucionaria de todo o Pobo cando asume o MARXISMO-LENINISMO na segunda parte da V Asemblea en 1966. Así o escriben os presos no cárcere de Burgos no seu manifesto de 1970:

«ETA definiuse na V Asemblea, sen límites de ningún tipo, como organización socialista. Tampouco cabe ningunha dúbida no tocante ao tipo de socialismo que definimos: nin humanista nin reformista nin nada polo estilo: marxista-leninista. Ao ficar definida como organización socialista, quedaba rexeitado que ETA fose unha fronte nacional, a non ser que o que constituíramos fose unha fronte nacional socialista, cousas absurda... O programa político dos marxistas-leninistas non é unha técnica para captar incautos, senón a expresión fiel dos intereses de clase do proletariado».

O chauvinismo estreito é substituído polo internacionalismo proletario: «O Pobo Vasco é solidario cos pobos español e francés no seu enfrontamento con esta oligarquía opresora». A clase que asume a loita nacional é o proletariado arrebatándolle a dirección á burguesía: «Durante máis de medio século o nacionalismo vasco foi dirixido pola burguesía. Despois, coa consolidación do poder monopolista no Estado español sobre todo, as contradicións foron a máis e o nacionalismo vasco devén revolucionario. A partir deste momento a burguesía nacional comeza a ser desprazada polo proletariado». A V Asemblea recoñece que «a clase obreira é a clase máis revolucionaria e a que debe dirixir, xa que logo, a Revolución Vasca». Todas estas citas están tomadas do libro de Iztueta e Apalategi xa citado.

Esta revolución ten como obxectivo construír o socialismo e a sociedade sen clases. O filósofo francés Jean Paul Sartre recoñece no seu prólogo ao libro de Giselle Halimi Le procés de Burgos en 1970 que a maioría de dirixentes de ETA «parecen marxistas-leninistas». (“El documento de Burgos”, Punto y Hora, 172, abril 1980).

Estas definicións son dunha importancia transcendental para a constitución dunha conciencia nacional democrático-revolucionaria e consideramos fundamental que o MLNV as reasuma na súa integridade. Toda a nosa homenaxe militante aos compañeiros que levaron a loita a este nivel: Jokin Gorostidi, Itziar Aizpurua, Txutxo Abrisketa, Goio López Irasuegi (falecido após a súa última loita contra os liquidadores de EE), Arantza Arruti e o resto dos procesados en Burgos en 1970 (a excepción dos socialdemócratas traidores), os irmáns Enbeita, Madariaag, Xabier Bareño, Beltza, Mikel Etxeberria, Txomin Ziluaga, os irmáns Etxebarrieta desgraciadamente falecidos e tantos máis.

O precedente e a primeira pedra da concepción democrática e revolucionaria da Nación Vasca foi a posición que asumiron os comunistas vascos da Federación Vasco Navarra do Partido Comunista de España que en 1935 crearon o Partido Comunista de Euskadi. Posición fundamentada no marxismo-leninismo e na crítica que realizou a Internacional Comunista (I.C.) en 1931 ao PCE para que abandonase a liña antileninista, españolista e de negación do dereito de autodeterminación que viña seguindo:

«A situación presente, na cal a loita nacional de Catalunya, Vasconia e Galiza converteuse nun dos factores máis importantes do desenvolvemento da revolución democrática española, crea o deber ao Partido de operar unha viraxe seria na súa política nacional... o Partido debe propagar por todo o país o dereito de Catalunya, Vasconia e Galiza a dispor delas mesmas até a separación. Debe defender este dereito con grande enerxía ante os obreiros de España, para destruír a mentalidade hostil ao nacionalismo catalán, vasco e galego. En Catalunya, Vasconia e Galiza, os comunistas deben facer comprender aos obreiros e campesiños a necesidade da súa estreita unión cos obreiros e campesiños revolucionarios de España para levar con éxito a loita contra o imperialismo español, para desenmascarar as vacilacións dos nacionalistas, chamando ás masas a usar libremente de maneira absoluta o seu dereito a dispoñer delas mesmas até a separación...»

Esta política significaba rachar a influencia que exercía a equivocada liña antivasca do PSOE que contribuía a dividir ao proletariado vasco e significou que por vez primeira sectores proletarios encabezasen a loita nacional. Política que se reflicte nestas verbas de 1934:

«O comité rexional da Federación Comunista Vasco-Navarra, partindo do feito rigoroso da existencia do movemento nacional-revolucionario de Euskadi e das arelas, fondamente sentidas, de emancipación e liberación nacional das masas populares vascas, en estreita intelixencia co noso Partido Comunista da nación opresora e a nosa gloriosa I.C., fai público ante as masas oprimidas de España, Catalunya, Galiza, Euskadi e Marrocos, o propósito firme de ir á creación do Partido Comunista Vasco» que «aspira a ser a vangarda consciente, activa, organizada e combatente do proletariado revolucionario vasco. E só o proletariado revolucionario vasco, dirixido polo seu Partido Comunista, arrastrando ao seu lado a todos os obreiros, a todos os campesiños laboriosos, a todos os explotados e oprimidos de Euskadi, impulsará até o seu triunfo a liberación nacional e social vasca da vasalaxe e opresión do imperialismo español». (“Hacia la creación del Partido Comunista Vasco”, Euskadi Roja, nº54, 31 marzo 1934).

O cume organizativo e militante representouno o dirixente comunista Jesús Larrañaga Txurruka “Goiherri” e todo o PC de Euskadi que converteron a este partido no máis bravo defensor de Euskal Herria nos campos de batalla de 1936 a 1939. A derrota militar, o seu asasinato a mans do franquismo e a desaparición da I.C., que tan boa tarefa de vixilancia leninista exercía, permitiu á dirección do PC de España, con Carrillo á cabeza, liquidar a liña leninista e volver a basearse no españolismo divisor da clase obreira. Este baleiro encherano desde finais dos 60 a nova vangarda da Revolución Vasca: Euskadi ta Askatasuna (ETA). Nós recoñecémonos como modestos pero firmes continuadores da liña marxista-leninista de Goiherri e do Partido Comunista de Euskadi de 1935 a 1937 e da liña marxista-leninista de ETA e da esquerda abertzale e revolucionaria.

A concepción m-l de ETA permítelle entender a relación entre as diversas clases sociais de Euskal Herria, estender o seu traballo entre a clase obreira até dar lugar á creación do sindicato LAB (que nesta ano 2000 cumpre felices 25 anos de loita), a comprender a nova táctica empregada pola oligarquía após a morte de Franco, utilizar a loita armada non para substituír a loita de masas como o acusaban os trotskistas, senón para impulsala, activala e protexela, golpear ao aparello de represión con exactitude e facer, en definitiva, da Nación Vasca unha trincheira de combate das ideas máis progresistas e máis democráticas. Son enormes acertos seus a creación de novos partidos obreiros abertzales como LAIA e HASI, a creación dunha ampla Unidade Popular ao redo da “Mesa de Alsasua”, o rexeitamento activo á constitución española, a crítica consecuente da claudicación da esquerda española do PSOE-PCE, o nacemento dun xornal de masas e a eliminación do grupo socialdemócrata que se fixera forte nel, a loita consecuente contra a oligarquía financeira en todas as frontes, a práctica activa do internacionalismo proletario con outras nación sen estado europeas e o movemento de liberación do terceiro mundo. A elaboración teórica da esquerda abertzale expón o carácter da futura revolución socialista vasca e a necesidade da organización:

«A revolución socialista, polo seu carácter intrínseco, esixe a participación activa e consciente da maioría dos oprimidos. A toma do poder e a desaparición paulatina do estado non pode ser realizada por unha minoría consciente e radicalizada, senón que só pode ser obra do proletariado xunto coas capas populares oprimidas... Negar a necesidade do partido, significa desarmar á clase obreira do instrumento indispensábel da súa liberación e abandonala á sorte da ideoloxía burguesa». (“El partido revolucionario”, Lantzen, LAIAren aldizkari, 1978).

A esquerda abertzale é o punto de converxencia natural de moitos militantes comunistas, marxistas e progresistas non dispostos a claudicar ante as manobras do inimigo de clase: a Organizacion Comunista de Euskadi (Bandera Roja)-OCE-BR intégrase en HASI, LAB e ETA e o seu responsábel político, Carlos Lucio, ofrece a súa vida no combate armado; intelectuais do Estado como Alfonso Sastre, Eva Forest, José Bergamín, Justo de la Cueva, De la Mata, etc. fixan a súa residencia en Euskadi; ex militantes de ORT, PTE, AC, PCE, PCE VIII-IX, PCT, MC, LCR, e outras organizacións comunistas intégranse no MLNV; veteranos do PSOE como Miguel de Amilibia, deputado socialista da Fronte Popular e presidente da Junta de Defensa de Gipuzkoa na guerra fan o mesmo. Ademais de antigos jelkides de dereita que como Telesforo de Monzón viven unha nova xuventude abertzale e popular nas fileiras do MLNV.

Queremos subliñar tamén a importancia do feito que comunistas exerceran funcións de dirección do MLNV nos anos 70 e 80. Parécenos indiscutíbel a importancia central dun cadro comunista de alto nivel como Jose Miguel Beñaran “Argala” no deseño da política de ETA e do MLNV tanto en contra da última fase da ditadura fascista como da instalación do réxime de dominación monarco-liberal. Non se comprende o xurdimento de dirixentes desa calidade política sen a acumulación revolucionaria de ETA e de todo o Pobo desde décadas anteriores. Non cansaremos de sinalar en Argala as virtudes dun auténtico militante comunista vasco do século XXI, servido do Pobo e da clase obreira e portador dunha nova moral, a marxista-leninista.

Non nos parece casual que a dirección represiva do estado capitalista español, o servizo secreto militar, asasinara aos dous dirixentes que exerceron un rol máis destacado na orientación revolucionaria do MLNV: Argala e Santi Brouar. A actividade política do partido HASI (Herriko Alderdi Sozialista Iraultzailea) até o seu III Congreso nos anos 80 supón outro momento excepcional na organización da Unidade Popular – Herri Batasuna, na combinación acertada da loita institucional e de masas e na construción dunha conciencia nacional democrática e internacionalista. O seu presidente Santi Brouard afirma que «a loita é a nosa principal arma cara á conquista da Independencia e o Socialismo en Euskadi». (Santi Brouard: “Lucha y organización, la clase de la victoria”, Punto y Hora, nº 321, 1983).

A liquidación deste partido, a finais de 1987, parécenos un episodio funesto para a loita nacional e social en Euskal Herria, cuxos autores e responsábeis (non os simples executantes) aínda lle deben ao noso Partido unha explicación honesta e transparente. A nosa hipótese é que se produciu unha alianza das forzas pequenoburguesas non dispostas a aceptar a hexemonía comunista conseguida a pulso polo traballo esforzado dos militantes de HASI e outros revolucionarios do MLNV. Se nos equivocamos rectificaremos moi a gusto ante a explicación razoada que demandamos.

A liquidación de HASI coincide co esboroamento do campo socialista nucleado ao redor da URSS e isto permite aflorar á corrente pequenoburguesa socialdemócrata e anticomunista que se mantivo á espreita do seu momento no MLNV. Un caso escandaloso, e que aínda exerce certa influencia, é o de Txillardegi.

Cando en agosto de 1991 a Mesa Nacional de HB se nega a condenar o intento de restabelecer a orde soviética por unha parte da burocracia que quere evitar a contrarrevolución que levou á ex URSS ao caos absoluto, á guerra civil e ao saqueo por unha banda de criminais sen escrúpulos capitaneados por Ieltsin, Txillardegi publica no Enbata “Fallait-il condamner le putsch?” (Txillardegi, Enbata, nº 1190, 29 août 1991, Baiona), un texto atacando ao órgano ao que pertence e eloxiando ao criminal Boris Ieltsin:

«Se existe alguén que mostrou sensibilidade efectiva fronte aos problemas nacionais ese é Ieltsin. No relativo ao golpe, é el quen fixo rapidamente fronte aos conspiradores... Ieltsin é un antigo dirixente de alto nivel do PCUS: e coñece mellor que os esquerdistas occidentais de salón o que o sistema comunista deu».

Fronte á Mesa de HB, que propón a volta aos ideais de 1917, «esmagados por Gorbachev e Ieltsin» este demagogo di que «é falso... Condenemos o golpe sen reservas» e demanda unha esquerda «humanista, non burocrática, non estalinista, pluralista».

Baixo a bandeira do antiestalinismo, apoia ao Ieltsin en agosto de 1991, que se dispón a lanzarse sobre o estado soviético para afundilo e saquealo, arruinar á poboación, bombardear o parlamento ruso, destruír Chechenia e facer renacer o vello tsarismo. O anticomunista Txillardegi é cómplice político do bandido Ieltsin.

Este discurso envelena a un sector da esquerda abertzale que abandona toda referencia ao socialismo e ao marxismo, aferrándose a unha concepción maximalista da independencia, desprovista do contido revolucionario que ETA lle imprime desde finais dos 60.

Acorde a estes tempos de contrarrevolución, JARRAI abandona a comezos dos 90 o marxismo nos programas de formación dos militantes e Egin adopta unha liña cada vez máis anticomunista. O internacionalismo solidario nas relacións exteriores é substituído polo apoio a procesos contrarrevolucionarios que desintegran estados socialistas federais e favorecen a neocolonización occidental. O pragmatismo neosocialdemócrata non conduce á loita nacional e social de Euskadi a ningures e confunde á militancia. Afástanos dos nosos aliados naturais que son os auténticos movementos de liberación nacional, os sectores democráticos e revolucionarios e os réximes progresistas.

Nós estamos por recuperar a liña histórica do MLNV, que une inseparabelmente liberación nacional e social co horizonte posto na constitución dunha República Popular de Euskal Herria. Hoxe, coma onte, a alternativa máis razoábel é máis democrática é INDEPENDENTZIA TA SOZIALISMOA.

GORA EUSKAL HERRIA ASKATUTA
GORA EUSKAL HERRIA SOZIALISTA
GORA MARXISMO-LENINISMOA


Ler máis

Etiquetas:

2 Comments:
  • At 6/27/2008 10:10:00 da tarde, Anonymous Anónimo said…

    Na Galiza dos nosos días destaca Mariano Abalo,[...] Foi alcalde de Cangas do Morrazo, fiel sempre á solidariedade internacionalista coa loita do Pobo Vasco.

    Abalo nunca foi alcalde de Cangas

     
  • At 6/27/2008 10:35:00 da tarde, Blogger estoutras@yahoo.com said…

    Certo. Pequeno lapsus dos camaradas do antigo EHK. Abalo foi presidente da xestora municipal.
    Grazas polo comentario.

     

Enviar um comentário

Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.

<< Início
 
Contacto
Música ESONS
Última actualización (13/09/12):
Il Nostro Rancore, Trade Unions
Poesia VERSOS DE COMBATE
Última actualización (24/8/12):
Amencer, Florencio Delgado Gurriarán
Tradutor-Translator-Переводчик-Übersetzer
Arquivo
Pesquisas

ENP Estoutras Notas Políticas. Resolución 1024x768
ecoestadistica.com